Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

17 de agosto, Día de Galiza Mártir



Artigo publicado pola Confederación Intersindical Galega, 14/08/2002 


Nunha das súas derradeiras cartas, a piques de ser fusilado, Alexandre Bóveda afirmaba unha vez máis: “traballei por Pontevedra, por Galiza, pola República...”. 

Alexandre BóvedaCoincidindo co fusilamento de Bóveda o 17 de agosto de 1936 en A Caeira, Pontevedra, o galeguismo no exterior fixou o Día de Galiza Mártir ou Día dos Mártires Galegos en 1942. Quíxoselle render homenaxe deste xeito ás ducias de persoas que deron a súa vida na loita contra a dictadura franquista. 

A revista A Nosa Terra do 25 de xullo de 1942 apresentaba así o tema:

“A Irmandade Galega, nunha felis inspiración patriótica, tomou o acordo de instituír como Día dos Mártires Galegos a data do 19 de agosto (un erro evidente de imprenta). Nun día como ise do ano 1936, as forzas negras da reaución nemigas da liberdade de Galicia e treidoras a República Hespañola, fusilaron ao mártir máisimo da Patria Galega: Alexandre Bóveda, segredario do Partido Galeguista.

Ningunha data máis axeitada que isa, pra nela lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo seu ‘delito’ de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales a República Hespañola. Isa data, Día dos Mártires Galegos, ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os treidores de Galicia e pra os que decretaron i executaron as mortes dises milleiros de irmáns nosos”.

A Nosa terra do ano 1942: Día dos mártires galegos

O número do 15 de agosto de 1942,

A Nosa Terra adícalle a primeira páxina ao Día dos Mártires Galegos. 



No seguinte número, do 15 de agosto de 1942, A Nosa Terra corrixe o erro de data, e adícalle a primeira páxina ao Día dos Mártires Galegos.

Que se escollera a Bóveda para simbolizar esta data non foi unha casualidade. Morreu dun xeito baril, sen facer concesións nos seus ideais galeguistas. Nunha das súas derradeiras cartas a piques de ser fusilado afirmaba unha vez máis: “traballei por Pontevedra, por Galiza, pola República...”. El era persoa coerente, solidaria, e, militante entregado que combinaba a análise sobre temas especialmente económicos e a practica. O seu traballo a prol do Estatuto foi exemplar, primeiro redactando un proxecto no Seminario de Estudos Galegos (1931) e despois colaborando na redación do anteproxecto e da campaña ate a súa aprobación (que aconteceu o 15 de xullo de 1936).

Bóveda era católico practicante, consideraba que na sociedade galega non había escenario para a dialéctica de confrontación relixiosa “”porque os problemas de relixión están superados en todos os países cultos e resólvense na intimidade de cada conciencia.” (Mitin Redondela 1933).

Tampouco ollaba unha Galiza confrontada entre direitas e esquerdas, xa que “...chamado a dar solucións desta crise porque o mundo atravesa, e inicia un novo ciclo histórico que recolla os postulados da xustiza social, aproveite canto hai de bó no ensaio ruso, e, encadrando as novas institucións político-económicas sobre a base da federación universal das patrias naturais, guinde para sempre cos artificios estados históricos, cuxo imperialismo e inxustiza social e unitarismo pretende exaltar e perpetuar o feixismo, reación histérica, dun réxime chamado a desaparecer.” (A Nosa Terra, 14 de abril de 1934).

A súa proposta programática económica, como a do Partido Galeguista, centrase no tema dos aranceis, a modificación do sistema contributivo, a supresión de intermediarios, política de creto e, fundamentalmente, o cooperativismo. Esta alternativa xustificase na maioría social que representan os labregos e mariñeiros na Galiza da época. Pensemos que aínda en 1960 un 58% da povoación ocupada en Galiza estaba no sector agrícola.

A respeito da cuestión nacional e o marco de solución propón “Os plantexamentos de Bóveda sobre o Estatuto coincide coa táctica do Partido galeguista; apoiar a autonomía só como obxectivo mínimo e concibir o Estatuto como un instrumento mais no camiño da autodeterminación e do federalismo, obxectivo estratéxico co que mais identificación apresentan os galeguistas” (Marcos Valcarcel, A Nosa Terra extra 5-6).

Hoxe, a 56 anos de tan tráxicos acontecementos, as arelas dos galeguistas da República aínda non se conqueriron na súa gran maioría. O Estatuto carece de competencias fundamentais en materia económica e laboral que o fan ineficaz para avanzar nun contexto globalizado no que impera o neoliberalismo. O control político das institucións galegas da direita españolista en todo o período autonómico aumentou estas limitacións e afondou a dependencia, consolidando a queda económica e de povoación e, sobre todo, unha perda importante da identidade nacional. 






fonte de información: Confederación Intersindical Galega, www.galizacig.com, 14/08/2002 


Volver a: Centenario do nacemento de Alexandre Bóveda