Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Un idealista víctima dos bárbaros

O testemuño dun sobriño, Mario Blanco, quen que nos conta historias e anécdotes de Blanco Torres, das súas ideas e do seu fusilamento en 1936.

Depositario da memoria de Blanco Torres, Mario Blanco fala do seu 'tío Roberto' como un home enteiro que marcou a familia. O medo impediu o funeral

Soedade Noia e Darío Janeiro

Mario BlancoMario Blanco abre da carpeta rubricada cun "Documentos importantes para a historia da nosa familia". Todos do século XIX e XX' parte da memoria de Blanco Torres: "o tío Roberto'', como sempre lle chama. Con el conviviu no Salnés, na casa rectoral do tío Xermán, onde Roberto Blanco Torres pasou longas temporadas e por onde pasou cos amigos: Castelao, Maside, Paz Andrade...

Domingos e festivos en 'tablas' de curas dun anticlerical convencido que "sabía estar'' e noite de asasinato falanxista no 36 que o seu sobriño, Mario Blanco, describe con bágoas: "Uns bárbaros e malas almas paseárono'' di dándolle máis forza o recordar tamén ós fusilados. "Estes olliños meus viron moitas salvaxadas'', afirma este fotógrafo da guerra antes de desempolvar unha carta, das últimas, que o tío lle escribiu a Julia, a súa muller dende a cadea: "Estou ben. Ti ¿que tal estás?. Non te preocupes por min''.

Hoxe, Mario, mostra, satisfeito, os papeis esquecidos e silenciados ante a primeira homenaxe a un represaliado do 36. "Era un idealista e un home enteiro''.

- ¿Como foron os anos de convivencia en Lores?

- Do ano 17-18, que voltou da Habana ata que se casou no 26, pasou moitas temporadas en Lores (Meaño) na comarca do Salnés cos seus irmáns Leonor e Xermán, o cura. Alí aproveitaba para comer e metía en non poucos apuros a tía Leonor para xantar xa que logo de andar días, de pensión en pensión, aparecía cunha pescada ou unha bandexa de pasteis en Lores. Aproveitaba para comer. Logo botaba a partida de tresillo, un xogo de cartas difícil e noble, que enredaba ata as tantas. Eso si, tío Roberto, sempre estaba coa pluma e un pitillo nas mans. O mellor viña cos amigos: Castelao, Maside, Isidoro Millán, Paz Andrade...todos xornalistas. Noutra visita, sacaba os cans, Rebeca e Lupe, a dar un paseo. Xa o coñecían. Eu fun para pasar un mes na casa de tío Xermán e botei cinco anos na parroquia e alí, con tío Roberto, ía buscar o seu correo a Meaño. Era un home agradable, sempre falaba galego e era moi cariñoso.

- Sen embargo, significouse polas ideas anticlericais.

-Coñecino no ano 28 na casa de Lores. O tío Roberto, a pesar de que non cría nos curas, pódese dicir que, no profundo do seu ser, tiña un fondo sentimento relixioso. Co tío Xermán, que era o tenente arcipreste do Salnés, tiña discusións filosóficas e non botaba contra el. Sabía estar. Mesmo tiña compartido moitas 'tablas' cos curas da comarca porque daba conta que eran compañeiros do seu irmán. Xermán leváballe quince anos e a pesar que de que tío Roberto tiña máis cultura seguíalle a corrente a todos.

 - ¿Que pasou na familia logo de coñecerse a noticia do seu asasinato?

-  Logo da morte de tío Roberto, a familia quedou marcada, o mesmo que pasou en moitos pobos. Daquela eran roxos todos os que non eran de dereitas. Non houbo funeral aínda que os curas do Salnés, aqueles cos que convivira en Lores, oficiaran unha misa no seu recordo. Só na familia púxose corbata de loito.

- ¿Porque non fuxiu logo do alzamento fascista?

- Tío Roberto foi xefe do Gabinete de prensa do Ministerio da Gobernación con Casares Quiroga a principios de xuño do 36. Estivo en Madrid traballando polo Estatuto e presidiu, no Teatro Alcalá, o acto central de reivindicación do Estatuto que se votaría o 31 de xuño do 36. Logo veu buscar a tía Julia, a muller, a Peroxa (Ourense). O 18 de xullo estala o movemento e deixouse quedar na casa da muller, esperando -como agardaban todos- o fracaso do golpe. Non tiña medo e pensaba: ¡unha militarada máis! Non foi así.

    Botou todo o mes de setembro na cadea provincial de Ourense e alí foi visitalo tío Xermán. "Vaite tranquilo. Non me vai pasar nada" díxolle. Tío Roberto non sospeitaba o desenlace e foi unha sorpresa na familia ata certo punto. Acórdome, como se fose onte e xa pasaron sesenta anos. Collín un taxi para dar a noticia do seu asasinato en Lores. Petei na casa rectoral e abriu tía Leonor que preguntaba: ¡qué pasou!, ¡qué pasou! Tío Xermán estaba na súa habitación e nada máis abrir a porta do cuarto díxome: ¿quen foi, teu pai ou Roberto? Daquela todo o mundo estaba asustado. Tamén a meu pai salvouno Fermín Bouza-Brey das represalias.

- A súa actuación na República tampouco lle facía temer que fora paseado.

- Hai moitas anécdotas. Tío Xermán foi pasar 15 días a Palencia cando tío Roberto era gobernador. Marchou cunha licencia para dar misa e aínda que lle insistiron para que mercase un traxe marchou coa súa sotana. Nos oficios da calle Mayor, onde estaba o Goberno Civil, notaron que aumentaban os feligreses que ían escoitar a misa do 'irmán do gobernador'.

       Un día veu que tío Roberto estaba molesto e logo de moito preguntar increpoulle a tío Xermán: ¡Todos os curas sodes uns intransixentes! Foi cando chegara a orde de expulsión dos xesuítas e alí, en Carrión dos Condes, era o colexio bandeira da congregación. A tío Roberto molestáballe ter que levar a forza pública para botalos fóra. ¡Eu iso non o fago! dicíalle a tío Xerman. Así que Xermán foi falar co bispo e en poucos días desaloxaron o colexio.

    Cando estivo na cadea en Ourense reparábase que este feito podía deixalo en liberdade xa que pediron informes e foron favorables. Pero, eses malditos pegarónlle dous tiros.

- Un compromiso coas ideas republicanas que afondaba nos problemas do país.

- O pai de tío Roberto, o avó Pedro, ensinoulles por igual o latín a fillos e fillas. Unha noite, na casa de Lores, liáronse nunha discusión arredor dunha palabra en latín que, ó final, solucionou tía Leonor. Quedaron pasmados de que aquela muller, logo de tantos anos e sendo a ama da casa, lembrara a súa ensinanza en latín. Tío Roberto dominaba o castelán e o galego polo fundamento do latín. Chegou a tal punto a súa fascinación polo galego que mesmo publicou estudios linguísticos nos que aseguraba, tirando da etimoloxía latina, que o X galego quedaba só na pronuncia. Era un magnífico escritor. Escribía de todo e estaba ó día.

- ¿Cómo nace o Blanco Torres xornalista?

- Tío Roberto tiña sete anos cando a súa nai morre. Daquela a avoa falece sen saber se o tío Nuño estaba vivo, logo da insurrección na Habana onde fora desprazado. Foi a criada, Juana A Veana, quen criou a tío Roberto quen marcha para A Habana ós 17 anos onde xa ten dous irmans. Alí coñece a Vilar Ponte, Curros Enríquez. Xúntase cunha pandilla de galegos e galeguistas. O seu irmán Mundo traballaba nun banco e Nuño nunha ferretería pero se coñece que tío Roberto andivo por libre. Non tiña interese polos cartos e de feito volveu máis pobre do que foi. Polas cartas que temos, hai poucas noticias do contacto entre os irmáns na Habana onde chegaron a coincidir catro aínda que falan de ceas ou que o viran tomando café. O mello polo seu carácter esquivo. Aquí adéntrase no mundo do xornalismo e chega, con só 20 anos, a fundar dous xornais: La Patria Gallega e La Alborada, moi importantes na colonia galega na Habana. O volver é cando entra nas Irmandades da Fala e empeza a súa militancia en Esquerda Republicana.

- A súa sinatura era moi coñecida na época.

- Tío Roberto era un gran xornalista. A súa sinatura era moi coñecida daquela, sobre todo polo seu traballo como redactor xefe da Zarpa de Ourense con Basilio Álvarez, un cura rebotado. Posiblemente esta foi unha das cousas que influíu na súa morte porque falar da Zarpa era falar do demo. Metíanse coa clase media, cos curas...Tamén estivo en Galicia, o mellor xornal de Galicia ata a data. Precisamente a dictadura de Primo de Rivera tócalle nesta redacción en Vigo e con ela tamén sufriu a censura.

- Como albacea da memoria de Roberto Blanco Torres, que ademais fai pasar de xeneración en xeneración, neste 17 de maio vense cumpridos moitos anceios.

- É unha alegría enorme recuperar a súa figura. Para min é unha satisfacción saber que tío Roberto está enterrado en Galicia, a poucos metros de Portugal. Falouse de traer os seus restos, que están nun cacho de terreo en Entrimo, pero non quero. Tivo a desgracia de caer alí e alí queda.

Fonte de información: Especial Día das Letras Galegas 1999; o correo galego.