Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Roberto BLANCO TORRES: un grande esquecido

Un dous de outubro de 1936 ás catro da madrugada o escritor, xornalista e politico Roberto BLANCO TORRES  era asasinado en Entrimo (provincia de Ourense) por un grupo de falanxistas en plena Guerra Civil.

Caricatura de Blanco Torres feita por Castelao

    Caricatura de Blanco Torres feita por Castelao

Semblanza daquela época

En 1931 a VII Asemblea Nacionalista en Pontevedra dá fin ás Irmandades da Fala e xurdirá o Partido Galeguista. As eleccións municipais do 12 de abril danlle unha maioría abrumadora ós republicanos, o que precipita a caída de Alfonso XIII. Manuel Azaña é xefe do Goberno e Casares Quiroga, ministro da Gobernación. O nove de decembro apróbase a Constitución da República e Niceto Alcalá Zamora é o presidente. 

En 1932 Blanco Torres é nomeado gobernador civil de Palencia. Seis meses despois, demite por un enfrontamento cun sector republicano conservador da cidade. Participa en Lugo na fundación do Partido Republicano Galego.

En 1933 Primo de Rivera funda a Falanxe. En 1934 Blanco Torres volve á Peroxa. A consecuencia dos seus hipercríticos artigos de denuncia do goberno radical-cedista en 'El Liberal', é procesao e encarcerado en Madrid por supostas inxurias ó goberno. Xulgado por un tribunal de urxencia, é absolto. Nese ano créanse as Mocedades 

En 1935 Blanco Torres trasládase a Pontevedra para dirixir, a petición de Bibiano Fernández Osorio-Tafall, 'El País', órgano de republicanismo local. Xorde no galeguismo a Dereita Galeguista de Pontevedra, de marcada orientación católica. Alcalá Zamora nomea xefe de goberno a Portela Valladares. 

O 4 de marzo de 1936 morre Villar Ponte. o 8 de maio, é elixido presidente da República Manuel Azaña, que designa presidente do goberno a Casares Quiroga. O 28 de xuño, é aprobado mediante votación popular o Estatuto de Autonomía de Galicia.

O 18 de xullo de 1936 prodúcese o levantamento militar do exército de África contra a legalidade republicana. Comeza a Guerra Civil Española.

A execución de Entrimo e os seus derradeiros días 

Nese 18 de xullo  Blanco Torres acode á estación de Barra de Miño para tomar o tren a Madrid e facer frente á situación desde o seu posto de responsabilidade, pero os transportes ferroviarios xa estaban cortados.

Volta á Peroxa, pensando non ten nada que temer. Sen embargo, ao pouco é detido na súa casa de Amido e conducido, primeiro, á prisión de Ourense; logo é levado ao cárcere de Celanova. O seu irmán Xermán, usando certas influencias, tenta conseguir a liberación. 

A comezos de outubro a súa sobriña Guillerma e máis Xulia, a súa dona, visítano na prisión. Alí asegúranlles que vai ser liberado ao día seguinte.

Cando volven buscalo, Blanco Torres non estaba. Segundo os funcionarios, fora posto en liberdade. Pero non era dese xeito, xa que o 4 de outubro o seu corpo aparece "xunto ós doutros dous infelices'' (segundo rezaba no seu parte de defunción) en terras da aldea de Galez, (concello do Entrimo) onde fora soterrado por orde xudicial nunha foxa común da igrexa parroquial.

Segundo o devandito certificado de defunción a morte producírase por unha traumática hemorraxia interna. A realidade demostrou que a súa morte causárona dúas balas que tiña aloxadas na cabeza. 

Foi un 2 de outubro de 1936, ás catro da madrugada, cando Blanco Torres era asasinado en Entrimo por un grupo de falanxistas.... Xunto a el desaparecía do mesmo xeito, unha das máis entusiastas e intelixentes xeracións de Galiza. O fusilamento truncou a vida dun intelectual valente que tiña moito que dicir tanto no xornalismo como na política.

Despois de moitas décadas de esquecemento a Real Academia Galega puxo fin a este inmerecido silencio dedicándolle o Día das Letras Galegas do ano 1999.

Queremos lembrar este home idealista, ético, outro dos grandes esquecidos que loitaron por Galicia. 

 

 

 

 


Parroquia de Galez, Entrimo, onde fora asasinado Blanco Torres

Terras da parroquia de Galez, concello de Entrimo,

lugar onde foi asasinado Blanco Torres.

www.galiciaespallada.com.ar