Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Blanco Torres, un home ético e de conciencia

Roberto Blanco Torres , en palabras do historiador e membro da Real Academia Galega, Ramón Barreiro Fernández era un home que amaba a súa terra, coñecedor da lingua, magnífico xornalista e que defendeu coa vida unha causa que era lexítima, a República: "A súa dignidade como periodista impediulle escribir ó dictado as indicacións de Portela Valladares, que como director de El Pueblo Gallego, obrigarao a posicionarse, na emigración, a prol dos intereses dos grandes consignatarios dos barcos'', relata Barreiro. Negouse e quedou sen traballo. Eran discrepancias radicais ideolóxicas sobre a política da dictadura cun director que decide denuncialo por inxurias e que logo dun recurso no Supremo, condénao á pena de desterro a 150 quilómetros da cidade de Vigo e a 1.500 pesetas de multa polo delicto. 

Pero se Barreiro Fernández ten que lanzar un adxectivo sobre Roberto Blanco Torres queda co "home ético e de conciencia'' aínda que, sen arrastrarse polo discurso eloxiante, subliña que "non creou unha teoría da galeguidade, nin arrastrou as masas, nin foi un gran creador de ideas''. Eso si -recunca- "foi un home tenaz e ético''. 

Lonxe de encadrar o perfil de Blanco Torres na exclusividade, o catedrático de Historia na Universidade de Compostela resitúa o debate naquel tronco xeracional "importantísimo'' e que "marcou un período''. Así, resúltalle inevitable a referencia á creación artística de Luís Seoane ou a Castelao, líder da galeguidade. "A súa real contribución é tamén a dun conxunto de homes e mulleres que optaron pola autonomía para Galicia, un réxime republicano e o traballo dende a ética'', engade. 

Co gallo do Día das Letras Galegas de 1999 a quen lle foi dedicado manifestaba que serviría para non só coñecer quén foi Blanco Torres senón tamén pode avanzar "nunha listaxe longa e fantástica de homes, e tamén de mulleres, esquecidos''. 

 

Blanco Torres, emigrante

No seu traballo en La Tierra Gallega vese o xornalista batallador, rebelde, que denuncia vaidades baixo o lema Contra los farsantes

por Xosé Neira Vilas

Como é sabido, Roberto Blanco Torres emigrou a Cuba no ano de 1907. Tiña dezaseis anos cumpridos. Na illa había un argullear político e social que contribuíu a formación daquel mociño de Cuntis. Era recente a independencia formal do país, que de colonia española pasara a neocolonia norteamericana. Viviu toda aquela efervescencia día a día, incluíndo a revolta que se armou cando o presidente Tomás Estrada Palma tentara reelixirse mediante fraude electoral. A intervención dos Estados Unidos duraría ata 1909.

Todo aquilo foi para o mozo Roberto unha escola de ideas, de conceptos. Vencellouse á colonia galega. A nosa emigración a Cuba ía a máis. Nacían cada pouco novas sociedades, sobre todo as destinadas a erguer escolas en Galicia. Xurdían novas publicacións. Naqueles primeiros anos do século chegaron a coexistir nalgún momento ata once revistas e semanarios. E Roberto botouse a traballar coa palabra. Comezou a colaborar, firmando co seu nome de pila ou co pseudónimo de Frai Roblanto. Era un xornalista nato. Abondan como mostra os artigos recollidos no seu libro De esto y de lo otro. Un xornalista de estilo áxil, de palabra directa, clara, precisa.

Poderiamos dicir que foi precursor do mellor xornalismo do noso tempo, noventa anos atrás. E en canto os temas, para deixar constancia en breve mostra, abordou o ensino da lingua galega e a súa necesaria unificación ortográfica, os problemas derivados da emigración, a fisonomía das nosas cidades, as vangardas literarias, a organización do Estado. Tense referido a Ortega y Gasset, a Augusto César Sandino, a Román Rolland.

(No seu poemario "Orballo da media noite" tamén se reflicten os anos de emigrante, e os temas de Cuba, país que, incuestionablemente, amou.)

Tratou a Curros, a Basilio Álvarez, a Adelardo Novo, o catalán Bagaría. Integrou a Cova Céltiga da Habana, da que formaba, entre outros, Ramón Cabanillas, Armada Teixeiro, Antón Vilar Ponte, Xulio Sigüenza, o pintor Martínez Buján, o músico Chané, o escultor Manuel Pascual. Coma eles foi animador da Asociación Iniciadora da Academia Galega, que se fundara un ano antes do seu arribo. Estivo o 20 de Nadal de 1907 no Teatro Nacional, na homenaxe a Pascual Veiga, onde se interpretou por primeira vez o noso Himno.

La Alborada

Tiña só vinte anos cando fundou a revista La Alborada, que definiu como "órgano de la colonia gallega de Cuba''. Saíron varios números. 

En 1915 botou a andar La Tierra Gallega, que era coma unha homenaxe a Curros, que creara un semanario co mesmo título vinte anos antes. Aquí vese o xornalista batallador, rebelde, que denuncia vaidades e mangoneos no Centro Galego e noutras entidades. De aí o seu lema: "Contra los farsantes''. Tiña 24 anos.

Un ano despois desta segunda aventura xornalística, a finais de 1916, retornou a Galicia.

Aqueles case dez anos en Cuba foron decisivos para a súa formación, para a súa visión do mundo. Marcaron a traxectoria futura deste exemplar loitador.

Fonte consultada: Especial Día das Letras Galegas 1999, O Correo Galego.