Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

BLANCO-AMOR POETA, ENTRE A TRADICION E A RENOVACION

 
por Carlos L. Bernárdez


Se hoxe a narrativa e o teatro de Eduardo Blanco-Amor acaparan o interese do público e mais da crítica, non podemos deixar de lembrar que os seus primeiros libros publicados, Romances galegos e Poema en catro tempos, son poemarios, e que estas foron as obras que o inseriron de cheo na xeración literaria á que cronoloxicamente pertencía, a dos novecentistas ou vangardistas (Manuel Antonio, Amado Carballo, Alvaro Cunqueiro...), xeración na que chega a ocupar un papel salientable como poeta recoñecido no seu tempo. Así Augusto María Casas dicía en 1935:
 
Blanco Amor, nos seus libros de poesía Romances galegos e Poema en catro tempos, é un poeta no senso innovador que vimos estudiando. Os seus romances son exemplos maxistraes de poesía galega. En Blanco Amor a poesía, unxida de tradicionalismo, ten azas de eternidade, e a enxebreza é unha das súas millores galas, tendo ademáis un fino senso de novedade (Casas, 1935: 123).
 
Casas, de xeito ben atinado subliña tres notas que marcan a obra poética do noso autor, o peso da tradición, a "enxebreza", isto é, o carácter fondamente galego e ao tempo certo "senso de novedade", ou dito con outras palabras unha moderada renovación formal e léxica que dota ao poema de certa modernidade.
Lembremos que Blanco-Amor, que emigra á Arxentina en 1918, adquire a súa primeira formación no ambiente cultural ourensán que xiraba arredor de Vicente Risco e aí hai que situar as primeiras lecturas literarias e as poéticas en especial, como el mesmo confesaba a Carlos Casares:
 
-Eu despertéi ao mundo literario con La Centuria, a revista neosófica ourensán de Vicente Risco, que publicaba moitas traducións dos poetas simbolistas. Estas traducións continuábanse logo coa lectura de Rimbaud, Mallarmé e outros, no idioma orixinal, labor na que recibín axuda do meu profesor de francés, que según
contos era un prófugo do exército do seu país, e que me daba clases por doce pesetas ao mes. Polo tanto, cando me fun, saín xa coese fardo da última lírica francesa. Tamén esplicaba Risco... (Casares, 1973: 337-338).
 
ROMANCES GALEGOS
 
Instalado xa na Arxentina, en contacto coa literatura galega da xeración da vangarda e ao tempo influído polo coñecemento da xeración do 27 castelá, nace o seu Romances galegos (1928), composto por poemas escritos entre 1921 e 1928. A publicación deste libro fixo que fose incluído por Díez Canedo nun traballo sobre o renacemento do romance (Ibid: 337), motivo que o vai pór en contacto con Federico García Lorca, que ese mesmo ano publicara o seu Romancero gitano, vinculándoo á xeración do 27. Así o conta o propio Blanco-Amor:
 
-Mandámonos os libros: el o seu Romancero gitano, que me emocionóu, e eu os meus Romances galegos. Había un certo espírito común nos dous, anque cada deles falara de culturas e xentes distintas, e así foi como escomenzamos unha fermosa amistade. Había un grande senso da amistade e da fraternidade antre os homes daquela xeneración do 27 en España (Freixanes, 1976: 88).
 
Este "espírito común" de xinea neopopularista é especialmente visible na primeira parte do libro, que leva por título "Os nocturnos", pero, como as propias palabras do autor indican, hai un elemento galego en todos os romances que sempre parten dunha glosa popular, que lembra as feitas por Rosalía de Castro nos seus Cantares gallegos. Un bo exemplo é o "Romance do feitizo de amor":


 
Arrimeime a un pino verde
por ver si me consolaba...
 
 
Arrimeime a un pino verde
contando estar acollido,
menos da choiva do ceo
que do meu propio feitizo.
Pedinlle consolo ao ar
pasouse o ar fuxitivo;
pedinlle consolo ás agas
de min se arredaron rindo;
senteime á veira da mar,
¡atopeime tan cativo!
Quixen deprender coas olas,
soio deprendín sospiros;
quixen parolar coas nubes,
tan outas non me sentiron.
Aos paxaros rexoubeiros
amostreilles o meu sino,
os paxaros peteiraron
no meu corazón ferido.
Funme consellar coas pedras
vellas coma o mundo mismo,
mostráronme a sua dureza
i eu entendín o seu dito.
Canso de longo penar
arrimeime a un verde pino
e faleille: ¿Entenderás
ti meu door, irmanciño?
¡ I en troques de responder
botouse a chorar conmigo!
(Blanco-Amor, 1980: 13-14)


Na segunda sección do poemario, titulada "Témporas", aparece con claridade o influxo modernista, presente ao longo de case todo o libro, así como a impronta das imaxes humanizadas do hilozoísmo de Amado Carballo e lenes pinceladas de léxico vangardista. Eis un exemplo:


 
VRAU
 
O sol todas as mañás
seus 40° forxa,
e reconta o paspallás
sete moedas na sua gorxa.
Bailan con fidalgo empaque
palleiros de miriñaque.
(Ibid: 32)


 
Na terceira parte, "Nocturnos", segue a dominar o influxo modernista e imaxinista, con algunha pequena e tímida licencia vangardista, como o uso do procedemento da escaleira, naquela altura xa moi coñecido e empregado na poesía galega por escritores como Vicente Risco, Manuel Antonio ou Euxenio Montes. Blanco-Amor fai uso del no remate do poema "Orballo", nun fragmento que tematicamente nos lembra o gusto por salientar os máis humildes feitos da natureza dun Noriega Varela:


 
Faisquiña astral,
luz,
vibrazón,
salaio...
¡Cada pinga de orballo é o mesmo Dios!
(Ibid: 40)


 
E precisamente a Noriega remite o título da cuarta parte, "Toda humilde beleza", en alusión a un coñecido poema do escritor mindoniense; esta parte está dedicada significativamente a Amado Carballo. Nos poemas desta sección a realidade paisaxística fica reducida a uns cantos rasgos e estilizada, dando como resultado unha sensación impresionista (López Casanova, 1990: 30), en ocasións o léxico estranxeirizante deita a súa pinga de modernidade:


 
¡GOAL!
 
Polo field do ceo mareiro
vai esbaratando o sol,
e horizonte, mal porteiro,
non pode parar o goal.
(Blanco-Amor, 1980: 56)


 
A afinidade temática e formal cos versos de Amado Carballo é ben notoria, como se pode comprobar ao lermos ao pontevedrés:


NOITE
A cibdade pesca a ardora
e diante da sua rede
de luces d'ouro tomado
fuxe a lua como un peixe.
(Amado, 1982: 123)


 
As dúas últimas partes de Romances galegos, "Amor" e "Mar", seguen postulados semellantes, sendo quizais de salientar a presencia de pegadas da lírica trobadoresca, tan presentes en moitos poetas da xeración de Blanco-Amor. Velaquí un exemplo, unha copla de pé quebrado con elementos paralelísticos:


 
DESCORDO
 
Si o certo é teu amor
i é cobiza a sospeita
perdóame.
Si son eu o que fuxe
i eres ti quen te quedas
perdóame.
Si é engado teu querer
e o certo é miña dúbida,
engádame.
Si para a tua ledicia
percisas miña anguria,
engádame.
 
(Blanco-Amor, 1980: 67)


 
Este primeiro libro remata con dous sonetos de ambiente mariñeiro, "Temporal" e "Calma", e será precisamente esta mesma temática a que presida o seu poemario de máis alento, Poema en catro tempos, publicado tamén na Arxentina en 1931.


 
POEMA EN CATRO TEMPOS
O libro xorde dunha experiencia persoal fondamente sentida e vivida:
 
Por aquel entón fixen a miña primeira esperiencia do mar. Era un mes de novembre de moi mal tempo e embarquéime no "Norita", matrícula de Baiona, e alá fun baixo o patronato pesqueiro do tío Nartallo "O Puto", de setenta anos. "Puto" quere decir no linguaxe usual de aquela xente, "listo","asisado", "agudo", deses que son capaces de albiscar a pesca coma o tacto. No outro extremo do rol figuraba Pepiño, rapaz de abordo, que por ahí tería uns trece anos. Algúns dos compañeiros daquela xeira, moi poucos meses despóis, embarcados nun pesqueiro de Bouzas, morreron afogados (Casares, 1973: 339).
 
A necesidade de expresar a súa solidariedade cos mariñeiros impúlsao a escribir o libro.
Esa "experiencia do mar" da que fala o autor pode levarnos a asociar o libro co De catro a catro de Manuel Antonio, co que ten unha afinidade no tema, título e mesmo algún rasgo estilístico común.
O libro aparece dedicado significativamente "A un pescador galego" e escrito en forma de sinfonía; segue, malia a presencia de certos elementos vangardistas, unha tradición romántico-simbolista que considera a música como a arte por excelencia, fronte ao referente plástico, sobre todo pictórico, característico da vangarda.
Divídese o poemario en catro movementos, axeitándose o texto a cada un dos movementos musicais que titulan as partes. Principia cun "Adagio sostenuto", que inclúe dous poemas "Comunión" e "Sino". O adagio é un ritmo musical lento e o sostenuto indica que se empregan notas cun semitón máis alto que as que corresponden ao adagio. Con este ritmo xorde o tema do agoiro do que nace para a morte. Así a comuñón do home coas augas e co día que agroma no primeiro poema, dará paso ao preludio da morte no poema "Sino".
En "Comunión" Blanco-Amor emprega numerosas imaxes musicais e pictóricas de tradición hilozoísta, nas que a natureza fica humanizada, así as "cores despreguízanse" ou realizan unha "acompasada contradanza":


 
Nos leitos do alén as cores despreguízanse
e logo devalando,
en fina acompasada contradanza,
mestúranse na cóncava paleta
do longo ceo ispido,
até compor o estremecido azul
da mañán mariñeira.
(Blanco-Amor, 1980: 85)}


 
Non faltan no poema referencias estilísticas de corte lúdico, de xinea vangardista, con imaxes asociadas ao mundo infantil, como a seguinte, na que os raios do sol, a modo de bambán, se moven compasadamente sobre as ondas:


 
Desplega o mar o raso infindo das suas ondas
baixo os ter-ter puerís de un sol infante.
(Ibid: 85)
 


O texto transfórmase nun canto á unión do home coa natureza, realzando o abrente en relación coa pureza do mar e a pureza do home, en simbiose co cosmos que o dignifica e eleva a unha dimensión mítica (Moreno, 1985: 146).
No poema "Sino" predominan os hendecasílabos, que axudan a crear o ritmo lento e solemne de adagio. O agoiro da morte, o sino fatal faise presente:


 
denantes dos denantes
denantes de ti mesmo e da tua vida
un esgrevio marchar aluarado
empuxábate ao cerne do teu sino...
 
 
Cada mañán un cadaleito acorda,
pendurado na cruz das alboradas,
para a xente do mar.
(Blanco-Amor, 1980: 87-88)


 
Predomina a imaxe hilozoísta, introducindo unha orixinal adxectivación e símiles descontextualizadores de carácter vangardista; así define os "patexos" -un tipo de centolo peludo- como "proletarios paiasos da riveira", e na mesma liña están os "inxentes vagallóns alucinados". Emprega, asemade, personificacións que dotan de solemne musicalidade o final do poema:


 
Antífonas dos cons e das ardencias.
Furan o ar os órgaos do trebón.
No teclado das praias
a veiramar preludia teu responso.
(Ibid: 88)


 
O segundo movemento é o "Scherzo adagio" -o scherzo corresponde a un movemento vivo e gracioso-. Inclúe dous poemas, "Mascato" e "Ardora".
No primeiro poema predomina o ritmo curto e vivo do scherzo, con breves versos exclamativos que se repiten entre estrofas a xeito de refrán, "¡Ao mar! ¡Ao mar!", "¡Deuse mascato!", "¡Eis o mar!". O tema central é a marcha da embarcación e a presencia dun mascato a pescar, a ledicia acompaña ao mariñeiro. As imaxes seguen na mesma liña de poemas anteriores: así xorde un "paxaro estático, eucarístico", un "brillante cronómetro de atmósferas" ou a sardiña se converte nunha "limpa daga de prata". É de salientar, ademais, a moderada utilización de léxico maquinista, léxico preconizado sobre todo polo movemento futurista, e que xa estaba totalmente codificado e exento dos excesos da primeira vangarda na altura en que escribe Blanco-Amor (1931), aparecendo "sístoles e diástoles dos émbolos", "chaleque da caldeira" ou "brillante cronómetro de atmósferas".
Remata cuns versos en forma de escaleira que evocan de xeito case caligramático o ritmo curto e rápido do scherzo:


 
Ao mar!
Ao mar!
Ao mar!
Eis o mar!
Deuse mascato!
(Ibid: 93)


 
En "Ardora" descríbense as faenas do mar nun ambiente nocturno. O ritmo é máis lento -de adagio- e o poema tórnase máis descritivo e mesmo anecdótico, seguindo a predominar a imaxe hilozoísta:


 
No sistro cristaiño
peteiran notas de ágoa en choupo maino.
Mareiros vagalumes,
os brincos da sardiña, pespuntean
con ganduxos azús,
o manto da outa noite.
(Ibid: 94)


 
O terceiro movemento, "Presto", componse dun só poema, "Temporal", que se axusta fielmente ao ritmo musical rápido do presto, acrecentando a intensidade a medida que a treboada se vai achegando. O poeta alterna de forma rítmica as voces do patrón coa descrición da chegada da galerna:


 
-Meia máquina! Aproa para o vento!
Os cárdenos cabalos da surada
galgan no ceo gris.

-Izade esa bacía! Andan os demos soltos!
Os trallazos dos lóstregos fustigan
ás bestas da galerna.
(Ibid: 99)


 
A traxedia consúmase nun clímax de dimensión mítica:

 
 
Os berros do patrón
afóganse na escuma alporizada.
As poutas dos curiscos
van cardando nas almas destemidas.
As borrallentas foulas atoladas
agárranse da man, adoecidas,
i en faminto remuiño
ronda sinistra bailan agoirentas.
(Ibid: 99-100)


 
O poemario culmina no cuarto movemento cun "Andante maestoso" -ritmo musical moderadamente lento, nobre e maxestoso-. Trátase dunha marcha fúnebre de grande solemnidade que concorda co lugar que ocupa na sinfonía e coa temática funeraria (Moreno: 147). Blanco-Amor explica deste xeito a xénese do poema:

O poema é unha especie de estilización moi literaria, máis incapaz de encubrir cos seus artificios estéticos o latexar de cariño e de protesta que collen dende o agoiro do que nace pra a morte, anunciada no primeiro movemento, que se titula "Comunión", e consumado no cuarto, que é unha marcha fúnebre que se me ocurríu esactamente no Teatro Colón de Buenos Aires, vendo o Enterro de Sigfrido por unha gran compañía de Weimar.
(Casares, 1973: 339)
 
No mar calmo o afogado agroma como un heroe caído no campo de batalla, en solemnes hendecasílabos e alexandrinos de alento épico, que lembran o Cabanillas narrativo de Na noite estrelecida, inzados de imaxes hilozoístas -"Na catedral da noite..."-, e de léxico ultraísta -"rilleiros galácticos", "desoves planetarios", "luceiros polipétalos", etc-. Eis o poema:


 


MARCHA FUNEBRE
 
(Sorteando as restingas zodiacaes,
as barcazas das sombras pezoñentas
percorren a outa ruta escintilante.

Nos rilleiros galácticos xermolan
os brancos dos desoves planetarios.

O aparello galáctico se estende
pra as inormes caladas estelares.
Abrochan os luceiros polipétalos. Abrese en espiral a frol da noite.)
Baixo o crespón que salfiren, faiscantes bágoas {de prata no traslucente túmulo,
teu corpo, ispido, aboia
no arrolante vagar das ágoas finas.
 
Brazos abertos en cruz para unha apreta sin {dono.
Descoñecido heroi das gestas sin rapsoda
vas deitado no mar, que é teu escudo.
Túrnanse invertebrados xigantes sumariños
pra erguerte cara a Deus cal un trofeo.
-Longos xigantes de ágoa,
os pes no abismo, os dedos no teu corpo-.
Fosforecentes nimbos grorifican
o teu grave perfil, que se repuxa
no medallón do mar.
 
Mans coloidales mazmen a tua carne
para que suba, ingrávida i eterna,
a frolecer nos camposantos cósmicos.
Todas as ondas doncelas
con branca toca de escumas
dónanche o adeus e bícante nos beizos.
Fanche cortexo sombras plañideiras
que esfollatan no ar os brados mudos.

Os cachóns das rompentes
van tecendo no espazo un canto heroico.
 
Na catedral da noite
resona o funeral das tuas exequias.
Xacente moimento de ti mesmo
nos polidos basaltos do noiturnio,
avanta soavemente para o Alén
teu branco corpo ispido,
deitado sobro o mar, cal nun escudo
que os xigantes submersos
erguén de cara a Deus coma un aldraxe.
O esculpido sorriso dos teus beizos trunfa do mar e da noite... 
Agóirase a mañán nun alonxado incendio de amatistas.
 
Nos orfos veiramares,
que nunca treparán os teus relembros,
mulleres enloitadas, outravolta,
compoñen o retablo arrepiado.
Fenden o ar estantío laios e mans coma flamas...
 
(Blanco-Amor, 1980: 103-105)


Poema en catro tempos conxuga a autenticidade da expresión vivida co tema poético a través dunha base musical que axusta ritmo e estrofas aos tempos, nunha estreita relación de contido, métrica e ritmo.


CANCIONEIRO
 
Despois de Poema en catro tempos Blanco-Amor publica dous poemarios en castelán, Horizonte evadido (1936) e En soledad amena (1941). O primeiro, na opinión de Valentín Paz-Andrade (Paz-Andrade, 1985: 7), afástase da estética dos anteriores, amosando un contido irónico e humorístico. O segundo, editado pola editorial Rula, que dirixían Arturo Caudrado e Luís Seoane, e ilustrado polo pintor Ramón Portones, segue unha liña de neoclasicismo estetizante, no que desde o mesmo título fica patente a impronta da poesía española do Século de Ouro (Forcadela, 1991: 11).
En 1956, vintecinco anos despois do seu último poemario en lingua galega, e cando como el mesmo afirma o castelán "xa somellaba ser meu definitivo idioma lírico" (Blanco-Amor, 1980: 109-110), dá ao prelo o que sería o seu derradeiro libro de poemas, Cancioneiro, publicado en Bos Aires por Ediciones Galicia.
O libro vén precedido por unha "Xustificación" onde o autor defende unha visión da poesía galega asociada en exclusiva ao sentimento, puramente subxectiva e ligada a unha relación intuitiva home-terra, unha poesía, desde o seu punto de vista, autenticamente galega (Ibid: 110-111):
 
A nosa lírica, a nosa única poesía, é lírica do sentimento -quero decir lírica a nativitate- sin tanxenzas nin contaminacións, calisquera sexan os enseres do seu traballo e manexo: paisaxe; home en si como experiencia vital, personal e directa, ou en metafísica proxección, non dialéctica; empirismo da alma, non só da mente, no trato coa terra; simbiose indestructíbel da terra paisaxe co en-nós, etc
(Ibid: 110-111).
 
Esta visión da poesía galega, en exceso reduccionista, foi atacada por Carballo Calero, quen, en 1961, afirmaba, falando do prólogo de Blanco-Amor:
 
A poesía galega non ten por qué ser sempre sentimental nin aldeana. Pode perfeitamente ser intelectual e urbana. Un catedrático de Universidade non é menos galego que un traballador do campo, nin Compostela é menos galega que Calvos de Randín. (Carballo, 1982: 190)
 
Cancioneiro non é un libro unitario con poemas moi diversos na métrica e nos temas. As referencias formais seguen a ser o influxo musical, neopopularismo, cunha maior presencia de alusión ao mundo trobadoresco como se reflecte no título dunha das partes, "Canzóns de amigo". Salientan os poemas que reflecten un intimismo máis radical, nos que aparece a soidade humana, a experiencia vital, o paso do tempo:


 
ROMANZ
 
Niste ser, niste non ser,
mundo valeiro en que aboio,
coas fiestras do sentido
cegas sobre o mundo xordo,
coa alma a carón de ren
na espesidume do corpo,
agardo, sen agardar,
a quen non quero nin podo.
(Blanco-Amor, 1980: 142)


 
Podemos afirmar que a aportación lírica de Blanco-Amor á literatura galega é significativa no momento de eclosión da xeración dos novecentistas ou da vangarda e ata a Guerra Civil, cunhas coordenadas estéticas a medio camiño entre a tradición e a vangarda, entre a "enxebreza" e a "novidade" das que falaba Augusto María Casas. Posteriormente, será na narrativa e o teatro onde ofreza as súas maiores aportacións, en ocasións ben afastadas dos presupostos estéticos da súa concepción poética.
 
 
BIBLIOGRAFIA CITADA
 
AMADO CARBALLO, Luís: Poesia, introducción e notas X. R. Pena, Ediciones Nós, A Coruña, 1982.
BLANCO-AMOR, Eduardo: Poemas galegos, Galaxia, Vigo, 1980.
CARBALLO CALERO, Ricardo: Libros e autores galegos século XX, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 1982.
CASARES, Carlos: "Leria con Eduardo Blanco-Amor", Grial nº 41, pp. 337-338.
CASAS, Augusto María: "Esquema da nova poesía galega", en Nós nº 139-144, Xullo-Nadal 1935, páx. 123.
FORCADELA; Manuel: A Esmorga de Eduardo Blanco-Amor, Edicións do Cumio, Vilaboa, 1991.
FREIXANES, Victor F.: Unha ducia de galegos, Galaxia, Vigo, 1976.
LOPEZ CASANOVA, Arcadio: Luís Pimentel e Sombra do aire na herba, Galaxia, Vigo, 1990.
MORENO, Mª Victoria e RABADE, Xesús: Literatura século XX, Galaxia/SM, 1985.
PAZ-ANDRADE, Valentín: "Perspectiva e contrapunto da obra de Blanco Amor", en Poema actual a Blanco Amor, A Nosa Terra, extra 3, Vigo, 1985.


Fonte:  http://www.ctv.es/USERS/mforca/Critica/blanco.htm