Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Eduardo Blanco Amor

Dedicado el día de las Letras Gallegas en 1993

 

Eduardo Blanco AmorEduardo Modesto Blanco Amor, nado en Ourense o 14 de setembro de 1897 e falecido en Vigo o 1 de decembro de 1979) foi un escritor e xornalista galego, que escribiu tanto en galego como en castelán.
O seu pai abandonou o fogar cando só tiña tres anos, Blanco Amor foi un neno enfermizo que non recibiu unha educación formal, pero que aprendeu pola súa conta lendo xornais. En 1915, á idade de dezasete anos, comezou a traballar como secretario de dirección en El Diario de Orense. Durante esta época frecuentou os faladoiros de Vicente Risco, de quen tamén foi alumno na Escola Normal, figura que tivo unha importancia decisiva na súa futura defensa e promoción da cultura galega. En 1919, moi novo, emigrou a Bos Aires, onde continuou en contacto con intelectuais galegos da emigración, tomando parte activa na Federación de Sociedades Galegas, fundada en 1921, que pretendía aglutinar a tódolos inmigrantes galegos e da que chegaría a ser director do seu órgano El Despertar Gallego. No 1924 coñece a Ramón Suárez Picallo, que había ser o seu gran amigo. En 1923 fundou con Ramiro Isla Couto a revista Terra, en lingua galega. Máis adiante participou tamén noutra publicación galeguista chamada Céltiga, da que tamén será director. En 1926 entrou a formar parte do diario arxentino La Nación, onde coñeceu a escritores arxentinos como Leopoldo Lugones, Horacio Quiroga, Borges, Sabato e Mallea. Tamén colaborou con publicacións como El Correo de Galicia, Revista de la Casa de Galicia
Aínda que xa compuña poesía na súa mocidade, non publicou a súa primeira obra ata 1927, Os Nonnatos, á que seguiu, ó ano seguinte, o libro de poemas Romances gallegos, encadrado dentro dunha estética modernista cunha forte influencia dos romances casteláns e de Luís Amado Carballo.
En 1928 retornou durante un ano a Galiza como correspondente do diario La Nación. Durante este primeiro regreso coñeceu a Castelao e a varios intelectuais do Partido Galeguista e do grupo Nós, e escribiu Poema en catro tempos, que publicaría posteriormente na Arxentina en 1931. Dende Bos Aires colaborou máis tarde coa revista Nós con varios poemas e tres capítulos da súa novela inconclusa A escaleira de Jacob.
Volveu a instalarse en España como correspondente de La Nación entre 1933 e 1935, e coñeceu en Madrid a Federico García Lorca, co que lle uniu unha grande amizade e a quen acompañouno á casa familiar de Fuente Vaqueros en varias ocasións, ademais Blanco Amor foi o responsable de convencelo para que publicase os Seis poemas galegos (1935).
Defendeu dende Arxentina a legalidade republicana cando se produciu o estalido da guerra civil española. Durante os 20 anos seguintes utilizou unicamente o castelán na súa obra literaria, con obras como Los miedos (1936) o La catedral y el niño (1948). En 1956 volveu ó galego con Cancioneiro, e en 1959 publicou unha novela de extraordinaria importancia para a renovación da narrativa galega, A esmorga. Esta obra desenvólvese en Auria e marca un fito na ruptura das tendencias costumistas e populares da literatura galega, debido á súa técnica innovadora: o único que se pode ler son as contestacións dun reo nun xuízo, que conta as aventuras que o levaron á condena é o modo de, sen facer un texto bilingüe, darlle verosimilitude a un diálogo entre un xuíz, que fala castelán, e un reo que fala galego. Amais de deberse ó afán de verosimilitude , o “silenzo” do xuíz representa a xordeira da xustiza , o seu papel represor e castigador. A novela, ambientada nos baixos fondos ourensáns, céntrase en tres personaxes transgresores e marxinais que van sendo levados a un final tráxico.
En Bos Aires fundou e dirixiu o Teatro Popular Galego, que puxo en escena obras de Lugrís Freire, do propio Blanco Amor e doutros autores. Tamén foi director da revista Galicia, publicada pola Federación de Sociedades Gallegas de Arxentina.
Retornou a Galicia o 16 de xaneiro de 1965, e publicou outra obra que tivo gran repercusión, o libro de relatos Os biosbardos (1962), relatos en primeira persoa con protagonista e narrador infantil distinto en cada conto. A súa última etapa foi moi fecunda, a pesares de ser postergado pola cultura oficial: en 1970 alumeou unha nova edición de A esmorga, e en 1972 apareceu a extensa novela Xente ao lonxe, onde a través dos avatares que lle ocorren a unha familia de clase obreira, retrata a sociedade urbana, moi estratificada, do Ourense de principios de século. Nos seus últimos anos prestou unha grande atención ó xénero teatral, con obras como Farsas para Títeres (1973) e Teatro pra xente (1975).
Finou en Vigo no ano 1979. Foi soterrado na cidade que o viu nacer no cemiterio de San Francisco.
Moitas das súas obras narrativas (A Esmorga, Xente ao lonxe, Os biosbardos) desenvólvense nunha cidade fiticia, Auria, transposición literaria do seu Ourense natal. Os críticos literarios encontraron nas súas ficcións ecos de autores como Valle-Inclán ou Eça de Queirós.

A súa obra

En galego

Os Nonnatos (narrativa, 1927)
Romances galegos (poesía, 1928)
Poema en catro tempos (poesía, 1931)
A escaleira de Jacob (narrativa, inconclusa)
Cantos a Galiza encadeada (poesía, 1946)
Cancioneiro (poesía, 1956)
A esmorga (prosa, 1959)
Os biosbardos (relatos, 1962)
Xente ao lonxe (narrativa, 1972).
Farsas para títeres (teatro, 1973)
Teatro pra xente (teatro, 1974)
Poemas galegos (poesía, 1980)
Proceso en Jacobusland (Fantasía xudicial en ningures) (teatro, 1980)
Castelao escritor (ensaio 1986)

En castelán

Horizonte evadido (poesía, 1936)
En soledad amena (poesía, 1941)
La catedral y el niño (narrativa, 1948)
Chile a la vista (ensaio, 1950)
Las buenas maneras (ensaio, 1963)
Los miedos (novela, 1963)

 

FONTE: A GALIPEDIA, A ENCICLOPEDIA LIBRE