Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Roberto Blanco Torres


Xornalista e poeta


por Clodio González Pérez (*)

 

Artigo publicado na revista  "RAIGAME",  Nro. 8  ( Maio-99)  

editada pola Asoc. Castro Floxo de Ourense e impresa pola Dep. de Ourense)

 

  Roberto Blanco Torres  

POLAS TERRAS DA PEROXA

No verán de 1998 estiven unha vez máis na Peroxa. Fun e volvín seguindo a veiga do Miño, pola ribeira do encoro de Velle. Noutras ocasións teño pasado por aquí, pero esta visita foi única e exclusivamente para coñece-lo lugar onde vivira algún tempo Roberto Blanco Torres. Á primeira persoa que lle preguntei xa me informou da situación da aldeíña do Amido. Non hai dúbida que o feito de que a corporación peroxá acordase o 7 de abril de 1980 darlle o nome do noso xornalista e poeta ó colexio público, influíu de xeito extraordinario na recuperación da súa memoria entre os veciños e, en particular, entre as novas xeracións.

Ó saír da Peroxa cara ó Amido o primeiro que se acha é a igrexa parroquial e o cemiterio. Entrei no camposanto e boteille unha ollada ás lápidas, por se trasladaran os seus restos, pero o único que atopei foi o panteón da familia da súa muller, onde tamén descansa ela:

 

Dª Julia Sánchez Novoa
Vda. de Blanco Torres
+16 Abril 1966 a los 71 años.

 

  Ó chegar ó Amido detívenme de par da fonte e pregunteille a unha señora que, non só me indicou cal era a casa de Dona Xulia, na que naceu o 30 de outubro de 1894, senón que tamén me acompañou, contándome de camiño todo canto ela lembraba ou escoitara contar verbo daqueles terribles primeiros días da guerra civil, da soidade da dona do noso xornalista e poeta, de que fora ela quen lle ensinara a ler e a escribir... 

Logo acheguei información complementaria conversando con Antonio González Blanco e coa súa familia, que coidaron á viúva ata que finou, e que conservan varios obxectos que pertenceron ó seu marido, como libros adicados, coleccións de artigos, documentos, fotografías, etc. Casa da dona de Blanco Torres en Amido, A Peroxa

A casa da súa muller no Amido (A Peroxa). no ano 1998.-  

NAS TERRAS DO LIMIA

Poucos días despois fun a coñece-lo lugar onde estaba enterrado, o cemiterio de San Fiz de Galez (non Gález),nas terras que baña o río Limia (que nesta zona agora xa son do encoro portugués de Lindoso), no concello de Entrimo, a poucos quilómetros da fronteira con Portugal. Percorrín paseniñamente todo o adro da igrexa vella lendo inscrición por inscrición, e non atopei por ningures a lápida de Roberto Blanco Torres.
Desilusionado baixei ata a igrexa nova, e pregunteille a unhas señoras maiores que andaban por alí, por se elas sabían ou tiñan oído que nos primeiros meses da guerra civil apareceran mortos tres homes que foran enterrados no camposanto desta freguesía.

-Un deles, din que era gobernador.

Foi o primeiro que me respondeu a que parecía ter máis anos.
A partir de aquel momento, relatáronme todo canto sabían da traxedia, xa porque o viviran elas ou llo contaran outras persoas, dende que unha mañá apareceron os tres cadáveres na beira da estrada de Portugal, no sitio coñecido polas Sobreiras, que corresponde agora xusto a onde fica a ponte nova, cando logo os subiron nun carro de bois, e de que tiñan as mans amarradas por detrás con varias voltas de aramio.

-Enterráronos xuntos, por detrás da igrexa, onde se enterraban os pobres portugueses que andaban pedindo. Agora a sepultura deles queda no medio, no mesmo camiño, e xa case ninguén sabe onde está.

Logo informeime que unha das señoras tiña motivos para saber moito do acontecido naqueles días: a un tío fusiláranllo en San Francisco de Ourense, despois da pantomima dun xuízo sumarísimo militar; outro estivo preso algún tempo no cárcere en que fora convertido o mosteiro de Celanova; e seu pai andivo fuxido por Portugal, onde botou varios anos. Historias como esta, que as máis das veces quedan ocultas polos fríos e escasos datos que figuran nos papeis oficiais, deben ser coñecidas polas xeracións vindeiras, para que traballen a prol de que non se volvan repitir endexamais.

Dirixinme ó párroco para coñece-lo que figuraba no correspondente libro de defuntos, pero ese día cadrou que non estaba, optando entón por escribirlle: responderon X. Xulio e Serafín, que levan, entre outras, as freguesías de Santa María a Real de Entrimo e San Fiz de Galez, comunicándome que nos libros parroquiais non existe ninguna anotación que faga referencia nin a Roberto Blanco Torres, nin tampouco a outras persoas atopadas mortas nos primeiros días de outubro de 1936, do que se deduce que os enterraron sen que por eles se celebrase ningún acto fúnebre.

En cambio si foron anotados no correspondente libro de falecidos do rexistro civil de Entrimo, en virtud de carta orden de la Superioridad: co número 318, Rizal Villamarín, co 319, Roberto Blanco Torres, e co 320, Euloxio Vázquez. Os tres apareceron mortos na beira da estrada de Portugal, quilómetro 67, a mañá do tres de outubro, sendo asasinados (segundo as partidas de defunción), a noite do día dous, ás catro da mañá. Morreron a consecuencia de Traumática, Hemorragia interna. 

As sobreiras  

As Sobreiras: ponte nova sobre o encoro de Lindoso. Á dereita da fotografía queda a estrada vella, que case non se distingue entre a vexetación. 

Cemiterio de San Fiz de Galez en Entrimo, onde descansa Blanco Torres

Cemiterio de San Fiz de Galez (Entrimo): Blanco Torres, Rizal Villamarín e Euloxio Vázquez están enterrados detrás da igrexa, á esquerda da fotografía.  

As autoridades franquistas estenderon a falsidade de que faleceran nun enfrontamento coa garda civil cando tentaban de fuxir a Portugal. Falsidade que recollen varias obras, algunhas mesmo actuais: ... ata a súa morte, producida mentres intentaba fuxir cara a Portugal da represión fascista de 1936...* (1)

Blanco Torres fora detido a mediados de setembro polos falanxistas na casa da súa muller, no Amido (A Peroxa). Pasou no cárcere de Ourense varios días, e logo trasladárono para o de Celanova (o mosteiro de San Rosendo), onde botou poucas horas, pois a noitiña do dous de outubro levárono varios falanxistas, xunto con outros presos máis. Como xa queda dito, os seus corpos apareceron nas terras do concello de Entrimo a mañá do día tres.

O cemiterio de Galez fica no adro da igrexa vella, abandonada dende a década dos anos sesenta ó se construír outra nova máis preto das casas. En tempos pasados foi mosteiro, e o seu nome na Idade Media era Villa Galeci, é dicir, a vila ou o lugar do galego. A partir do século XVII, co gallo de que foron depositadas nela unhas reliquias de San Fiz, converteuse nun santuario ó que concorrían moitos devotos -tanto galegos como portugueses- na procura da curación das mordeduras de cans doentes e doutros animais daniños en xeral.

Deixei o cemiterio entre lusco e fusco, cando xa mal se lían os nomes das lápidas. A lúa empezaba a campar no ceo por entre as nubes, mentres o vento bruaba asañado contra as paredes da igrexa e as árbores do arredor. Naquel intre lembreime do poema "O cemiterio", que é un dos que figuran no seu libro Orballo da media noite, publicado en 1929, e pensei que quizais fosen "as almas dos esquencidos" (a de Roberto, a de Rizal, a de Euloxio, e as doutros moitos máis), que demandan xustiza, que berran coa única voz arrepiante que lle pode empresta-la Natureza:

No adro hai unha labarada,
un resprandor istrano, como d'un nimbo
que só no adro refulge.
Ó redor escuridade, noite pecha,
sombras cabalgadas, silenciosas.
O vento, nos castiñeiros,
alá en baijo,
ten acentos arripiantes.
Brúan por entre o ramaje
as almas dos esquencidos.
No aro grande do nimbo,
que fai escorrental-as sombras,
Deus fai unha escolma de mortos.

   

NOTAS BIO-BIBLIOGRÁFICAS

1. OS PRIMEIROS PASOS

Roberto Blanco Torres naceu o día 18 de marzo de 1891 (fixo agora 108 anos), na vila de Cuntis (Pontevedra). Orfo de nai e de pai, ós quince anos toma o camiño da emigración, igual que outros moitos compatriotas e, en particular, dous irmáns seus maiores que xa residían en Cuba. Na illa caribeña axiña empeza a relacionarse con aqueles membros da nosa colonia máis preocupados pola cultura galega, entre os que quizais mesmo se poida contar Manuel Curros Enríquez, que había de falecer na Habana o 7 de marzo de 1908. Oito días despois escribía o noso protagonista, entón un adolescente de 17 anos, no semanario habaneiro Follas Novas:

Un organismo humano, oxidado por el mugre de una vida de trabajo constante e ímprobo y de los tristes recuerdos de un tiempo ido, acaba de organizar la última evolución de su vida: Curros Enríquez ha muerto.
El gran escritor, el poeta grande, el genio incomparable baja al sepulcro sinó en la plenitud de su vida, en la que poco ha gozado, en los días para él de más sosiego y reposo, aunque no sustraído a las ingratas tareas del periodismo.
El autor de la tierna y melancólica canción "Unha noite na eira do trigo", el estilista pulcro y atildado, el escritor castizo que con su gallarda forma literaria dió lecciones a granel y pruebas palmarias de una ilustración vastísima y nada común, el vate inspirado que lo mismo supo dar pruebas de su erudición y de su talento en la poesía castellana como describir de una manera incomparable las costumbres típicas de Galicia, su tierra idolatrada, desaparece del mundo de los vivos en el sombrío viaje a ignotas regiones, a parajes misteriosos... ¡¡ a la eternidad!!...
[...] Curros Enríquez es inmortal: no puede olvidarse al que deja en la literatura castellana y gallega un vacío imposible de llenar.
No sería suficiente una sola edición de este periódico para hacer la completa biografía del insigne fallecido. Su vida fue de alta y acrisolada honradez, de fatigas y de trabajos, de perseverancia en sus ideas...
¡Y también de angustias y pesares por cuestiones surgidas en la turbia atmósfera de la política!...
Fue un hombre digno: de bondadoso carácter, sentimientos de pura humanidad, buen compañero y amigo excelente.
¡Mil flores sobre la tumba del ilustre!...
¡Mil oraciones por su alma!...
¡Descanse en paz!  *(2)

Non foi o seu primeiro artigo: xa viña colaborando neste mesmo semanario ó menos dende o 29 de setembro de 1907, dando a coñecer tal día o seguinte epigrama: 

DOUS TOLIÑOS


Foi Mingas de Villabal
a levar o grao ó muíño
e encontrouse no camiño
con Farruco do Casal.
E di Mingas por se rir:
¿Lévasme o lote, rapás?
E di Farruco: ¿x'o dás
a un tonto sin ch'o pedir?...
¡¡Valente lote terás!!...

Dende agora en adiante non vai deixar acouga-la pluma: publica en xornais e revistas da emigración, empeza a colaborar en varios galegos, á vez que tamén o fai nalgún de Madrid. Entre os primeiros cómpre salientar La Alborada, do que foi xefe de redacción (1911), e La Tierra Gallega que dirixiu (1915), ámbolos dous publicados na Habana. Non é posible coñecer tódolos medios de comunicación impresa nos que, dun xeito ou doutro, publicou artigos, crónicas ou poemas este xornalista autodidacta, as máis das veces poñendo o seu nome e apelidos, outras tamén empregando pseudónimos -como o de Fray Roblanto, do que empezou a facer uso ó menos dende o 12 de xaneiro de 1908-, ou non asinando cando se trataba de publicacións que el dirixía, que os seus artigos eran a xeito de editorial. Por estes anos saíron traballos da súa autoría en Vida Gallega (Vigo), Galicia Gráfica (A Habana), Galicia (A Habana), Galicia Nueva (Vilagarcía de Arousa), España (Madrid), Diario de la Marina (A Habana), etc.

2. O XORNALISTA COMPROMETIDO

A finais de 1916 ou comezo do ano seguinte decide deixar Cuba e regresa a Galicia. Participa activamente no desenvolvemento das Irmandades da Fala, como o testemuña a súa presencia na Asemblea Nacionalista de Lugo do mes de decembro de 1918, á vez que colabora en A Nosa Terra (o primeiro artigo é do 10 de abril de 1917). Aínda que cada vez menos, non deixa de publicar no semanario nacionalista ata o ano 1931.

Ó pouco de chegar faise cargo da dirección do xornal coruñés El Noroeste, pasando logo en 1920 a dirixir tamén El Correo Gallego de Ferrol, e ó ano seguinte fica xa en Ourense para levar a dirección de La Zarpa, o xornal dos agrarios galegos de Basilio Álvarez. Pero, como viña facendo dende sempre, á vez colabora noutros moitos medios, como en particular no xornal Galicia de Vigo, do que será redactor xefe a partir do primeiro de xaneiro de 1924. O 25 de xullo do antedito ano, o xornalista Francisco L. Bernárdez publicou un amplo artigo sobre "La redacción de Galicia en perfil y en espíritu", do que entrecollemos as seguintes verbas da semblanza adicada a Blanco Torres:

...] Bajo los soles transmarinos él ha enhiestado la flama roja de su protesta. Braceó ante todas las indiferencias como un roble retorcido por la ventisca. Y un día de saudade enderezó su voluntad de hierro y su ademán de oro hacia Galicia. Desde entonces, la totalidad energética de su vida de ciudadano y de escritor se emproa hacia este último horizonte: la redención de Galicia. Es un hombre arisco y cordial, un hombre que mira al frente, un hombre que estruja emocionadamente las manos. Mejor todavía: un hombre, nada menos que todo un hombre. En su estilo transparente y lúcido he presentido un rebrillar de yelmos quijotescos y un tremelucir de hoces justicieras. Jamás conocí un periodista de ritmo tan continuo en su ardimiento, de hipertensión cívica tan alta y tan constante. Por otra parte, es un millonario de la ternura. Debe haber escractos de melancolía en su espíritu. Porque cuando el volcán de su verbo remeje el suelo de sus convicciones, sus palabras angulosas, duras, óseas, álzanse teñidas de amor y orballadas de emoción.

Azorín le esquivaría, de seguro. Pero Baroja, le hubiera buscado y habría llorado con él.

O Galicia deixou de saír no mes de setembro de 1926, afogado pola dictadura de Primo de Rivera. Blanco Torres trasládase entón para Pontevedra e faise cargo da dirección do xornal Progreso, ata que volve de novo a Vigo, á redacción de El Pueblo Gallego, que mercara pouco antes o político pontevedrés Manuel Portela Valladares. Logo se turban as relacións entre o dono e o redactor, abandonando este o cargo ós poucos meses, pero a xenreira foi a máis e publica dúas cartas no Faro de Vigo, o que deu lugar a que o propietario o denunciase ante os tribunais de xustiza por inxurias con publicidade. A Audiencia de Pontevedra resolveu a favor do noso xornalista o 6 de marzo de 1929, pero non despois o Tribunal Supremo que o condenou o 23 de outubro de 1929 impóndolle unha sanción de 1.500 pesetas e dous anos de desterro a máis de 150 quilómetros da cidade de Vigo    *(3).

O matrimonio pasou parte deste tempo nas terras da Peroxa, na aldeíña do Amido.



3. UNHA CURTA AVENTURA POLÍTICA

Nos últimos días do ano 1931 é nomeado gobernador civil da provincia de Palencia. Non hai dúbida que contou a amizade que mantiña co entón ministro da Gobernación, o coruñés Santiago Casares Quiroga, un dos fundadores da O.R.G.A. ( Organización Republicana Gallega). A mostra do vencellamento de Blanco Torres con este grupo político queda ben testemuñado no feito de que cando en 1930 promoveron o nacemento da F.R.G. ( Federación Republicana Gallega), el figura como membro do primeiro comité executivo.

De acuerdo con el Consejo de Ministros Vengo en nombrar Gobernador Civil de Palencia a D. Roberto Blanco Torres.- Dado en Madrid a 29 de Diciembre de 1931.- Niceto Alcalá-Zamora y Torres.- El Presidente del Consejo de Ministros.- Manuel Azaña.   *(4)

Incorporouse seis días despois, o cinco de xaneiro de 1932.   *(5)

A aventura política durou pouco, debido, segundo parece, ós enfrontamentos con algúns dos grupos políticos palentinos e, en particular, con Alianza Republicana. O caso foi que o 16 de xuño de 1932 foi cesado a petición propia.
Torna ó seu labor cotián, e trasládase para a cidade da Coruña a dirixir El Noroeste, que era o voceiro do Partido Radical Socialista. Como vén facendo decote, á vez colabora noutros medios, dentro e fóra de Galicia, como El Liberal de Madrid, no que tivo serios problemas por un artigo ó ser acusado de inxurias ó goberno, ingresando por esta causa no mes de novembro de 1934 no cárcere modelo de Madrid, pero a súa permanencia foi curta ó quedar absolto por un Tribunal de Urxencia. En 1935 pasa a dirixir El País de Pontevedra, xornal republicano que se vendía polo serán, vinculado a Esquerda Republicana, que era o partido de Manuel Azaña. Insire algúns artigos no semanario de esquerdas Ser, que dirixía en Compostela R. Suárez Picallo, e tampouco se esquece da súa sempre benquerida Cuba e dos compatriotas que alí estaban loitando por gaña-la vida, mandando algunha colaboración á revista mensual Cultura Gallega, publicación bilingüe e republicana.

No mes de abril de 1936 participa en Compostela na constitución da Asociación de Escritores de Galicia, formando parte da directiva. 

4. O ESTATUTO DE AUTONOMÍA 

 O triunfo das forzas políticas da Frente Popular o 16 de  febreiro de 1936, sinala  unha nova tempada verbo  da consecución dun  Estatuto de Autonomía  para Galicia –paralizado  dende que acadara o  poder a dereita a finais de  1933–, a semellanza de  como xa o viñan disfrutando  Catalunya e Euskadi  dende algúns anos antes. A  mostra do seu interese  amósase no feito de que vai  agardar a que remate toda  a trasfega para incorporarse  en Madrid á xefatura do  Gabinete de Prensa do  Ministerio da Gobernación,  aínda que xa fora nomeado  no mes de maio. 

Participa activamente en  Galicia, sendo tamén el o  encargado de presenta-lo  mitin que a prol do estatuto  se celebrou en Madrid, no  teatro Alcázar, o 26 de  xuño. O mesmo día do plebiscito, o 28, publicou as  seguintes verbas no xornal vigués El Pueblo Gallego:  Sí  De longas edades ven sempre pra Galicia, nun idioma que  solo os espritos finos comprenden, un pulo de renacencia.  Veu, no vial da Natureza, no rumor dos pinares e no bruar  do mar que bate a costa ártabra por onde viñeron os antigos,  e, no vial da Historia, veu no canto dos seus bardos e  na espranza dos seus herois. Veu, con forza inxente, pra  non deixar dormir e pra aloumiñar, na voz poderosa de  Breogán, envolta na brétema dos días xenexíacos. 

Esa voz oírona os millores, os fillos despertos e aleigados  que a levaron como un imperativo sagro a todol-os recantos  da Terra e a todal-as almas. I-esa voz modula hoxe o  anceio xa callado, o mandato irrecusable que levanta no  corazón do pobo un fervor de hosanna, mentras todo o  rededor, na Historia e na Natureza, con azo entranable  afirma: Sí. 

O texto estatutario aprobouno o 74% do censo electoral  galego. Só restaba a súa  aprobación por parte das  Cortes españolas, sendo  entregado ó presidente das  mesmas poucos días antes do  18 de xullo.

 

5 ...E Ó FONDO,  OURENSE  

O primeiro encontro de  Roberto Blanco Torres con  esta cidade foi cando Basilio  Álvarez o nomeou director de  La Zarpa, cargo no que estivo  ata 1923, en que se traslada  a Vigo como redactor-xefe do  xornal Galicia. Axiña se  debeu integrar nos parladoiros  culturais da poboación,  relacionándose sobre todo  coa xente de Nós, en particular  con Vicente Risco e Ramón  Otero Pedrayo. 

Estando en Vigo coñece a  Xulia Sánchez Novoa, natural do lugar do Amido, na  Peroxa, coa que casou o 5 de abril de 1926. Deste xeito  os seus vencellos con Ourense aínda se reforzan máis,  pasando pequenas tempadas, cando llo permitía o labor  cotián do xornalismo. Aquí botou parte do verán de 1929,  xa que foi no Amido onde xestou case todo (ou mesmo  todo) o libro de poemas Orballo da media noite, publicado  a comezos de outubro do devandito ano, así como  tamén algún tempo ó ser condenado polo Tribunal  Supremo o 23 de outubro de 1929, e ter que residir a 150  quilómetros de Vigo durante dous anos, ademais dunha  sanción de 1.500 pesetas.

Logo de coñecerse a sentencia, os amigos de Ourense  organizaron na súa honra un banquete e unha homenaxe,  que tivo lugar no hotel Roma o 4 de xaneiro de 1930, ó  que asistiron ou se adheriron os máis destacados persoeiros,  tanto da cultura como da política: Basilio Álvarez,  Ramón Otero Pedrayo, Vicente  Risco, Álvaro de las Casas, Cándido  Fernández Mazas, Marcelo Macías,  Valentín Paz Andrade, Johan  Carballeira, Ángel del Castillo,  Antón Villar Ponte, Ramón  Cabanillas, Salvador Cabeza de  León, Manuel Torres (pintor),  Alejandro Lerroux, etc., etc.

Basilio Álvarez non puido asistir,  pero deixou a seguinte nota de  adhesión que ben merece ser coñecida  de todos: 

 

Orense, 4 de enero de 1930. 

Para la Comisión del Homenaje a  Roberto Blanco Torres. 

Bien hacéis, orensanos, en sentaros  en la noche de hoy en torno de  Blanco Torres. El gran escritor y formidable  periodista, es un verdadero  símbolo. Su figura, en estos momentos,  tiene características que parecen arrancadas a un vivir  sin mácula para ser montadas al aire como una lección fulgurante  de ejemplaridad.  Poeta de altísimos vuelos, por serlo tiene su cerebro en el  alma de todos. Ello le hace asomarse a los panoramas del  pensamiento con el brío profundo del ideólogo, pero con  la generosidad romántica del hombre perfecto. Y todo esto  que le hace pisar recio por las cumbres se agita el genio,  no es lo bastante. Lo considerable de Roberto es que su  vida toda es un dechado de austeridad, y hoy el honor de  comer al lado de un hombre honrado, sentarse en torno de  una conducta, va siendo placer de dioses. Lamento no participar  de ese honor, pero Dios siempre benigno conmigo,  al advertir las abyecciones que se dan por nuestro país,  para liberarme del bochorno de verlas me premió con una  afección accidental a la vista. ¡Qué pase pronto la ola  para que torne a ver!A vuestra diestra en espíritu.- Basilio  Álvarez   *(6) . 

Blanco Torres pechou o acto subliñando no seu discurso  que los ideales son los de  Libertad, Verdad y Justicia,  que todos los hombres sanos  propugnan y que él en este  momento de angustia representa  una piedra con las  aristas hacia arriba para  señalar su pico agudo, e  tamén que la vida es sacrificio,  deber y responsabilidad,  y que en estos momentos es  necesario que todos se pongan  en pie sobre la turbulenta  riada de la vida española  *(7) . 

No Amido tamén dispuxo o  libro De esto y de lo otro, no  que reproduce 38 artigos  publicados anteriormente en  diferentes xornais e revistas. 

Traballa por este tempo na  organización dunha Asociación  Galega de Escritores,  da que se celebra a asemblea constituínte en Ourense en  xullo de 1930, sendo elixido na mesma vocal contador, e  na que se aprobou unha resolución en defensa da nosa  lingua e do ensino en galego.

Ó ano seguinte, no mes de marzo, volve unha vez máis  para a capital das Burgas, agora como director do semanario La República, substituíndo a Xacinto de Santiago,  dende onde defendeu afervoadamente os principios republicanos. 

Pero bota pouco tempo no cargo, xa que o 29 de  decembro de 1931 foi nomeado -como xa queda dito-,  gobernador civil de Palencia, ó fronte do que permaneceu  ata o 15 de xuño do ano seguinte. 

Segundo contan as persoas maiores, o matrimonio adoitaba  pasar algúns días ó longo do ano na casa do Amido,  sempre aproveitando datas de pouco labor xornalístico.  Así o fixeron logo de remata-la trasfega do Estatuto de  Autonomía ó ser aprobado o texto no plebiscito do 28 de  xuño de 1936, antes de se trasladar a Madrid, para  poñerse ó fronte do Gabinete de Prensa do Ministerio da  Gobernación. 

Esta vez poucos foron os días de lecer, de paseos á sombra  dos soutos de castiñeiros e das carballeiras da Peroxa,  porque o 18 de xullo espallouse por todas partes o rumor  de que se sublevaran varios militares destindos fóra da  península, ós que apoiaban os partidos políticos da dereita  máis extremista, como o fascista da falanxe. 

Por desgracia para España, para Galicia e tamén para  Roberto Blanco Torres, axiña se comprobou que era certo  e que os sublevados contaban en Ourense con destacados  seguidores, como o tenente coronel militar da provincia,  Luis Soto Rodríguez, que o vinte declarou o estado de guerra,  suspendendo as garantías constitucionais, ó tempo  que ordenaba ceibar da cadea a varios falanxistas que  estaban detidos dende o día oito polo asasinato de dous  militantes comunistas no café "La Bilbaína", morrendo logo  dúas persoas máis ó celebrarse  o enterro. Ás poucas  horas os militares, os falanxistas  e a garda civil controlaban  case toda a provincia,  comezando xa os primeiros  xuízos sumarísimos militares  e os "paseos" falanxistas,  sobresaíndo entre estes últimos  pola súa crueldade  algúns individuos do Ribeiro,  en particular dos concellos de  Castrelo de Miño e Ribadavia  (como o coñecido polo "Fillo  da Viuda", un deficiente con  graves problemas sexuais). 

O noso poeta e xornalista  puido fuxir nos primeiros días igual que fixeron outros  moitos ó decatarse de que a súa vida corría serio perigo,  pero el non se sentía culpable de nada porque endexamais  fixera mal a ninguén, polo que decidiu -en mala horaseguir  residindo na Peroxa xunto coa súa muller, agardando  a que se normalizase a situación, pero foi a peor:  cada día chegaban novas de fusilamentos e de "paseos"  de persoas que o único malo que tiñan feito fora loitar por  acadar unha sociedade máis libre e máis xusta, xa por  medio da prensa ou dende as tribunas: Manuel Gómez del  Valle (fusilado o 11 de agosto), Alexandre Bóveda (o 17),  Camilo Díaz Baliño (paseado o 14), Xaime Quintanilla (o  17), Ánxel Casal (o 19),... 

A mediados de setembro tocoulle a el: unha noitiña presentáronse  na casa un fato de falanxistas que o obrigan a  que os acompañe, quedando detido no cárcere de  Ourense, onde permaneceu ata finais de mes, en que foi  trasladado para o mosteiro de Celanova, transformado  por este tempo en prisión. Alí botou moi poucas horas, xa  que a mañá do dous ó tres de outubro apareceu o seu  corpo en Galez (Entrimo), xunto con outros dous máis,  nunha das beiras da estrada de Ourense a Portugal. Foron  sepultados no cemiterio desta parroquia, por detrás do  presbiterio da igrexa, onde aínda seguen os seus restos,  permanecendo ata hoxe en día sen ningunha inscripción  que os lembre. 

Ir a: Pequena escolma

        Foi na Corga da Videira

        Un grande esquecido: Lembranza de Blanco Torres.

 


 

(*)  CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ 

Naceu en Cenlle (Ourense). Vocal da Xunta Rectora e membro do Patronato do Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), secretario da sección de Etnografía e Folklore do Instituto "P. Sarmiento" de Estudios Galegos; membro da ponencia de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega, etc. 
Autor de numerosas publicacións en revistas. Libros: Aproximación a la historia de Ponteareas (1983), O refraneiro do mar (1988), A festa dos maios en Galicia (1989), O concello de Rois: Historia, economía e arte (1990), Aproximación etnográfica á cultura material da montaña lucense: Notas históricas e situación presente (1991), As festas cíclicas do ano (1992), A coca e o mito do dragón (1993), A producción tradicional do ferro en Galicia. As grandes ferrerías da provincia de Lugo (1994), Sociedade e tecnoloxía tradicionais do val de Ancares -con González Reboredo- (1996), Xesús Ferro Couselo (1996), Mendiño, Martín Codax, Xoán de Cangas (1997), Roberto Blanco Torres (1998), Antonio Fraguas (1998), Brión: Historia, economía, cultura e arte (1998), Roberto Blanco Torres: Artigos e Poemas Galegos (1999), etc. 


NOTAS

*(1). VILAVEDRA, D. (coord.): Diccionario da Literatura Galega, Ed. Galaxia, 1995, p. 85.  

*(2). "¡Gloria al poeta!", Follas Novas, A Habana, 15-III-1908.  O día 29 volveu a publicar outro artigo, no mesmo semanario, sobre o traslado dos restos mortais do poeta de Celanova a Galicia, titulado "¡Camino de su tierra!".  

*(3). Fallamos que debemos condenar y condenamos a Roberto Blanco Torres como autor de un delito de injurias graves con publicidad a la pena de dos años de destierro a ciento cincuenta kilómetros de la ciudad de Vigo, y a la multa de mil quinientas pesetas; sin que el mencionado pueda entrar ni residir en aquella ciudad, por ser el sitio donde cometió el delito, privándosele también de que lo haga, como previene el artículo ciento sesenta y siete, en el lugar donde morase él y el ofendido, si tuviese distinta residencia, suspendiendo asimismo al condenado de todo cargo público y del derecho de sufragio activo y pasivo, durante el tiempo de la condena y al pago de las costas... (BLANCO VALDÉS, J.L.: Hipertensión cívica. Aproximación á vida e á obra de Roberto Blanco Torres, Ed. do Castro, 1998, pp. 330-331.

*(4). Archivo General de la Administración Civil, Alcalá de Henares, caixa 16, TOP. 44/51. 

*(5) No meu libro Roberto Blanco Torres, Editorial Toxosoutos, 1998, p. 157, afirmo que non se fixo cargo ata o cinco de marzo. Trátase dun erro, non debido a min, senón á información facilitada pola Subdelegación do Goberno palentina, que se trabucaron nas datas poñendo mes "3" e lugar de "1". Ó consultar pouco despois a escasa documentación que sobre el fica no Archivo General de la Administración, en Alcalá de Henares, decateime de que non fora así por un telegrama do 5 de xaneiro de 1932, no que lle comunica ó ministro haberme posesionado mando provincia testimoniándole adhesión incondicional y respetuoso saludo, pero era tarde para facer emendas porque o libro xa estaba nas librerías 

*(6).La Zarpa, "Galicia entera se asoció al homenaje que los intelectuales de Orense organizaron en honor de Roberto Blanco Torres", 5 de xaneiro de 1930.   

*(7). Ídem.

BIBLIOGRAFÍA 

ALONSO MONTERO, X.: "Primeiro achegamento á poesía de Roberto Blanco Torres", prólogo á edición facsímile de Orballo da media noite, Concello de Cuntis, Caldas de Reis, 1998. 
BLANCO VALDÉS, J. L.: Hipertensión cívica. Aproximación á vida e á obra de Roberto Blanco Torres, Ediciós do Castro, Sada, 1998. 
GONZÁLEZ PÉREZ, C.: Roberto Blanco Torres, Editorial Toxosoutos, Noia, 1998. 
GONZÁLEZ PÉREZ, C.: " Roberto Blanco Torres, Artigos e poemas galegos", Editorial Toxosoutos, Noia, 1999. 
GONZÁLEZ PÉREZ, C.: "Roberto Blanco Torres: Emigrante, xornalista e poeta", Estudios Migratorios, 4, Consello da Cultura Galega, 1999. 
SEIXO PASTOR, M.: Roberto Blanco Torres, Editorial A Nosa Terra, Vigo, 1998. 
VILLAR, M.: "Introducción" á reedición de Orballo da media noite, Edicións Xerais de Galicia, 1998.-