Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

FOI NA CORGA DA VIDEIRA


por Antonio Piñeiro (*)

 

Artigo publicado na revista  "RAIGAME",  Nro. 8 ( Maio-99)  

editada pola Asoc. Castro Floxo de Ourense e impresa pola Dep. de Ourense)

  Roberto Blanco Torres  

Conta Elixio Rodríguez no libro autobiográfico "Matádeo mañá", no que se fai eco dos tráxicos episodios primixenios dos que foi testemuña a partir do 18 de xullo, unha macabra anécdota que reflicte o universo que separou o mundo da poderosa razón da forza, da aldea desgraciada da impotencia e que describe ata que punto o home pode ser cruel cando a sinrazón se fai dona das ideas. 

Indica o vello aviador que estando amoreados na cadea provisional do antigo comedor bieito do mosteiro de Celanova, unha noite un compañeiro de cela solicitou repetir a potaxe de garbanzos que lle serviran á cea. O pedimento foille concedido de inmediato por orde do oficial de garda, que se interesou por ver quen era tan "esfameado" prisioneiro. 
Ó velo, sen darlle valor ningún os principios elementais da condición humana, espetoulle de seguido: "podes comer todos os que queiras, porque non che vai dar tempo a dixerilos...". Evidentemente a fame fuxiu nun salouco do corpo daquel pobre home, mentres os seus veciños de cadea tentaban convencelo de que aquilo non era máis cá maldade dun militar transformada en pura saña. 

Unhas horas despois, sen embargo, o carcereiro acabou cumprindo a ameaza e mandou na súa percura coa "carta de liberdade" que daría con el nunha gabia do Furriolo. Cando ía atravesar a porta cara o corredor do claustro, o home ollou para o Elixio e deixou caer un marmurio que, coma unha badalada de morte, quedou soando varios días na habitación. "Tiña razón o fillo de puta ...", dixo, denantes de lles dar o adeus para sempre. 

É unha historia anónima, sen nomes a apelidos e, polo tanto, aínda que tráxica, entra sen máis no carro das anécdotas. Pero podía ser perfectamente unha historia con pais, amigos, muller e fillos. Entón cabería por dereito propio no saco das traxedias. No abondoso saco dos milleiros de traxedias que sesenta anos despois comezan a saír á luz paseniño, coma pedindo permiso para non incordiar a vida en paz que as súas mortes acabaron transformando en inevitable. 
 

E no saco das traxedias entran por igual os derradeiros días de Roberto Blanco Torres, ese xornalista íntegro e veraz a quen aprendemos a coñecer 63 anos despois, por obra e gracia do Día das Letras Galegas. Uns derradeiros días que agora trataremos de facer revivir en letra impresa, porque o resto da biografía é coñecida xa. 

Segundo lembra, con nidieza meridiana aínda, o avogado estradense, Mario Blanco Fuentes, sobriño do xornalista -que daquela contaba xa con 18 anos- os derradeiros días de Blanco Torres quedaron cravados para sempre na provincia de Ourense porque despois de ter sido nomeado xefe do gabinete de prensa do Ministerio de Gobernación da República, días denantes do infausto 18 de xullo, desprazouse ata a Peroxa para recoller á súa familia e levala con el a Madrid. 
 Igrexa parroquial de San Félix de Galez

Igrexa parroquial de San Félix de Galez  

Ó comprobar a agonía do réxime republicano e a chegada do balbordo falanxista decide agardar acontecementos na Peroxa, crendo posiblemente que aquela ruralidade das terras altas sobre o Miño ían permitirlle un anonimato que finalmente non foi tal, xa que logo, a inxustiza esfameada non tardou moito en dar con el e trasladalo á cadea de Ourense para facelo penar, non só pola súa activa militancia no galeguismo republicano, senón tamén polo compromiso social que o levara a dicir verdades coma puños en moitos xornais galegos, especialmente na Zarpa de Basilio Álvarez. 

O octoxenario avogado estradense lembra que un veciño da Peroxa que andaba a gardar as portas do penal ourensán para poder dar cun familiar que tamén tiña alí, viuno sair en liberdade unha mañá, posiblemente do día un de outubro, reparando cómo inmediatamente foi recollido por un coche con falanxistas que o levou ata Celanova, meténdoo aquela noite no cárcere do mosteiro, onde dis que lle roubaron tódolos cartos que levaba e que ó parecer non eran poucos. 

E aquí foi xa onde Roberto Blanco Torres, coma os centos de milleiros de encadeados de tal xeito, se fixo candidato a ser protagonista da tráxica anécdota dos garbanzos, mentres os represores ceaban -á súa conta seica- nun restaurante da vila. E digo que puido ser un candidato a esa traxedia porque aquela mesma noite do día 1 para o día 2 de outubro, Blanco Torres xa non a pasou enteira no cenobio celanovés. 

Un camión con anónimos verdugos colleuno a el a outros tres e no canto de subir as cóstas do Furriolo, como era normal naqueles días, enfiou o morro cara o sur e trasladounos ata a Corga da Videira, no concello de Entrimo, que permanece aínda hoxe viva na memoria dos máis vellos de Galez coma o lugar "onde apareceron os tres mortos". 

Así o lembra Luís, un veciño de Olín que contaba 18 anos daquela e que por orde do pedáneo viuse na obriga de ir velar os corpos aquela mesma noite, ata que os trasladaron ó cemiterio de San Félix de Galez onde foron soterrados. 

"A min veume chamar o pedáneo da parroquia, xa pola noitiña, dicíndome que apareceran tres corpos na Corga da Videira e que había que turnarse para custodialos, en tanto non viña o xuíz de Bande para levantar os cadáveres. Eu nin os mirei sequera porque estaban os tres tapados cunhas mantiñas". 

  

Cemiterio de San Félix de Galez  

Cemiterio de San Félix de Galez 

A Corga da Videira

A Corga da Videira

 

  Xa pola mañá do día 3 o carro do pai de Agustín da Feiravella sería o encargado de subir os tres corpos ata o cemiterio de San Félix, sendo sotrerrados -conta Chon- en tres caixas aboadas polo familiar dun deles que se achegou ó lugar para presenciar o levantamento, ó ter novas do acontecido. 

Mario Blanco recorda que a comunicación a eles foilles transmitida polo propio xuíz de Bande, que casualmente era amigo da familia. Leonor, unha irmá de Roberto Blanco que vivía con don Germán, o tío cura, párroco de San Miguel de Lores, no concello de Meaño, achegouse a el dicíndolle que ocorrera unha traxedia. Traxedia que non caeu de sorpresa sobre a sotana do sacerdote, posto que denantes que lle dixera máis nada, el mesmo preguntou: "¿Quen foi, teu pai ou Roberto?." 

Pero, ¿cómo sucederon os feitos?. Esa é a grande incógnita que queda por descubrir, malia que os propios veciños de Galez recollan algúns apuntes. Agustín, un veciño da Feiravella que andaba polos 13 anos e que conserva na memoria as imaxes quedas dunha infancia caída na escuridade anos máis tarde, asegura que foi nun camión no que os trasladaron ata a Corga da Videira, uns dous ou tres quilómetros máis alá do cruce que desviaba a estrada cara Lobios. Alí, na madrugada, mandáronos baixar e ordenáronlles comezar a andar camiño cara Portugal, disparándolle certeiramente denantes de que lograran dar un paso libre. 

Un deles, sen embargo, atado de pés e mans, logrou botarse pola bimbarreira e agacharse nun buraco do barranco, sendo quen de desatar o arame que lle ataba os pés. Logo correu ata Quintela, onde alguén o axudou a desembeleñarse do arame que lle ataba as monecas e pola serra do Quinxo deu cabo da fuxida na vila de Castro Leboreiro e alí atopouse con outros fuxidos de Entrimo, entre os que se atopaban o Benito, un primo de Agustín, e os Xanelas de San Pedro. 

Esa mesma sorte non a correron, noustante, o propio Roberto Blanco Torres e os outros dous compañeiros de viaxe, o "escribiente" Rizal Villamarín Iglesias, de 28 anos de idade e de quen dicían que era o secretario do Concello de Quiroga, e o "ebanista" Eulogio Vázquez, de 42 anos de idade e tamén natural de Ourense. Alá polas catro da mañá, segundo reza nas correspondentes actas de defunción do Xulgado de Paz de Entrimo, os tres foron abatidos no quilómetro 67 da estrada de Ourense a Portugal, dentro do termo municipal de Entrimo, falecendo por causas "traumáticas" producidas por "hemorragia interna". 

E se de por si a historia sería cruel de seu, a lembranza que quedou indeleble na memoria colectiva dos veciños de Galez foi aínda máis tráxica, pois contan que alguén os veu seguindo dende Celanova -tal vez para tentar salvalos- e cando chegaron ó cruce de Lobios informáronos de que o camión tomara camiño de Portela d'Home, mentres os tres estaban a ser abatidos camiño da Magdalena. 

E non só iso, senón que despois de os axustizar na Corga da Videira, trala manobra de volta preto de Aceredo, ó pasaren polo sanguento esceario decatáronse de que un deles quedara malferido e aínda lles deu tempo de "rematalo" no camiño de regreso. Estes últimos probablemente foran os disparos que dende a outra beira do río oíron os perseguidores. Pero cando chegaron á Corga da Videira, alí xa había só os corpos de tres homes inertes e o silencio de tres vidas fendidas para sempre  

Máis ou menos, do mesmo xeito e por separado explícase Manín, o presidente da asociación de veciños de Galez, ó asegurar que "aquela noite morreron tres, e un logrou fixir botándose do camión embaixo pola bimbarreira que chega ata o río" - hoxe cuberta polas augas do Lindoso-. 

Malia memoria colectiva de Galez -a recelosa memoria, por veces- son moitas as incógnitas que cernen, pois, sobre aquela noite anguriosa. ¿Quen foi o dedo executor daquelas tres mortes que convulsionaron a memoria local de Galez?. ¿Quen decidiu o martirio?. ¿Quen lles seguiu os pasos e non deu chegado a tempo?. ¿Quen os enfiou polo camiño incerto?. ¿Quen foi o que logrou fuxir e chegou ata Castro Leboreiro?. ¿Quen lle tronzou o arame no silencio?. ¿Quen...? Son moitas preguntas que alguén haberá responder un día para facer xustiza histórica con aquela noite de outono na que as brancas torres da liberdade e da palabra se fixeron negras e debeceron para sempre na Corga.

Acta de defunción de Roberto Blanco Torres

Una de las actas de defunción ***

Ir a:    Roberto Blanco Torres, poeta e xornalista

      Escolma pequena

      Un grande esquecido: Lembranza de Blanco Torres.

 


 

* ANTONIO PIÑEIRO

Antonio Piñeiro. 1960, Funcionario do Concello de Celanova desde o ano 1987, leva dez anos desempeñando funcións de encargado do departamento de Cultura deste Concello. Desde o ano 1985 ten colaborado en diversos medios de comunicación, mantendo unha relación case ininterrompida co diario La Región de Ourense, no que desempeñou o labor de delegado das comarcas de Celanova e a Baixa Limia ata o ano 1998. Desde 1993 colabora neste mesmo xornal con artigos de opinión sobre a actualidade diaria do acontecer social da provincia de Ourense e de Galicia. Premio de xornalismo da Festa do Pulpo de Carballiño no ano 1992. Premio de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo 1997. 
Ten publicado varios monográficos sobre aspectos da historia de Celanova, coma os "140 anos de Historia da Banda de Música municipal de Celanova" e outros. 
Atópase no prelo un estudio biográfico sobre Xosé Velo Mosquera, o ideólogo da Toma do Transalántico "Santamaría" ( ver Santa Liberdade ). 

*** Esta acta de defunción se atribuía en la revista Raigame erróneamente al poeta Roberto Blanco Torres, la cual habíamos transcripto tal cual pero rectificamos porque recibimos el siguiente email:

Buenas tardes,

Hoy he encontrado por casualidad un articulo en este enlace http://www.galiciaespallada.com.ar/blanco_torres_videira.htm, habla sobre 3 asesinatos que se cometieron hace 70 años en un concello de Orense. 

También adjuntan un acta de defunción, que según ustedes, es de uno de los asesinados, el Poeta Roberto Blanco Torres, lamento informarles que el acta de defunción que han puesto no es de ese señor, sino de Rizal Jose Villamarín Iglesias, que además era mi tío abuelo, hermano del papa de mi mama Don Cervantes Villamarín Iglesias.

Me gustaría saber si pueden hacerme llegar una copia de dicho acta de defunción o decirme donde puedo conseguirla, así como mas información de lo que ocurrió aquel día. Mi abuelo no hablaba mucho de ello, pero sabemos que es una espinita que se llevo con él.

Muchas gracias de ante mano.

Saludos

Mª Luz Dacoba Villamarín 

mariluz.dacoba@hotmail.com

Efectivamente, haciendo un ampliación de la foto, el acta de defunción corresponde al mencionado.

Agradecemos a Luz Dacoba Villamarín por la aclaración