Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Roberto Blanco Torres


Pequena Escolma


por Clodio González Pérez (*)

 

Publicada na revista  "RAIGAME",  Nro. 8  ( Maio-99)  

editada pola Asoc. Castro Floxo de Ourense e impresa pola Dep. de Ourense)

  Roberto Blanco Torres

    |                


Os textos reprodúcense tal e como saíron no seu día, polo que cómpre ter en conta que, sobre todo dende a publicación de Orballo da media noite (1929), Blanco Torres decidiuse pola corrente etimoloxista, de xeito que o "j" equivale a "x", e os dígrafos "ge" e "gi", a "xe" e "xi": plumaje > plumaxe, baijo > baixo, gente > xente, enveja > envexa, etc.

Unicamente se altera algunha vez a acentuación, cando non está clara a compresión do texto para o lector afeito ás actuais normas ortográficas. 


O NENO

Co derradeiro atavío 
a naiciña está na caixa:
o pequeno entra xogando
e contémplaa cara a cara. 

Mira as froliñas que adornan 
tecidas como grinalda; 
entr-as mans casi amarelas 
se lle figuran máis brancas. 

E con voz mimosa, dille: 
-Dame unha frol d-esa rama-; 
y-ô ver que non lle contesta, 
vaise quediño da sala. 

E pensa: -"Será que dorme;
habrá que calar"-, e cala. 
Pero volve paseniño 
por se-acaso a nai o chama. 

 


Versión libre dun poema do dramaturgo e poeta alemán Friedrich Hebbel (1813-1863). 

Publicouse en A Nosa Terra, o 25 de xaneiro de 1920. 




O QUETZAL 

           Paxaro voandeiriño, 
             ti és o Espíritu Santo. 


Plumaje negro, de neve ou d'ouro, 
¿qué máis dá? 
Basta par'a groria do que vive, 
a vida do quetzal. 

Máis que os cóndores altivos 
íl rube na imensidá; 
máis que o sinsonte algareiro 
enfeitiza o seu cantar. 

Eu ben sinto na miña alma 
a grandeza do quetzal: 
¡a idea pura que morre 
se lle falta a libertá!. 


       Orballo da media noite, 1929. 



16 ~ O GRILO A CANTAR..



Gli gli, gli gli, gli gli... 
Canta aquí, canta aló, canta acolá. 
¿Onde diaño canta o grilo? 
¿Onde o grilo cantará? 

Non sei se anda na herba 
ou si baijo a terra está; 
non sei se rubíu â copa
do arbre máis outo, -ogallá, 
porque as âas máis sensibres 
car-ô ceo sempre vanou 
se n'un raio da lúa 
urde un ensono cicáis. 

(Fai un silencio profundo 
a orquestazón vegetal.) 

Gli gli, gli gli, gli gli, 
sigue o grilo aquí e alá, 
e a ringleira dos seus pitos
da noite na imensidá, 
como estrelas derrubadas 
rompen na terra a laiar. 

(A ubicuidade do cosmos 
garda co grilo o compás.) 

   Orballo da media noite, 1929. 



O NOVO EMIGRANTE 

( Manoeliño na Habana) 


Bágoas nos ollos, 
a dor no peito, 
deijou o leito 
moi de mañán; 
dend'alá arriba 
mirou pr'aldea 
coa i-alma chea 
d'escuridá. 

Un barco negro 
con gente istrana, 
levouno â Habana 
sin sentir ren, 
como quen leva 
un fardo vân 
que troca o chán 
por outro ben. 

Sol e mulatas, 
piña e mamey... 
Forma na grei 
da Sociedá; 
entra no Centro 
con certo tón; 
baila o danzón 
na Tropical. 

Afina o paso, 
move a cadeira 
d'unha maneira 
que genio dá; 
e se a pareja 
lle louba, ufana, 
a filigrana 
do seu compás, 
il ponse rufo, 
tira pra diante 
e dí pimpante: 
-"¡Chica, que vá!". 

       Orballo da media noite, 1929. 



LOITADOR...  



¡Loitador, non te deteñas! 
Ten cada hora novo alento, 
sigue a luz que te ilumiña, 
mira a cotío pr'ó ceo. 
Ôn lado e outro do camiño 
toparás pinchos e rebos, 
e da estulticia e a enveja 
ladraránche os cans famentos. 
Loitador, non te deteñas! 
¡Levas a verdá no peito, 
e a estrela que te guía 
ten resplandores eternos. 


    Orballo da media noite, 1929. 




Ó MARXE DA REALIDÁ: DÚAS VERBAS 

Decía Proudhon que por debaixo de todal-as cuestiós humanas latexa un problema relixioso. Podemos parodiar o gran revolucionario d'as ideas dicindo que no fondo de todal-as loitas sociaes hay unha cuestión moral. No noso conceuto, o principal probrema de Galicia é un probrema de moralidade. Os lindeiros d'a moralidade están, n'este século de mentidos refinamentos e bastardas ambiciós, confundidos ou revoltos no remuíño touleante do tráfego d'os homes. 
Por sóbor o sentido d'a moralidade -que'é o cimento das grandes e fecundas ideas e o faro luminoso d'as máis sinxelas bellezas- poñemos os galegos, nas nosas relaciós e n'os nosos feitos, cal unha oureola de groria, a cativa condición d'a necesidade, e miramos pro estómago como úneco ouxetivo, cal úneco ideal. 
Todo no retabro da nosa mira rexional é falso, hipócrita, pequeno e probe. As conviciós non determiñan a conduta das persoas. Os sentimentos íntemos agáchanse no fondo, disfrazados coa verba que coltiva todal-as postemas do prauticismo, isa baixa e ausurda andrómena d'a iñorancia, isa pauliña qu'é de cote o móvil d'as nosas auciós. 
Os políticos aldraxan o nome de Galicia, e fan escárneo d'a cibdadanía gallega. Todos o saben e calan. Os xornaes defenden as súas conveñenzas, buscan a satisfacción d'os seus desexos egoístas, escatiman a verdá, defenden por catro cartos a causa máis enlixada. Todos o saben e calan. 
O caciquismo afoga as almas e merca a libre personalidade d'os homes. A hipocresía relixiosa é un médeo pra desimular o empodrecemento d'as concencias, sin qu'haxa fe nobre e pura. E todos o saben e calan. ¿Por ónde haberá qu'escomenzar a prometéica empresa de rexenerar o noso pobo y-erguélo do fango?... 

A Nosa Terra, 10 de abril de 1917. 


PROBREMAS NOVOS: O REXONALISMO GALEGO 


O rexonalismo, crecente en España, é un probrema serio. Nasceu en Cataluña, onde a necesidade da vida requería novos camiños d'espansión, e tópase con máis alí, n-a Euskadi e n-a Galicia, rexiós d'un perxenio ético e psicolóxico máis difinido. Contra d'él, alcumando con supostas tendencias separatistas -¡sempre o sofisma pra engayolar parvos!- ergueuse a patrioteiría c-ô seu sólido clamoreo, botando mán dos vellos recursos, en nome d'unha Patria, cuio porvir nos inqueda máis que n-o que ás súas persoas poida referirse. O rexonalismo non sinifica unha escisión da España política, do Estado español, com'a cabeza d'unha entidade xeográfica cuios destinos n-o conxunto rixe; sinifica: autonomía n-a vida das rexiós hasta n-as máis baixas zonas municipales, unha xuntanza das enerxías homoxéneas, a ordenación d'esforzos, o desenrrolo do xenio da raza n-as súas diversas manifestaciós, a intensificación e orientación das eficiencias propias. Máis ben, pois, que unha ameaza â integridade do Estado,é o rexonalismo unha colaboración á súa maior vitalidade e desenrrolo, porque xuntando en fecunda armonía as forzas qu'actúan espalladas multiplica a capacidade dos faitores nazonales. 

O rexonalismo é patriótico, e os qu'en nome do patriotismo o combaten son os abúlicos, os tradicionalistas por atrofia e inopia críticas, os usufructuarios d'unha posición ideolóxica simplista, son os eternos polichinelas incapaces d'un movimento espritual fóra do taboado da farsa. E con isto non queremos faguernos solidarios ideolóxicamente, da orientación dos outros rexionalismos españoles, ó preconizar o galego. Enunciamos un rexonalismo, o noso, e a él nos atemos.

O rexonalismo galego poide ser, n-o fondo, o de Baskonia ou o de Cataluña, e ter ademais n-o seu camiño a miudo momentos de contacto. Mais idéntico endexamais poidan sel-o, xa que cada un ó partir de difrêntres necesidades n-o intensivo ou n-o estensivo, responde a peculiaridades e matices propios que á forza han de tér un desenrrolo especial. 
N-o fondo o probrema rexonalista pide unha aición paralela; a teoría non poide ser diversa. Y-eisí en Cataluña, Baskonia ou Galicia as ideas teñen de ser o laboratorio d'ista palinxenesia trascendente, onde as forzas propias adiquiran unha virtualidade xermoladora e progresiva, tanto n-o orde intelectual e moral, como n-o material y-económico. O desenrrolo e a afirmación dos valores autóctonos: velaí o probrema que pranteado ó resto das autuales circunstancias trae implícita a urxencia d'unha prodéutica. En Cataluña a escola rexonalista, da que foi alma Prat de la Riba, aproveitou o concurso de todal-as eficiencias indíxenas e adquiriu perfiles que non ten ningunha outra d'España. 

Mais en Galicia faise inda perciso impulsal-a vountade rexonalista, xa que en estado latente eisiste. A idea como precedente á aición; a teoría como anterior á práctica. ¿Eisiste en Galicia ista disposición ideolóxica, ista necesidade en forma sentimental ou emotiva? ¿Eisiste en Galicia, como en Cataluña, ond'está arraigada fondamente, esta pasión emocional? Pol-o d'agora somente d'un xeito vago, mais xa hay moitos elementos, por certo de valía, cuya vanguardia forma a mocedá -¡diviño tesouro!- n-os que a idea rexonalista ferve e latexa con contornos orgánicos e afírmase, loitando xa por espallarse n-o ambente preñando o corazón do pobo. 

O terreo pois, vai preparándose; a atmósfera galeguista cada vez faise máis densa; a idea nazonalista vai conquerindo novas parcelas. Síntea, por de contado, unha mocedade chea d'arelas, e d'audaces arrestos, qu'é xá unha positiva espranza, aqueles qu'en todas partes, onte n-a Hestoria, e mañán n-o porvir poñen os cimentos de todo progreso, e ós que débense as maiores e máis granadas victórias. 

En Galicia enche o lirismo gran parte da súa vida e das súas loitas pol-a emancipación. Preto do lirismo a nota elexíaca enchéu as pautas do door, das cobizas e da saudade, cristalizando n-unha literatura tristeira -fraga d'amargura con oasis de resinación estoica- lacrimosa e chorenta, n-a que unha morbosa morriña pón ás veces, como en Rosalía de Castro, imprecaciós airadas e rotundas, e outras, com'a en Curros Enríquez, apóstrofes restallantes. Aquelas bágoas trocáronse en aición e dinamismo e os airados anatemas son piqueta destructora e cerebro orgaizador. 

E grande en verdade o labor de levar á concencia do pobo galego o sentimento rexonalista, e a fe n-os recursos da propia persoalidade, esmorecida ó longo de moitos tempos d'inxusticias, d'asoballamentos, de cacicatos funestos, e da interpretación d'un cosmopolitismo "snobista" e hoco, sin contido ponderable, que nada deixou denspois de desfacer os perfiles indíxenas. Mais ista empresa hai qu'acometel-a. Sobre d'ela ten d'erguerse o moimento do rexonalismo galego, nado e fecundado n-os espritus por unha pedagoxía ideolóxica e cristalizada n-as mais vivas parcelas da eisistencia popular. Iste camiño, drento das carauterísticas propias, foi o que levou ó rexonalismo catalán, forxando o autual ambente dend'o de todal-as aitividades espirituales, dend'a poesía e pintura, múseca e teatro, inxertando en tod'a a súa literatura un vivo sentimento de cidadanía. Por iso ven, dempois, por añadidura, o renacimento d'aquil pobo -renacimento fundado n-a súa epopeya- con súas grandes industrias, con seu puxante comercio, con súa economía vigorosa e seu desenrrolo integral. A vountade rexonalista fixo nacer a prosperidade púbrica. E o ideal catalanista puxo o cuño do progreso n-a vida de toda Cataluña. 

N-o caso de Galicia foron as Irmandades da Fala -viveiros da mocedade valente e inteleitual- creadas nos principaes pobos, as que deron maior impulso, as que comenzaron con xenerosa vehemencia o autual movimento -o úneco sereamente orgaizado- drento d'un amplio idearium, removendo a lama das vellas chagas políticas por necesidade profiláitica, cuarteando os feudos, antes inespunables, do caciquismo, socializando o emprego do idioma; fronteando n-unha verva, en todol-os seus aspeitos, o probrema d'unha renovación trascendental. 

A Nosa Terra, 15 de novembro de 1918. 


NAZONALISMO 

Pra Vicente Risco 

O pobo entende pouco de nazonalismo, cando non lle fala âs febras do sentimento. As ideias polí ticas aséntanse sóbor o laboreo do inteleito, sóbor da íntema, espeitazón d-a concencia, e percisan d'unha terapéutica moral nobre, artruista e xenerosa. O povo inda non puido decatarse do xeito direitor e progresivo d-estes fenómenos -políticos, económicos ou sociaes-; non poido atendere ó cultivamento d-esas forzas ferventes e intensivas que transforman normas e siñalan novas estradas. 

Por outro xeito, ó representante do povo, o político d'oficio, non ll'importa un res o nazonalismo; ou non lle interesa, porque o interesarlle inquedarío -o e perturbaría seus folgos e súa voluptuosa preguiza, ou coida n-él a posibilidade d-unha perda de domiño, de influencia e pol-o tanto súa bancarrota persoal. Seguir como s'está; velaí un bon programa, predileito do político gallego. 

O enunciado do nazonalismo gallego, do noso nazonalismo, fervente nas y-almas enxebres ateigadas de forza e d'amor, debera ir diante de toda Galicia, sin distinción de crás algunha. Abondaría, pra seguilo no seu desenvolvimento e camiño, soimente ser nado en Galicia, sentila e pensala. Esto é algo así de senso común. (Cómpre acrarar que empleio esta frase que "salta á vista". Polo demais, teño do chamado senso común o pior conceito e moi malas referencias). Ainda dáse o caso de que hay quen mira con indiferenza e inda con recelo o ideal da nazonalidade gallega. Pero ¿cicáis o trunfo d-esta ideia non sería o trunfo de todos, o trunfo de Galicia? ¿Cicáis intresa soimente ás Irmandades, n-os seus impulsos patrióticos e progresistas, e non tamén a toda entidade, a toda corporazón, a todo cibdadano gallego? ¿É que un ideial d-esta natureza non vai a trocarse sinón n'unhas calderillas que vánse a repartir entr-os chamados soñadores e románticos? ¡Santo romanticismo e santos ensonos!. 

O político gallego dóulle moi pouco creto á súa propia capacidade -xusta s-entende- e non poide achegarse con nobres curiosidades ó movimento nazonalista, porque, receloso e parvo, coida qu'o éxito socava seus fueros dentro do seu radio d'aición. Y-él se encárrega de oporlle todo-los orgos da súa hostilidade y-a resistenza vountaria daqueles ciudadanos qu'operan ó tun-tún ás súas órdes. 

¿Cabe dentro da Galicia un ideial nazonalista? En todo caso, si é qu'hay n-eles algunha posizón ideolóxica -que ben o dubidamos- eso é o que deberan facer ouxeto de problema polémico os caciques e toda esa caterva de políticos africás que se revolven e despreguizan ant-as empresas libeiradoras e sementan a mala fe y-a cizaña n-os coutos do seu arbitrio feudal. Y-entonces polderiamos discutir e daríasenos oportunidade de poñer diant-os seus ollos as caraiterísticas integrantes das nazonalidades, n-as que figuramos con releve e dereito propio. Os grupos étnicos teñen unha fisonomía inconfundible. As nosas cualidás diferenciaes costituen unha persoalidade con todol-os xeitos temperamentaes e sicolóxicos. A iustaposizón d'elementos non quer decir fusión de caracteres específicos. N-o xeográfico, filolóxico y-ético somos un povo, unha nacionalidade. 

Temos de loitar. Toda causa outa e xusta ten aparellados sacrificios y-heroismos. Pr-os esprítus acesos hastra as prazas púbricas son púlpetos unxidos por púrpuras ideaes insenescentes e groriosas... 


A Nosa Terra, 5 de decembro de 1918. 



CRÓNICA: NÓS SOMOS ARISTOS 


Nós somos os aristos. 
Somos os que achamos un pobo esnaquizado e querémolo facer libre, civilizado e culto, no concerto dos demais pobos europeos. 
Os que temos un ideal e non comprendemos a vida sin el, porque n'este ideal está consubstancializada a nosa personalidade e a nosa razón de ser. 
Os que non nos conformamos con ser "cousas", senon "forzas". 
Os que nos tocou nascer n'un pobo que, por eunuquismo e inconscencia, resínase á condición máis ofrentosa e aldraxante, e que, por non ter vontade, por sere iñorante e inculto, fíxose servo por comodidade, facendo ós seus caciques e ós seus amos. 
Somos os que, por enriba da servidume dos máis, temos qu'erguer a nosa voz de homes libres e o novo esprito de independencia frente â sumisión dos "pancistas" e â "incondicionalidade" rebañega dos servos. 
Somos os que temos unha ética e unha estética: Os que queremos socializar no noso pobo os valores ideales do mundo enteiro, axeitandoos â nosa visión diferencial e disociándoos según a propia capacidade peculiar. Os que aspiramos a que se conozan e se pensen e se discutan en gallego as categorías platónicas, o metodismo lóxico cartesiano e o ausolutismo ideolóxico de Hegel. 
Somos os futuristas... Somos, se queredes, os rebeldes, os revolucionarios, os transformadores, do linaxe dos que trouxeron en todo tempo y-en todo pobo, a través dos séculos, o progreso, a renovación, a cultura, as libertades, tódo-los tránsitos fecundos; somos d'aqueles ôs que chamaba Emérson os "non conformistas", Spencer os "inadatados", Stuart Mill os "descontentos", Nietzsche os "inautuales"... 
Somos os xenerosos que queremos dar unha razón ética e unha finalidade espritual â nosa esistencia... 
Aristos: os bos, os mellores. 

A Nosa Terra, 20 de marzo de 1920. 


A OBRA 

Unha das millores maneiras de festexar o Día de Galicia -que é día, máis que de satisfauciós e realidades, de espranzas e degoros- coido eu que sería facer un balance dos froitos espirituaes conqueridos durante o ano. Non é este, de certo, o tempo máis axeitado pra colleitar ideas. Deus cega ôs que quere perder, e o mundo anda volvéndose cego. Pero detrás de tempos, tempos veñen. 

De todo-los xeitos o que en Galicia ten unha vibración e acusa un vigor, espiritoal dou de si canto é posibre dar n-este paréntesis de plebeias inquedanzas. As nosas leiras -que é o campo máis doado pr'as eispresiós de vitalidade ideal- tuveron un xurdio froitecimento, se non extensivo, en calidade. 

O Dieste -unha das millores pennas do noso rexurdimento intelectual- pubricou A fiestra valdeira, que pode compararse co millor libro, no seu xénero, esquirto en castelán no que vai de ano. Ahí está A rosa de cen follas, de Cabanillas; Ardencias, de Lugrís Freire; Proel, de Amado Carballo. Axiña sairá do prelo Oraciós campesiñas, de Eladio Rodríguez González, o poeta por quen non pasan os anos, tal e a súa plenitú de xuventude. 

Cinco libros -e catro d'eles de versos, que queren decir que o paxaro canta inda que a ponla s'esgace - en poucos meses. Un solo libro basta moitas veces para salvar un pobo do estigma da medoñenta esterilidade. 


A Nosa Terra, "Día de Galicia" de 1927. 


Voltar a:  Roberto Blanco Torres, poeta e xornalista

 

Ir a:     Foi na Corga da Videira

              Un grande esquecido: Lembranza de Blanco Torres.