Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Ben-Cho-Shey (José Ramon Fernandez-Oxea)

por Prudencio Vivero

 

Extraido da web www.culturagalega.org


Entre os galegos que merecen o cualificativo de polígrafo Ben-Cho-Shey figura en lugar sobranceiro. Historia, etnografía, xeografía, heráldica ou xeografía, de todo sabía moito e ben. Mais se tivesemos que buscar unha soa palabra para definir a este ourensán ilustre nada mellor que a de galeguista. 

Ben Cho Shey Don Xosé Ramón Fernández-Oxea nace en Ourense en 1896. No ano 1915 remata os seus estudios de mestre de ensino primario, dedicación que ocuparía a vida profesional do noso protagonista desde 1925, ano no que aproba as oposicións a mestre nacional. Fernández-Oxea foi mobilizado como soldado para a guerra de Marrocos, foi precisamente no norte de África onde, en 1922, nacería o seudonimo co que sería coñecido o resto dos seus días. En efecto, Ben-Cho-Shey foi a sinatura que empregou para as súas crónicas de guerra enviadas ao xornal de Ourense La Zarpa, dirixido por Basilio Álvarez.

Como mestre exerceu a súa profesión en Cariño e máis tarde en Sta. Marta de Moreiras (Ourense), parroquia que se convertería en obxecto de exhaustivos estudios etnográficos que o autor publicaría en 1969. No ano 1935 ingresou por oposición no Corpo de Inspectores de Ensino Primario, posto que desempeñaría ata a súa xubilación. Establecido en Lugo, presidiría nesta cidade o Partido Galeguista, símbolo do seu compromiso político. A chegada do franquismo trouxo para Ben-Cho-Shey importantes cambios; en 1937, e como represalia pola súa vencellación galeguista, foi trasladado a Cáceres, non sen antes ser suspendido de emprego e soldo por tres meses. Máis tarde desenvolvería tamén a súa profesión en Toledo.

A vida de Ben-Cho-Shey estaría tamén moi vencellada a Madrid. Nesta cidade levou a cabo un importante labor cultural, ademais de ser mentor e protector de moitos mozos galegos estudiantes na capital do Estado (Xesús Alonso Montero ou Xosé Luís Méndez Ferrín, serían exemplos destacados). Así, Ben-Cho-Shey axudou á fundación de colectivos como o Grupo Brais Pinto, que tanto contribuirían ao rexurdir político do galeguismo na post-guerra. Fernández-Oxea foi tamén directivo do Centro Galego de Madrid, posto desde o que levou adiante interesantes actividades culturais.

Ben-Cho-Shey foi autor dunha obra escrita de grandes dimensións. Sen dúbida, as investigacións históricas, etnográficas, heráldicas, etc., ocupan grande parte dos seus libros publicados. Mais, Ben-Cho-Shey destacou igualmente pola súa obra literaria, tanto en prosa (Andrómenas, 1954) como en verso (A ducia do frade, 1966), sen esquecer as súas colaboracións xornalísticas, reflectidas en centos de artigos en xornais galegos. Membro correspondente de diversas Sociedades e Academias (entre elas a da Historia); recibiría ao longo da súa vida numerosos premios e homenaxes, a destacar a medalla Castelao en 1986. Este grande home comprometido decote con Galicia falecería en Madrid no ano 1988.

Malia a importancia da súa obra, a figura e a personalidade de Ben-Cho-Shey son descoñecidas para o grande público de Galicia. Fronte a outros homes da súa xeración, tales como Castelao, Otero Pedrayo ou Florentino Cuevillas, a presencia do noso protagonista non chega aos galegos coa mesma intensidade. Na procura das razóns deste esquecemento pensamos que as liñas dun artigo do propio Ben-Cho-Shey, publicado na revista Lar de Bos Aires en 1951, ofrécennos a chave:

"Poucas vegadas se terá dado na Historia un caso tan insólito, tan desgraciado e tan triste como o de Galicia. Eu confeso que non conozo outro pobo que como o galego faga unha tan completa renuncia da súa persoalidade nin renegue tan radicalmente de todo canto representa o seu xeito de ser: dos seus costumes, dos seus bailes e, ¡ sobre todo !, da súa fala. O caso de Galicia é o caso inaudito dun pobo en dimisión colectiva de canto ten de seu e o caracteriza."

Intuición non lle faltaba a Fernández-Oxea pois, con visión certeira, incluíu no seu epitafio a seguinte advertencia: "Nota: quedan suprimidas tódalas homenaxes post-mortem, porque as cousas ou se fan ó seu tempo ou non se fan".  Non se pode negar que Ben-Cho-Shey foi un home brillante ata o final.

 

Ler:   Muiñeira do afiador (Ben-Cho-Sey)