Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

degallaecia coquinaria

Enquisa  

Enquisa gastronómica

 

 

 

 

 

1- ¿Cales son os dous últimos libros de gastronomía galega que saíron do prelo das editorias de Galicia?:

    

a) Xarri Potes e a filloa brincadeira, de Jack Fiunche

b) Caldeirada para dous (mortos), de Miguel Vila

c) Cociña galega en Marte, do Colectivo Alén do Arco da Vella

d) O xantar da memoria, de Lois Caeiro

 

2- ¿Quen é un bo chapante?:

   

a) a persoa que garda os xexúns e abstinencias que manda a Santa Madre Iglesia

b) un musulmán galego que come, sen sabelo, lardo de porco e pingo de touciño

c) aquel que escolle a comida intelixentemente, saborea o arrecendo e come a modo

d) o comensal que rega as «flores de figueira rebozadas» cun Vega Sicilia do 64

 

3- Leacock é unha afamada marca de:

   

a) salsa feita con chorimas e vinagre de sidra

b) croquetas conxeladas de lacón con grelos

c) unha editorial francesa de libros de cociña

d) un dos mellores viños de madeira

 

4- O pote galego, como preparación culinaria:

   

a) non existe

b) é o capón con grelos

c) cocíñano os emigrantes galegos en Francia e chámanlle «pote-au gâlegué»

d) prato estrela  en Lalín o día da Festa do Cocido

 

5- O Roscón de Reis é:

   

a) un Donuts moi grande que cociñan no Pazo da Silveira de Madrid cando vai comer algún Xefe de Estado con El-Rei. O cociñeiro é galego

b) o doce típico de Caldas de Reis que senta moi ben despois de tomar o baño nun balneario

c) a rosca que lle dan os padriños aos afillados cada 6 de xaneiro

d) o anel do filme O Señor dos aneis

 

6- Para choquiños, Redondela. Para bica de millo e tortas de améndoa:

    

a) A Coruña

b) Lugo

c) Ourense

d) Pontevedra

 

7- Cova Serodia é:

    

a) un relato no que Platón explica un dos seus principios filosóficos

b) a cova da Raíña Lupa

c) unha posturiña gastronómica do Kamasutra

d) un bo albariño

 

8- O capón:

    

a) é de Vilalba

b) é un galo de curral capado e cebado

c) ten unha festa en As Cruces

d) foi moeda de pago para os foros monásticos

 

9- A richada é:

       

a) un prato típico de Forcarei, onde é a protagonista dunha festa gastronómica

b) dise que rinchan as patacas ó fritilas e fan o que se coñece como richada

c) a pescada cando se cociña do mesmo xeito que a rincha

d) banquete de boas viandas e moita fartura, sendo a preferida do inglés Sir Richard Dam cando xantaba na Vilagarcía do século XIX

 

10- O leite de burra:

    

a) o leite dunha mula, se deixa ordeñala

b) o xenio dalgunha persoa con moito carácter

c) un licor típico de Cela, en Bueu, feito con azucre, leite, augardente e  zume de limón

d) utilizábano como xel de baño  as mulleres romanas e despois enlordaban a faciana cun cosmético de semen de balea

 

11- Coñécense como sardiñas lañadas:

   

a) aos adolescentes barbilampiños sen afeitar, en referencia á lá ou pelusa que lles medra na faciana

b) as raspas, enténdase escamas e máis as espiñas, que quedan no prato despois de comer sardiñas

c) as sardiñas abertas ata a espiña, sen cabeza e salgadas, que se colocan de xeito circular nunha caixa redonda de madeira

d) os cativos que aínda non pronuncian ben o r din lañadas por rañadas, cando se refiren ás sardiñas sen escamas

 

12- Escoller unha:

   

a) take away

b) fast food

c) nouvelle cuisine

d) polbo á feira con Espadeiro : galician way of cooking

                

RESPOSTAS :

 

1-     b) e d)

2-     c)

3-     d)

4-     a)

5-     b) e c)

6-     c)

7-     d)

8-     a), b), c) e d)

9-     a)

10-   c)

11-   d)

12-   a), b) e c) restan un punto; d) suma un punto

 

 

 

 Ata 4 puntos:

 

Por mor da baixa puntuación acadada é aconsellable que vostede empece por aprender o refraneiro gastronómico básico. De seguido, merque canto bo libro haxa de cociña e gastronomía, navegue polas webs gastronómicas da Internet, diríxase á casa da aboa, da nai ou de quen poida ensinarlle a cociñar e a escoller ben a comida. Inscríbase en calquera curso de cociña e lembre: con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai viño ruín; comer e rañar, todo é empezar.

 

De 5 a 8 puntos:

 

Non é mala puntuación, pero aínda lle faltan unhas fervuras para ser un bo chapante. Cando falamos da comida non pode haber termos medios; non é o mesmo un arroz con leite que papas de arroz. Cómpre ampliar coñecementos para subir un andar: acuda a canta festa gastronómica poida; escriba un libro coas súas experiencias na lareira; organice sobremesas gastronómicas na casa dos amigos...

 

 

De 9 a 12 puntos:

 

¡Noraboa! É vostede o que os franceses chamarían un «gourmet de la galicien», un bo chapante. De seguro que é un sibarita e sabe cociñar ben, está ao día nas novidades gastronómicas: libros, productos, receitas... E non o esqueza: ¡quen come e non convida, leva o demo na barriga!

  Voltar ó Cultura gastronómica e etnografía galegas, a sección de Xavier Barreiro