Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Caldeirada de letras

 

 

 

 

A cociña galega de montaña

   

Gloria Gallego

     

EDICIÓNS XERAIS. 167 páxinas. 1998.

   

Un clima duro e frío case elimina a diferenciación entre os pratos nunha zona en que se adoita tomar doces como entrantes e almorzos que semellan xantares. DIsto sabe moito Gloria Gallego, que foi cociñeira no Courel antes que escritora gastronómica; as súas tartas de castaña son perfectas, o seu lacón con grelos e castañas rustridas é inesquencible.

 

Desde as patacas ó cocho ou desde as castañas ós grelos, a cociña de montaña está marcada polo seu carácter temporeiro. Sendo unha gastronomía de arca e artesa, a cociña montañesa segue a ser hoxe de elaboración sinxela, pero de grande riqueza.

 

Os caldos, os peixes, as carnes (especialmente a caza), a matanza, os preparados ó forno, as hortalizas e legumes (con especial atención á pataca), a castaña, os derivados lácteos, os doces e os licores e outras bebidas centran a atención deste libro, no que a súa autora amosa os segredos da cociña sinxela da montaña galega.

 

O caldo de feixóns verdes, a zorza, as sardiñas con cachelos, o guiso de xabarín, as filloas (da pedra e de filloeiro), a androia, o cocido, as empanadas, as patacas asadas no remol, o leite con castañas, os queixos, as chulas, as papas de millo, o licor de amorodos (que toda boa cociñeira debe facer unha vezna vida) e o viño quente están, con agarimo, ben cociñados e adobiados para deleitar o padal con máis retranca.

 

Cociña tradiconal da montaña lucense e con raigame galega, cociña de inverno na lareira, cociña de aldea feita polas aboas, son os calificativos axeitados para estas receitas do libro de Gloria Gallego. Para a parte práctica do libro haberá que experimentar no restaurante Anduriña do Courel.

 

    

   

 

Recetas de la cocina familiar gallega

  

Matilde Felpeto Lagoa

NIGRA TREA. 190 páxinas. 2002.

 

Cociña familiar galegaDa boa man na cociña, tamén dunha pluma erudita, a mestra Matilde Felpeto amósanos as receitas tradicionais da zona do Salnés e doutros lares. Ten un estilo a xeito de relato, xa que, inicialmente, escribiuno para ensinarlle á súa filla a cociñar como quen le un conto, como un xogo máxico e divertido.

 

A cociña galega goza dunha fama moi merecida polos cociñeiros e pola materia prima a elaborar. Baseándose na nosa cociña tradicional, máis da costa que de mar adentro, a autora deste libro lémbranos o mellor xeito de cociñar os productos das nosas hortas e artesas cunha sorprendente variedade de receitas, con refraneiro, consellos de cociña, con bibliografía, cunhas explicacións dalgunha técnica innovadora, e amosa unha cociña familiar galega: a de tódolos días e a das festas.

 

Son 150 receitas deliciosas que lembran ás da casa, as de sempre, e que ben poden axudar a calquera interesado por iniciarse nesta arte. As ensaladas, os caldos e potaxes, os arroces, todas as receitas son do xeito tradicional. Dos peixes pódense destacar as receitas da lamprea e das sardiñas esparradas. As receitas das carnes semellan a carta dalgunha vella, no sentido de boa e tradiconal, casa de comidas. A lista de postres recolle a tradición e algún delicatessen (marron glacé, leite fritida), pero están todas as receitas caseiras, e ben feitas. As marmeladas, as conservas de froitas e os licores non faltan neste recetario familiar.

 

Sen dúbida é un libro que non garda ningún segredo para cociñeiros experimentados, pero aporta moitas ideas de cómo é a nosa cociña tradicional. Moi recomendable para quen queira iniciarse na cociña ben feita con pratos exquisitos e sen complicacións.

 

     

       

Caldeirada para dous (mortos)

    

GAÑADOR DO PREMIO ÁLVARO CUNQUEIRO 2004 AO MELLOR LIBRO EN GALEGO SOBRE COCIÑA

       

Miguel Vila Pernas

      

EDICIÓNS LEA. 164 páxinas. 2003.

    

 

 

CaldeiradaO polifacético Miguel Vila (cociñólogo e cociñeiro, xornalista gastronómico en prensa e radio, fillo de galegos nacido na Habana), dáse unha volta arredor da historia da cociña tradicional galega da man dos persoaxes da novela Mazurca para dos muertos, que escribíu a pluma do Nobel de Iria Flavia hai vinte anos.

 

Na súa caldeirada ó través do tempo gastronómico de Galicia, Miguel Vila cociña a nosa historia na lareira, dende hai séculos, para servirnos un documentado ensaio sobre os nosos costumes alimentarios, arranxa tópicos servidos por escritores “gastronómicos” mal informados (demostra o autor que ¡o pote galego non existe!), e de postre aporta unhas receitas tradicionais case esquecidas.

 

A súa contrastada experiencia persoal entre tixolas, o saber popular, os textos gastronómicos máis fiables (Cunqueiro, Julio Camba e outros escritores consagrados), son as fontes de onde tinxe o seu coñecemento dos xantares de Galicia e da súa historia, que podemos degustar neste libro ameno e fabuloso.

 

É un ensaio da cociña galega feito polo autor do primeiro e único Diccionario galego de Gastronomía, publicado por Edicións Lea. Tamén é un libro de receitas de cociña tradicional galega, unhas sinxelas, outras máis laboriosas, que co tempo chegará a ser un clásico de calquera biblioteca ben surtida. É unha exquisitez literaria, un peperete que todo bo chapante deberá ler.

 

Don Camilo J. Cela gustaba máis da comida no prato sen chegar a enfrascarse entre tixolas, e tiña por exquisitos os pratos máis sinxelos da nosa cociña: sardiñas asadas ou ovos fritidos con chourizo. De seguro que Cela e Cunqueiro xantarían con ledicia unha caldeirada para dous (de rape ou raia) cociñada por Miguel Vila.

   

O xantar da memoria

  

PREMIO ÁLVARO CUNQUEIRO 2004 NA MODALIDADE DE MELLOR ARTIGO PUBLICADO EN PRENSA ESCRITA.

Lois Caeiro

  

NIGRA TREA, 2002

  

O xantar da memoriaO director de El Progreso de Lugo, Luís Rodríguez, tamén coñecido como Lois Caeiro, dá conta das súas experiencias no eido gastronómico neste libro. Semella ir na procura dos sabores perdidos ó través da súa experiencia como xornalista e ávido observador da realidade.

 

Este libro puidera ser unha versión memorística e gastronómica do mito do eterno retorno ó paraíso da infancia, sempre unha reivindicación da mesa coa base da amistade e un andar polo mundo descubrindo o que hai de propio e diferente en cada restaurante, en cada lareira, en cada tixola.   

A recopilación das súas crónicas periodísticas reflíctense nesta obra gañadora do premio Álvaro Cunqueiro ó mellor traballo publicado nun xornal en galego.

El hambre en España. Una Historia de la alimentación

Miguel Ángel Almodóvar

Colección La buena memoria

OBERON (Grupo Anaya). 287 páxinas. 2003 

 

El hambre en EspañaDecía Don Claudio Sánchez Albornoz que “algún día habrá de escribirse la historia del hambre en España”. Miguel Almodóvar fai un estudio exhaustivo, moi documentado e nun estilo literario case novelesco, da historia da nosa fame dende a Prehistoria ata mediados do século pasado.

Neste libro apaixoante e de lectura moi amena descubrimos adoecidos, outra vez máis, como neste país rico en recursos foi imposible para a maioría dos seus habitantes acadar un bo nivel de vida por mor da inxustiza, da soberbia dos poderosos e a desigualdade social que padecimos durante séculos. A fame, irmá da miseria e da ignorancia, foi unha das causas das nosas calamidades ata mediados do século XX, tal e como se demostra nos contidos desta publicación.

 O autor, que á súa condición de xornalista especializado en gastronomía e alimentación engade a de licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía, titulado superior especializado do CSIC, director e presentador dos espacios televisivos Día a Día (Tele 5) e Calidad de vida (Localia), aparella guerra a guerra, século a século, miseria a miseria, as nosas penurias de lareira. Artella uha historia relatada da fame dos maestros, dos lazarillos dos esmoleiros, dos pícaros, dos soldados, dos rapaces… Unha descripción perfecta da España profunda durante séculos. 

Rafael Torres, coordinador da colección La buena memoria da editorial Oberon, resume no prólogo o cerne da temática desta obra: “Sólo por la memoria cultural y genética de las muchas hambres pasadas podrían entenderse los actuales excesos a que nos entregamos, en lo tocante a la alimentación, los españoles. Sólo un pueblo que ha pasado mucha hambre durante siglos y milenios puede desarrollar un gen, o una enzima, que permita a sus miembros trasegar las descomunales cantidades de comida que trasiegan los nuestros”. ¿Será esta unha das razóns de que as nosas festas gastronómicas medren coma fungos? 

Miguel Almodóvar non se esquece da nosa irredenta Gallaecia neste admirable traballo. O xantar fúnebre co morto de corpo presente no cadaleito, as “Notas sobre el hambre gallega” de Domingo García Sabell, as crónicas da fame e da miseria que padeceron os nosos devanceiros relatadas no “Teatro Crítico Universal” de Fr. Benito Jerónimo Feijó e outras anotacións, confirman que en Galiza tamén pasamos moita fame a pesares das riquezas naturais que posuímos, feito que deixou abraiados a tódolos viaxeiros de fóra que por aquí pasaron dende o principio dos tempos. Ao remate da lectura desta obra sabremos por qué  temos o costume de abarroutar ata a fartura aos nosos convidados. 

Atopamos nesta “enciclopedia culinaria da asimetría nutricional española”, entre a opulencia duns poucos e a escasez da maioría, que a fartura de fame que padecimos ó longo de moitos séculos reflectíuse nos textos de escritores consagrados. Miguel de Cervantes pon en boca do inmortal Don Quixote aquelo de que “la mejor salsa del mundo es el hambre, y como ésta no falta a los pobres, siempre comen con gusto”, e o seu compañeiro Sancho lémbranos que “muera Marta y muera harta”. A fame, cando se come cunha guarnición de humor (negro) sabe mellor. 

Non é un recetario: é un excelente libro (de consulta) da historia de España, pero desa parte da nosa historia que, erroneamente, considérase tabú porque explica a orixe do noso comportamento e deixa ver a nosa faciana máis vergoñenta; un pobo que esquece a súa historia está condenado a repetir os erros.

  Voltar ó Cultura gastronómica e etnografía galegas, a sección de Xavier Barreiro