Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Aunios: o trasno de pineiróns

Debuxo de Basada de O Grove

Autor do debuxo : Besada, de O Grove  por

   


Na illa de Ons, onde o coñecen por Canexol, podemos velo na mañanciña nunha rocha revirándolle a capeleira a un polbo para tirar co magorro. Aunios non é un diaño, é un enfeitizado das terras do norte das nacións celtas que por ciumes, vinganza ou envexa, un druída moi poderoso enfeitizouno en trasgo ata o momento no que topase unha Flor da Figueira como a que ten Gastenea, a deusa responsable da cociña no Olimpo. Mentres, non para de comer figos, béveras e follas de figueira roendo nas pólas ata tronzalas, tentando asimilar a esencia desta froiteira na procura dunha apócema que troque o seu estado vital.

É o único demouchiño anfibio. No mar anda na procura de robalizas, pineiras, ourizos, tranchos, tapaalís ou polbo, o que máis lle gusta agás os zonchos (castañas cocidas coa casca), e cando a seca apaña lapas, caramuxos, nécoras ou patexos. En terra caza coellos e pombas cuspíndolle boliñas de chumbo branco do que collían os romanos en Ons, proxectís que vai facendo despois de rumiar todo o día no mineral.

Ningún veciño sabe cantos séculos leva vivindo na illa. Os máis vellos din que veu cuns viquingos que pararon alí cando unha galerna, esquecéndose del pola borracheira que colleron co viño da Tinta Femia que por alí beben. Nestes anos ensinoulle a esta xente a facer un barco moi bo para navegar pola ría semellante ó que o trouxo a Ons: a dorna polbeira.

Só ten dous inimigos que non poden con el, agás quen o enfeitizou. O miñoto atácao dende as alturas porque o confunde cunha lebre por mor do tamaño e da cor do pelexo que leva enriba, entón o Canexol tira co pelexo e ponse un chaleco de pel de píntega para tirarse ó mar dende un penedo no alto da illa. Na auga nada igual que un peixe escapando dos arroaces que queren comelo, pero é máis escorregadizo que unha anguía e fuxe entre as nasas e trasmallos causando moito estrago. De cando en vez, os mariñeiros axúdano a fuxir. Como agradecemento énchelles a dorna de bo peixe e axúdaos a buscar náufragos e afogados.

Un día que andaban os mouros turcos atacando as vilas do Morrazo agocháronse en Ons na cova do Demo. Aunios escorrentounos presentándose diante deles con dúas velas acesas de sebo de balea e veleno de serpe con pabío de la de castrón roncollo. Entre a luz verde fosforescente dos cirios e unha voz ronca que non deixaba de repetir "¡Vouvos cristianizar, vouvos facer cristiáns e ides comer touciño todo o ano!", os infieis fuxiron a lume de carozo cara á Meca. Dende entón, todos os anos, cando vai saír o primeiro plenilunio de abril, no intre mesmo en que empeza o lusco, os agradecidos veciños de Ons deixan no lugar chamado Canexol mancheas de comida para Aunios. Ninguén puido falar nunca con el para saber que viandas lle gustan, pero sábese que se abarrota con ovos de gaivotas, ras, polbo con castañas, bandullo de porco recheo de figos, e leite de burra, que é como lle chaman na parroquia de Cela a un licor feito de augardente, azucre, zume de limón e outras herballas; disque esta apócema serve para facerlle fronte á Santa Compaña e a estadía.

En setembro pousa o seu corpo miúdo na proa dunha dorna polbeira que o leve ata Marín ou Bueu, e se non hai vento do oeste sopra el nas velas para chegar antes. Comeza entón a viaxe cara a terra dos soutos e castiñeiros para toparse en vésperas de Defuntos con canto diaño ou meiga quedan en Galicia. Xúntanse á carón do castiñeiro máis vello da nosa terra chamado Rusbel de Donai, que debe ser dos tempos de Noé ou de cando o Apóstolo chegou a Iria Flavia. Tópanse nun magosto onde as meigas Abundia e Verandia cociñarán para canto trasno se achegue todo aquilo que o Canexol recolleu na viaxe e foi gardando nun pelexo de coiro de becerro nacido morto. De Ons leva o mellor polbo do mundo, vieiras de Bueu, leite de burra e Tinta femia de Cela, o millo corvo para facer empanadas recólleo en Meiro.

Gastenea quedou de aparecer por alí coa Flor da Figueira cando remate de cociñar para as próceres deidades, pero son eternamente insaciables e unha comida no Olimpo esténdese unha eternidade.

O trasno de Pineiróns

O trasno de Pineiróns

Autor do debuxo: Héitor Picallo Fuentes


Voltar ó Cultura gastronómica e etnografía galegas, a sección de Xavier Barreiro