Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Oficios artesanais: a olería en buño

BUÑO é unha parroquia situada no corazón da Comarca de Bergantiños e pertence ó Concello de Malpica (provincia da Coruña). A actividade dos seus poboadores divídese principalmente en agricultura e gandería, actividade esta última da que existe documentación que a acredita dende o século XVI e pola que esta parroquia é máis coñecida. 

A CERÁMICA DE BUÑO 

CerámicaA antigüidade de Buño como pobo oleiro resulta difícil de demostrar, pero as súas orixes poden remontarse ata á Prehistoria, época á que pertencen os restos máis antigos atopados nesta comarca.

Coa romanización introdúcese o torno, o que vai supoñer un cambio moi importante na elaboración das pezas. Pero será a principios da Idade Moderna cando a actividade da olería de Buño comece a recobrar importancia; serán precisamente os oleiros desta vila bergantiñá os que, no século XVI, fagan os canos para a primeira traída de auga que se instale na cidade de A Coruña. 

Nos séculos seguintes esta actividade vai a máis e leva, ó mesmo tempo, ó crecemento do núcleo urbano. No "Catastro do Marques de la Ensenada", elaborado na mitade do século XVIII, figuraban en Buño 63 talleres, nos que traballaban un total de 77 oleiros.

Durante o século XIX os oleiros constituían o grupo social máis numeroso da parroquia de Buño. O 90% da poboación tiña unha relación directa coa olería.. No ano 1920, había nesta aldea uns 50 oleiros. 

A actividade da olería de Buño recóllese nesta canción popular:

"Os de Malpica son pescos,
os de Buño son oleiros.
Os de Carballo tratantes
e os da Brea panadeiros". 


A importancia da olería de Buño debeuse en boa parte á comercialización que os arrieiros, sobre todo, os procedentes da bisbarra de "O Xallas", os xalleiros, levaban esta cerámica pola maioría das feiras galegas. 

A partir dos anos sesenta esta actividade sofre unha profunda crise, estando a punto de desaparecer, debido á competencia na praza de productos procedentes da industria, que substituían a función das pezas artesanais. O temor de que esta crise fixese produci-la desaparición dunha actividade tan antiga e arraigada na vila motivou a creación de asociacións de oleiros que loitaron para manter viva unha tradición vinculada a tódalas familias da aldea, dándolle un novo impulso comercial a través da realización dunha mostra, que cada ano, polo mes de agosto, se fai na localidade. Esta actividade reducíase case ós homes; as mulleres axudaban ó transporte da lama dende as barreiras, a pisala con mazos de madeira e nos traballos de cocción. 

Oleiros de Buño 

A lama extraíase do lugar chamado "O Coto dos Barreiros", situado a uns dous quilómetros do núcleo de Buño, terreño de propiedade municipal, arrendado polos oleiros. 

OleríaQuitábase durante os meses de verán polos propios artesáns, que facían un pozo de forma circular,  ata atopa-la auténtica lama. 

A extracción da lama facíase entre dous homes: o mineiro, que cavaba un pozo cunha pa ou un pico, e outro por riba encargado de subi-la lama en cestos ou baldes. Extraíanse varios tipos de lamas: unha máis plástica, de lixa, e outra máis areosa ou de soltura, que se mesturaban. Logo pisábase cun pisón ata converte-la lama en fariña e despois peneirábase. Cada mañá o oleiro amasaba nunha bacía a lama necesaria para toda a xornada. Na actualidade, moitos destes traballos realízanse con medios mecánicos. 

Aínda que en Buño se continúan facendo formas tradicionais, incorporáronse moitas outras modernas. Entre as pezas de máis tradición desta cerámica destacaremos as seguintes : pucheiros, tarteiras, chocolateiras, xerras, cacheleiros, barreñóns, viradeiras, cuncas e buguinas


"Ten este Buño o feitizo dunha vangarda milenaria,
botixo que renuncia ao volume pechado
para alucar a alborada"


(Manolo Rivas).

Mónica Beatriz Suárez Groba

Bibliografía consultada: "galicia 2000: Cultura popular", Xunta de Galicia.

 

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ