Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Oficios artesanais: os oleiros

É a cerámica unha das poucas actividades artesanais da Comunidade galega da que se pode facer un seguimento histórico polo miúdo, dende o máis afastado Neolítico deica chegar, ó longo dos séculos, ós nosos días.

Olería, a profesión dos oleirosO oficio dos oleiros consiste en facer con barro, olas, xerras, cuncas, pratos, tarteiras, pucheiros... Normalmente o propio oleiro realiza todo o proceso productivo, desde a extracción da materia prima na barreira ata a comercialización nas feiras.

O oleiro conservou o seu oficio por tradición e segue producindo obxectos realizados en barro vermello, primordialmente utilitarios na súa orixe e con medios rudimentarios. As aldeas de oleiros tiveron unha grande importancia a comezos deste século. No 1930 traballaban na olería arredor de medio milleiro de persoas en Galicia, producíndose desde aquela un vertixinoso declive que foi levemente contido nos anos 70 co redescubrimento e revalorización da artesanía por unha sociedade que comezaba a ser consciente da súa importancia. 

O taller instálase nunha dependencia a carón da casa ou na mesma cociña, sempre co forno na proximidade inmediata. A preparación da vasilla faise no torno. O tipo máis frecuente é o torno alto que se impulsa co pé, aínda que tamén se utiliza o torno baixo nalgunhas zonas como Gundivós, onde o traballo adoitaba ser feito polas mulleres.

O oficio dos oleiros que agromou onde a terra daba bos barros e as súas xentes estaban máis dispostas a traballalo, sufriu vicisitudes debido á industrialización, anque sempre permaneceu latexando entre os nosos artesáns, mantendo as antigas formas, relevos e colores que se transmitían de pais a fillos coma un rito. E coma un ritual fai hoxe o artesán o seu labor movendo "a roda", aloumiñando o barro coas súas mans para lle transmiti-la súa arte, deixando con agarimo a peza enriba das táboas para despois, coa súa firma, porfillalas. 

Na actualidade seguen traballando arredor de medio cento de oleiros, distribuídos especialmente en dous grandes centros: Buño (Malpica de Bergantiños-A Coruña) e Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo-Ourense). 

En calquera destes lugares empregan barro local para producir un gran catálogo de pezas de torno, apertón ou colada para uso cotián (queimadas, xogos de café, pratos, cuncas, viradeiras, porróns, xerras, pucheiros, etc) ou decorativo (figuras, sellas, hórreos, cestos, caretas, etc.). 

Bonxe (Outeiro de Rei-Lugo), é unha aldea de oleiros a piques de desaparecer, xa que os seus artesáns están xubilados ou traballan de forma moi esporádica. A súas pezas caracterízanse por dispor dunha viva decoración en arxila branca e por modelos propios, como as caretas, porróns redondos, as cornetas ou as figuras. Algúns oleiros de Gundivós (Sober), no sur da provincia de Lugo, conservan unha cerca actividade. A súa olería é a única en Galicia que se realiza tradicionalmente nun torno manual ou torno baixo, do mesmo xeito que nalgunhas zonas da provincia de Zamora. As súas pezas con acabados negros e as veces impermeabilizadas con pez, teñen unha grande forza estética e representan o tipo de olería de feitura máis primitiva e enxebre de toda Galicia. Existen tamén oleiros en Mondoñedo (Lugo), Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño (Pontevedra), e na cidade da Coruña (nos dous últimos casos, procedentes de Buño).

A Olería e a Cerámica

Estes dous oficios , na práctica e tecnicamente, son o mesmo. A causa de que se consideren como oficios diferentes é sociolóxica. A olería é unha actividade cerámica exercida no medio rural por artesáns que reciben o seu oficio por transmisión familiar e a súa producción baséase fundamentalmente en formas e decoracións herdadas, e polo tanto, propias de cada centro oleiro.

A cocción das pezas realízase en fornos de leña (anque recentemente incorporaron fornos de gas, eléctricos ou de propano). Ó contrario que na meirande parte da xeografía española, onde a influencia árabe supuxo un gran desenvolvemento da cultura cerámica, incorporándose técnicas de esmalte e ricas decoracións (Mediterráneo, Andalucía, Castela-A Mancha, Aragón, etc.), en Galicia consérvense técnicas e decoracións moi primitivas e enxebres.

A cerámica podería considerarse como a evolución e desenvolvemento da olería en múltiples facetas. Empréganse diferentes pastas, técnicas e acabados que se axustan ós requirimentos do mercado actual. Os artesáns ceramistas adoitan ter un nivel técnico e conceptual de formación medio-alto e, a miúdo, utilizan procedementos e materiais cerámicos como medios de expresión plástica.

 

 

Mónica Beatriz Suárez Groba

Bibliografía consultada: "galicia 2000: Cultura popular", Xunta de Galicia.

 

 

VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ