Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

O CULTO ÁS ÁRBORES NA CULTURA GALEGA


Como lembranza do pasado, na nosa cultura cristiá occidental, perviven elementos míticos, a pesar da posición da igrexa católica, que intentou desprestixiar concilio tras concilio, diversos cultos procedentes de vellas relixións, entre os que atopamos o culto ás árbores. Castiñeiro en Galicia

A cultura tradicional galega é de corte marcadamente campesiña, onde á árbore se lle adxudica o papel de símbolo da resurrección da vexetación, tal e como acontece na celebración dos maios, asociándose con festas de primavera-verán. 

Vicente Risco levou a cabo un estudio sobre os distintos tipos de cultos con vixencia en Galicia e distingue ó respecto: 

1)Cultos pagáns 
2)Seres da nosa pequena mitoloxía 

Entre os cultos pagáns atopamos: 

- O culto ós montes e ás pedras 
- O culto á auga 
- Fitolatría 

A árbore, nas terras ricas en bosques, desempeña un papel importante, tanto nas primitivas relixións como nas prácticas populares actuais. Algúns falan da existencia nos bosques de demos que foron expulsados do ceo; e algunhas palabras, como "nemetóbriga, nemetatos ou lucus" ben poderían derivar de "bosque sagrado", ou incluso, esta última pode provir dunha raíz prerromana en relación coas divindades da luz. 

As árbores e plantas, en xeral, presentan diversas propiedades; así temos o carácter prexudicial da sombra da nogueira, tanto para as persoas como para as sementes. Hainos que producen un efecto purificador, como os allos, cos que poder refrega-los animais caseiros o día da noiteboa; tamén os carballos presentan esta virtude, ademais de posuír a condición de seren sagrados, de sombra proveitosa, manifestan a capacidade de sandar os doentes ós que se lles fai pasar a través dunha fenda que teñen no tronco, xa que no seu interior agochan as "pedras do raio". Tamén hai outras especies ás que se lles outorga un carácter preservativo tal e como poden ser: o loureiro, a oliveira, o teixo, o belitroques, o sabugueiro, a cerdeira, o cinamomo ou árbore de Santo Eutelo, o carballo virgondoiro, o cerquiño, o acivro, o carballo negro, o salgueiro chorón, as castañas de indias, as cebolas, mentres que a nogueira ofrece un efecto curativo en relación ós furunchos e cortaduras.

O carballo é a árbore sagrada por antonomasia para os galegos. Agochan o raio no seu seo, sandan os doentes que pasan polas súas fendas, libran de doenzas contaxiosas a quen as padece e posúen numerosas propiedades salutíferas.

O acibiño (segundo cren algunhas das nosas xentes supersticiosas e segundo di o nomeado libro Ciprianillo) posúe facultades prodixiosas para namorar. Cando un mozo desexaba ser amado por unha rapaza abondaba con que a noite de San Xoán (24 de xuño) fora cortar ás doce en punto un acibiño, que o levase ó mar e o pasase por debaixo de trece ondas, rezando cada vez un credo. A póla tornaríase máxica e a moza á que se lle tocase con ela ficaría tolamente namorada do galán.

A aciñeira é unha árbore de feitura e tamaño moi variables, o seu froito , a landra, utilizábase para alimento do gando porcino. Dicíase que as aciñeiras bretonas tiñan a propiedade de sanda-las persoas faltas de saúde que deixaban as roupas penduradas das pólas.

A nogueira é unha árbore rica en substancias amargas e tanino. Follas e cortiza empregábanse na
medicina popular, no interior como purgante e no exterior contra das doenzas do cute. A cortiza tingue dun amarelo pardo e a madeira é moi estimada en ebanistería pola súa febra fina, pola dureza e polo fermoso veado. Os paisanos gárdanse instintivamente da sombra da nogueira por crela nociva.

AS ÁRBORES EN GALICIA

Na antigüidade debeu estar moi estendido o culto ás árbores. A isto lévannos os termos "Nemetóbriga", "Nemetatos", "Lucus" (Nemeth, voz celta que significa bosque sagrado, e lucus, vocábulo latino de similar significación ) que nos fan pensar en bosques sagrados na Galicia. 

A Igrexa Católica encirrouse en desprestixiar, concilio tras concilio, o culto as árbores que, procedente das vellas relixións, non desapareceu de todo e chega ata os nosos días de diferentes xeitos. Na comarca duminiense falábase da existencia nos montes de "moitos demos dos que foron botados do ceo". 

Hai árbores consagradas a santos, como o carballo de Santa Mariña das Augas Santas, do que se dicía que sangraba cando o ferían. Hainos nos campos de feira ou da festa dalgunhas aldeas,que serven para xuntar a xente. 

A cultura tradicional galega, de corte maiormente campesiño, ten na árbore un símbolo de resurrección. A árbore participa da rexeneración primaveral cíclica dos maios en toda Galicia, pero especialmente na do 3 de maio de Laza, onde os mozos rouban unha árbore e lévana ata a praza principal da vila para presidir a festa. Os maios son en si mesmos unha festa de exaltación da fertilidade vexetal celebrada con cantares e con roupas vexetais que visten os mozos. 

É crenza común que as árbores teñen boa ou mala sombra. Son de mala sombra o castiñeiro, a nogueira, a figueira e o ciprés dos cemiterios; durmir ó seu carón senta mal e ata se pode enfermar. Pero xeralmente as árbores considéranse beneficiosas. Son as máis salientables o loureiro, a oliveira, o carballo e todas as árbores froiteiras. Este sentir popular recóllese no refrán: "Quen a boa árbore se achega, ben acobexa". 

Na cultura popular cada árbore ten a súa función. Para preservar ou protexer son os loureiros e as oliveiras que protexen contra as tormentas, os malos espíritos, as bruxas e evitan que a envexa prexudique os meniños ou os animais da casa. Ponse unha póla enriba entrada, tanto da casa como da corte. 

Antes poñíase na entrada das pousadas e tabernas unha póla de loureiro para indicarlle á xente que eran bos lugares de descanso. Cumpría así o ramo dúas funcións: protexía o viaxeiro e dáballe sorte ó negocio. No caso da oliveira, nove follas purifican e levábanas as mulleres que ían tomar as ondas. Tamén se usa para protexer e conxurar nos nenos o mal da envexa, lévase o neno á oliveira e alí, espido, toca a árbore dicindo: " oliveira bendita quita do neno a fada da envexa". 

Soto

O carballo cura a sarna, rañando o corpo contra del; a árbore de Santo Outel (cinamomo) cura a rabia, o acivro os cólicos, a nogueira os furúnculos e cortaduras; os carballos, en xeral, curan as esbrilladuras, o arangaño e outras doenzas dos nenos, pasando o doente por entre dúas gallas que fagan forquita ou por dúas partes dunha póla que se fende adrede e se ata despois para ver se liga ou non, que será sinal de que cure ou non cure. 

Como nos dixo Castelao: "A árbore é o símbolo do señorío espiritual de Galicia. A árbore é un engado dos ollos, pola súa fermosura; é unha delicia dos oídos, porque nela cantan os paxaros; é un arrolado do espírito porque nas súas pólas conta contos o vento. A árbore pídelle auga ó ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura". 

Cando Castelao escribía estas palabras das árbores saían mobles, ferramentas, trabes.... Tódolos utensilios, que rodeaban a vida dunha persoa dende o seu nacemento ata o seu enterro (nunha caixa de madeira ), proviñan das árbores, non é de estrañar que tamén dende a noite dos tempos forme parte dos nosos deuses, deses ós que nos diriximos, (maiormente sen decatarnos ) cando levamos para a casa unha póla de oliveira ou de loureiro bendicido o día de ramos. Inda hoxe está moi estendido o costume de plantar un limoeiro e un loureiro na horta, ben preto da casa, porque dá "boa sorte", ademais de ter á man un limón e unha poliña de loureiro, " para o que sexa mester".




Mónica Beatriz Suárez Groba

FONTES CONSULTADAS: "BREVIARIO ENCICLOPÉDICO". ELADIO RODRÍGUEZ GÓNZALEZ, "SEMPRE EN GALIZA", ALFONSO D. CASTELAO

 

LER MÁIS: ARQUIVOS DA NOSA CULTURA