Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

APUNTES PARA O ARQUIVO DA MEMORIA ESCOLAR

Aos mestres meus da infancia


Anxo Serafín Porto Ucha
Mestre
Profesor Titular de Didáctica e Organización Escolar
Universidade de Santiago de Compostela



Os testemuños orais e escritos dos que viviron unha determinada época constitúen un valioso instrumento para a investigación. A través das súas narracións, podemos facer a reconstrución histórica da escola. Apórtannos datos sobre as prácticas escolares desenvolvidas, das estratexias metodolóxicas seguidas, da distribución dos tempos e dos espazos, das materias cursadas; en síntese, da importancia do currículo. Teñen valor para o presente e mesmo para o futuro. A salvagarda destas iniciativas pode materializarse na creación dun Arquivo da Memoria Escolar. Nese sentido, cando recibín a chamada de Rodrigo Díaz Cuerpo, director do Colexio “Feliciano Barrera” de Guláns (Ponteareas, Pontevedra), para invitarme a participar na iniciativa arredor da conmemoración do 50 aniversario de creación dos nosos Grupos Escolares, sentinme ledo e disposto a colaborar. Este tipo de traballos, nos que ando mergullado dende hai máis dunha década, repercuten grandemente na recuperación da historia da escola, na interpretación dos valores do ensino e da propia cultura que xeneran os centros escolares. É verdade tamén que “recordar doe”. Con ese título temos na rúa un femoso traballo de Herminio Barreiro, compañeiro da Facultade de Ciencias da Educación.

Guláns creu sempre no valor do ensino e profesou de continuo un exemplar respecto aos seus mestres e mestras. Quizabes esteamos a falar dun dos elementos definidores da súa singularidade, xunto coa máis pura afección musical. Vaia, pois, de entrada, a miña noraboa aos promotores deste proxecto.

Os meus primeiros anos na escola

 

Suxíreseme que relembre nunhas páxinas a memoria da escola. Tiven na miña formación dous mestres senlleiros: D. Manuel Pérez Rey e D. Manuel Tombo Paz. Xunto a eles, as oportunas clases particulares nos períodos estivais, de Fernando Soto Groba, dalgún xeito, en réxime de coeducación. Porque, pola secular diferenciación da educación dos nenos e das nenas, e dos seus respectivos mestres e mestras, as escolas estaban separadas. Todo estaba separado. Hai algún caso distinto, como leva posto de manifesto Narciso de Gabriel, en Elisa e Marcela. Alén dos homes. Centrareime na escola que eu vivín, a dos rapaces do local escolar no edificio propiedade de Constante Porto (de Benita).


  Comecei á escola en xaneiro de 1950. Inda non cumprira os cinco anos. A escolarización temperá é importante, anque Rousseau seica non estaba moito de acordo. Andei da man do meu amigo da infancia Cándido M. Prego Rajo. Eramos e, dalgún xeito, seguimos a ser, “Candidiño do Raxo” e “Lito da Cerdeira”. Logo irían incorporándose os nosos respectivos irmáns, Antonio e Pepe. Dende a Cima baixaban tamén, polos camiños enlamados, os de Senén (ou de Virxinia), primeiro Xosé e Cándido, logo, o resto dos irmáns, Uxío, Manolo e Florencio. Xosé e Cándido tiñan un codiciábel balón ou pelota grande de fútbol, talvez obsequio dos tíos en América. Viña tamén Enrique de Moreira, que pasou un tempo na casa da súa avoa, a señora Xesusa de Fernández. Do Outeiro do Foxo, Pepe de Florinda, Pepe de Benigno e os seus curmáns, Manolo e Antonio de Emérita. De Ceramín, os irmáns Benigno e Alfredo; Cándido incorporaríase máis tarde. Ás veces uníase tamén Antonio, de Pura Varela, principalmente á volta. Todos, entrañábeis na amizade e nos xogos infantís.


  Íase a pé á escola, cunha bulsa ás costas, que facían garimosamente as costureiras, como señora Saladina no meu caso. Un codelo de pan de millo, o libro de “Rayas” ou silabario, unha pizarra e o pizarrillo constituían toda a valixa escolar infantil. Para os iniciados, a pluma, a libreta e a enciclopedia (de Dalmau Carles, primeiro, logo as de Álvarez). Se chovía, un saco pola cabeza era suficiente, saco utilizado con frecuencia nas liortas infantís. Pero aquilo tiña pouco que ver co actual “bullying” ou acoso. Non había transporte escolar. Pero o maxín e a fantasía substituían esa eiva: vistosos carros de rolos (con freo incluído) ou aros con varilla de aramio facían as veces de transporte; amosábanse como poderosos medios de estímulo creativo, anunciando o traxecto en común. Dicía miña avoa Consuela: “correde, que xa pitan os de Campos”. En Eiró, esperaba Agapito, que pouco despois tomaría o camiño do Seminario; un anos antes, facíao Cándido Prego. En Cabanas, ao lado do cruceiro, había que tomar o camiño máis curto. A puntualidade escolar era unha cousa moi seria; tropezaba a miúdo cos ritmos máis lentos dos tempos campesiños, sempre cíclicos, cos que os mestres e mestras tiñan a miúdo verdadeiros problemas.


  Daquela, Xaime e Constante aínda residían no Acibiñeiro. Pero estaba Maximino de Cabanas, sempre animoso, co seu contaxioso inxenio. Subiamos polo lado do Cabreiro, onde, no lugar xa deshabitado, Pepe de Prego (“Preguiño”) e Pepe da Caseira, entre outros maiores ca nós, eran consumados expertos en improvisar verdadeiras festas, con procesión, foguetes, rifa, “papelillo”, bandeiras, venda de produtos e palco incluídos. Máis abaixo, os lugares de señora Peregrina da Cortadora, temíbel, Pepe de Xoaquín, Sara de Xoanito e tío Manolo, que, pouco despois, cos meus curmáns, se trasladarían á antiga casa do Crego Gregoria, na Costa de Sequeiros. Segundo o imperativo do reloxio había que decidir: ou tomar pola dereita o carreiro do atallo, atravesando “in franganti” os eidos de Secundina da Enxeñeira, en que se incorporaban os de Saturnino, e de señora Balbina de Soto (co martillar constante do Ferreiro no oficio), ou seguir recto, pola de Amadora e Carme do Civil, sempre coas tentadoras laranxas no seu tempo, e os castiñeiros de señor Rosendo. Desembocabamos no camiño principal do Casal pola canella de meu tío Domingos. O volver era xa outra cousa, máis de demorar, pola tenda do Casal, con señor Agapito, a subida pola de señora Albina Carracedo, señora Rosa da Visoura, señor Senén, señor Salvador, señora Sinforosa (inda vivía a tía, onde liamos “Villa Rajo Antonio”) até os eidos de señor Manolo do Prego, señor Castor e señora Ramona de Soto. Era o camiño seguido nos enterros, cos seus silenciosos cruceiros como testigos, aos que teño pensado dedicarlle un futuro traballo.


  D. Manuel era un mestre moi esixente, cunha caligrafía impecábel que todos desexabamos imitar. Felizmente, conservo as libretas corrixidas, con estilográfica e tinta de cor verde, negra, azul ou bermella, onde se pontificaban as cualificacións: “moi mal” (M.M), “mal” (M), “case mal” (C.M.), “case regular” (C.R), “regular” (R), “case ben” (C.B), “ben” (B). Acadar un “moi ben” (M.B) era todo un trunfo, a maior ilusión, que compartiamos cos compañeiros próximos e cos nosos pais ou avós e avoas ao chegar á casa. O difícil era escribir con pluma, coa tinta que facía o propio mestre nunha botella, e que depositaba nos tinteiros dos correspondentes pupitres. Facíanse borróns. Entón aparecía na libreta a sentenza do mestre: “Muy poca limpieza”. Todos aspirabamos tamén á proximidade do seu fillo, Xosé Manuel Pérez García (“Pepiño do Maestro”), hoxe catedrático de Historia Moderna. Habíaos máis afortunados, coma os de Sequeiros, xa que o mestre vivía alí, nunha casa propiedade de Eusebio Boente, onde tiña carpintaría o que tamén tivo orquestra, Xosé López (Pepe de Borralla), no actual lugar de Pablo Prego, na Devesa. Desta circunstancia recordábame Pucho (o meu benquerido mestre carpinteiro anos despois), que tiña na súa tía Felisa de Enrique a súa valedora.


  A matrícula era duns 80 alumnos. Nunha clase tan numerosa, para manter a orde era imprescindíbel a máis rigurosa disciplina. Os maiores ocupaban os pupitres de plano inclinado, no deseño do Museo Pedagóxico Nacional, por fortuna recuperados hoxe para o Museo Pedagóxico de Galicia (o MUPEGA). Máis tarde, chegarían as mesas de plano horizontal, primorosamente vernizadas, coas súas respectivas cadeiras. Pero os máis pequenos tiñamos que conformarnos cuns simples bancos. Alí, apretados, a convivencia e a comodidade eran difíciles, mesmo para escribir nas pizarras.

 




 

Foto nº 1: Nenos das escolas de D. Manuel e Dna. Pilar en 1954

 

Pero o aproveitamento viña nas clases da sesión da tarde, ás que acudían menos alumnos e ás que nunca deixei de asistir. Entre as actividades desta sesión figuraba a lectura, formando de pé, nunha especie de semicírculo, no que o mestre ocupaba o centro, con lecturas a partir dunha pequena, pero selecta biblioteca escolar que, creo, perduraba dos tempos do mestre republicano D. Gabino Fernández Filgueira, recordado e respectado, case con veneración, polos veciños de Guláns, especialmente polos máis vellos. Afortunadamente, os acontecementos, recreados por Manolo Rivas na novela Os libros arden mal, tiveron aquí menos repercusións naqueles anos do franquismo represor. Non sei se o labor de contención contra a inquina falanxista, levada a cabo polo lembrado e querido párroco D. Xosé Trigo Martínez (o “abade vello”) que non tolerou aquí males maiores, tivo algo que ver. Conservábase tamén unha máquina de escribir, o mapa-mundi, barómetros, termómetros, figuras xeométricas, etc., doados pola Sociedade de Emigrantes en Bos Aires “Brisas del Plata” (“Sociedad Hijos de Gulanes en el Plata. Pro-Instrucción, Fomento y Protección”), en 1929, sociedade na que colaboraban tanto os homes coma as mulleres emigrantes (Carme de Bernaldo, unha tía de Alfredo do Roque, etc.) A partir dos primeiros traballos de Antón Costa, o estudo destas Sociedades de Instrucción en América vén sendo obxecto de atención de Vicente Peña, Carme Pereira e X. M. Malheiro. Un dos libros de lectura obrigada era Corazón, do italiano Edmundo de Amicis, coas páxinas que máis nos impactaban, baixo a atenta mirada e control do mestre: “El muchacho calabrés”, “Mi amigo Garrón”, ”El pequeño vigía lombardo”, “El tamborcillo sardo”, “De los Apeninos a los Andes”...


  D. Manuel Pérez Rey permaneceu en Guláns entre 1945 e 1955. Fora o número 1 da súa promoción. Pertencía á quinta promoción mixta de lembrado Plano Profesional da Segunda República, dos que remataron a carreira no curso 1939-40, por motivo da infeliz contenda de 1936. Con D. Manuel Pérez aprendín a amar a Historia. Do seu paso pola escola, conserva miña nai nun lugar preferente a tan coñecida foto escolar, na que estamos meu irmán e mais eu, feita no Casal, na escola de dona Pilar González, no antigo lugar de Manuel Carracedo e Amelia Ucha, durante o curso 1954-55. Por concurso de traslados, D. Manuel foi para Lantaño, no concello de Portas.


  Guláns e Lantaño, senlleiras, polas respectivas Bandas de Música. D. Manuel nacera en Cambados o 1 de febreiro de 1912. Casou con dona Xenerosa García, de Lérez, da que gardamos en Guláns un garimoso recordo. Viúvo, contraeu segundas nupcias en Pontevedra. O seu sogro rexentaba a “Sombrerería Álvarez”. Non sei se foi alí ou na rúa do Vilar, en Santiago de Compostela, onde merquei a gorra de músico en 1961, de azul marino, con funda branca e lira dourada. A este respecto, cabe recordar as promocións de alumnos de D. Manuel, que integrarían as agrupacións na parroquia, gaiteiros, ranchos de reis, a curta experiencia do coro, con D. Francisco Rodríguez, e bandas como “A Unión” cos Groba e directores posteriores, e a recuperación na “Reconquista” e despois na Banda d’O Porriño, de Xosé Carracedo, ou na de Ponteareas, na Orquestra Porto o, incluso, na Galiza da emigración, tanto na interior (Banda de Castrelos, agrupacións en Madrid, bandas militares, entre outras) coma na exterior a Bos Aires, Venezuela, ou máis tarde a Europa. Segundo me manifestaba seu fillo, D. Manuel gardaba con cariño os recordos desa época. Soamente a título de exemplo, co perigo dalgún erro, e sen pretender a exhaustividade, podiamos citar os seguintes músicos: Florencio Pérez, César Ledo e Roxelio Presa (frautas), Francisco González e Pepe de Anselmo (oboes); Indalecio Fernández (logo director) e Florencio Domínguez (requintos); Serafín Soto, Xosé Prego, Hipólito Prego, Roxelio de Xeneroso, Manolo de señor Xosé do Lucero, meu irmán e mais eu (clarinetes); Gonzalo Groba, Manuel Carrera, Álvaro Prego, Fernando González (saxos altos); Xosé Porto (Pepe de Anxelita) e eu mesmo na primeira época (saxos tenores); Valentín Souto e Cándido de Matilda máis tarde (trombóns); Tucho Boente (fliscorno); Miguel Groba (despois, director), Manuel Porto (Manolo do Outeiro), Cándido Porto (de Matilda) e Pepe de Xeneroso, trompetas; Gabino González (da Santabaia), barítono; José Pousada (Chiño da Abelleira) e Antonio de Emérita (este, pouco tempo), bombardinos; Manuel Amil (baixo ou tuba). Outros, coma José Otero (do Brasileiro, fliscorno), Américo de Prudencio (tamén batería na Orquestra Porto), Barrera (trompa), Casiano (bombardino), Manolo de Preciosa (clarinete) e seu irmán Pepe, Xosé Prego e Delio González (tenores), Rufino Boullosa (clarinete), C. Dionisio Soto (saxo alto), Licinio Groba (trombón), Xosé Porto (de Marina, bombardino, logo tuba), se cadra foran algo anteriores, algúns xa cos mestres dos primeiros anos cuarenta. Outros quizais inmediatamente posteriores a D. Manuel, coma Xosé Carracedo Pousada (frauta, logo director), meu curmán Roxelio e Cándido de Ceramín (trompetas), Nucho, hoxe destacado en Madrid (fliscorno), Brais fillo (caixa) ...


  Durante o curso 1955-56, a escola estivo rexentada, provisionalmente, por un mestre de Ponteareas, do que a penas me lembro. Viña a cabalo. Solo sei que traballei en lectura e escritura co libro Mi primer manuscrito. Menos mal que alí estaba Fernando Soto Groba, coas periódicas clases particulares dos veráns, moitas delas no antigo salón de baile, propiedade de Manuel Porto Lorenzo, no actual recinto cultural, na Abesoureira. Con el afiancei a Ortografía e a Aritmética.


Foto nº 2: Clases particulares con Fernando Soto en 1953

 

A chegada de D. Manuel Tombo Paz


  O benquerido e recordado mestre D. Manuel Tombo Paz naceu en Vilarchán, no lugar de Cuntixe, na parroquia de Tourón (Ponte Caldelas), o 21 de febreiro de 1909. Foran tres irmáns: Manuel, Maruxa e Luz Divina. Da súa traxectoria, fixen unha semblanza no anterior traballo Historias de vida (2003). Hoxe, grazas á súa filla Eulalia, que, xunto co seu marido Pepe, me acolleron con moito cariño no fogar do Milladoiro, preto de Santiago, podemos ofrecer novos datos inéditos.


  D. Manuel era fillo de Modesto e Perfecta. Seu pai tiña unha irmá, Arxentina, casada con D. Xosé Martínez Franco, que foi, primeiro, mestre na escola “La Antorcha” de Cristiñade, fundada pola Sociedade ”Pro-Escuelas Hispano-Americanas y Mutualidad Residentes de Cristiñade y Limítrofes en Buenos Aires”, segundo me recordou no seu día Cándido Porto González (Cándido “de Paulina”). D. Xosé foi posteriormente, médico en Guláns. Tivo aquí consulta na “Viñaillán” (como di nalgún documento antigo), a partir de 1924, despois de falecer de accidente tío Domingos Porto Estévez, mentres levantaba a casa. Durante a Segunda República achámolo xa de médico forense en Ponteareas, logo vinculado a Xinzo, no segundo casamento. Un dos seus fillos foi taxista, Xosé Martínez Tombo (“Pepiño do Médico”); outra filla, Celia, propietaria do Comercio Calzados “La Guía”, en Porriño, ao lado do Concello.


  D. Manuel fora moi bo estudante. Seu pai emigrara ao Brasil e faleceu cando aquel tiña 18 anos, en 1927. Do pouco que tiñan, D. Manuel renunciou a favor das súas irmás. Por entón, o noso protagonista cursaba estudos na Normal de Pontevedra. Segundo teño recollido en A Escola Normal de Pontevedra, rematou a carreira no curso 1926-27. Súa filla maniféstame que tivo escola, quizais primeiro en Forcarei, e logo en Torroso (Mos). Aquí casou con Concepción Romero Sestelo, filla de Xosé Romero (morreu no ano 1918, na epidemia de gripe) e de Esperanza Sestelo Sío. Concepción tivo catro irmáns: Marcelino, Crisanto (soldado do Rexemento de Infantería “Aragón”, nº 17, faleceu no Frente, en 1937), Atilano e Lourdes. D. Manuel e máis a súa dona, Concepción, tiveron catro fillos: Rodelgo (1933), Eulalia (1935), Lucita (1937) e Manuel Albino (1938). Este último, Lito, para nós os alumnos e alumnas de D. Manuel, tiña 8 días cando faleceu súa nai. A morte tivo moito que ver coa represión daqueles tempos. Parece ser que a atención médica non foi suficiente.


  Namentres, D. Manuel Tombo continuou como mestre, na Graña (1934-36) e Freaza (1936-37). Aquí comezou a traxedia, xa que, tal como recollemos en Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo, co estourido da guerra, foi separado do servizo por orde do Gobernador Civil de Pontevedra en setembro de 1936, nun conxunto de 438 recordados mestres e mestras de toda a provincia.


  Cando comezou a guerra, D. Manuel estaba en Freaza. Apareceu unha pintada, na que se lía que ensinaba mal aos nenos. O calificativo de “rojo” foi moi común para os mestres comprometidos coa educación republicana. Estivo dúas veces preso no Lazareto de San Simón. Na segunda, porque o culpaban dun incendio. Todo, lonxe da realidade. Así eran as cousas. Nas miñas esculcas documentais sobre a depuración, figura no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, do 4 de decembro de 1937, coa sanción de traslado dentro da provincia e inhabilitación para cargos directivos e de confianza. Lembremos que estaba sen escola dende setembro do ano anterior.

  Incorporado de novo á docencia, tivo que marchar para Folgoso. Alí permaneceu até 1941. Á morte da súa dona, Rodelgo, o fillo maior, foi con el; Eulalia e a súa irmá quedaron coa avoa materna; Manuel, o máis cativo, foi criado coa avoa paterna e as tías en Vilarchán. Foron anos difíciles. Pero aínda quedaban máis penurias por vir. O réxime foi sistemático na persecución “dos portadores da luz nas tebras da ignorancia”, como sinala Xosé Manuel Beiras nun xeneroso e moi didáctico Limiar co que me honra na última publicación miña.





Foto nº 3: D. Manuel Tombo Paz e a profesora Filo Rey cos seus alumnos do Colexio da Florida

 

Viúvo, en Folgoso D. Manuel Tombo coñeceu a Mª Dores Domínguez Prieto, coa que casou ao ano e medio. No curso 1942-43 tivo traslado a San Andrés de Comesaña. A pesar de non ter fillos con ela, Lola sería sempre fundamental na educación dos fillos de D. Manuel, que se foron reunindo en Vigo. Eulalia non o faría até os 15 anos. Rodelgo marcharía para o Brasil en 1953. A partir de 1943, D. Manuel estivo de novo sen escola até 1952, en que lle deron o indulto. Coma moitos outros mestres sancionados polo franquismo, puxo en marcha un colexio particular na Florida. Nunha fotografía que me facilitou Eulalia, podemos ler: Colegio La Florida. Director: Don Manuel Tombo. Profesoras: Srta. Filo Paz e Srta. Eulalia Tombo. Así, pois, Eulalia traballou tamén no colexio. Ela non aparece na foto, porque, segundo me aclarou na entrevista, aquel día estaba substituíndo ao seu pai na escola de Loureza, no concello de Oia. Entre os alumnos figura o recoñecido profesor Carlos Barros, que vivía Coia.

  En Torroso o campo non daba. Eulalia, con dez anos, acompañaba á súa tía cun farol a Peinador para vender o leite. Coma súa tía, foi modista. Seus curmáns foron sempre como irmáns para ela. Lembrábame Eulalia como súa avoa materna tivo que vender a vaca para seu pai poder ir a Madrid, para intentar solucionar o problema. Daquela estaba na capital o bispo Eijo Garay, cun cargo importante no Consejo Nacional de Educación. E aínda había tamén López Ortiz. Algo debeu suceder, porque pouco despois, en 1952, reingresaba no maxisterio, sendo destinado a Loureza (Oia) e despois a Pontevedra. En setembro de 1956 chegaba a Guláns.




Foto nº 4: D. Manuel Tombo Paz cos nenos da Escola de Guláns no curso 1956-57. Diante, á esquerda, o Inspector Ramiro Sabell Mosquera


Así, pois, D. Manuel Tombo chegou a Guláns no comezo do curso 1956-57. Ademais do intenso traballo á fronte da escola primaria, que se mantiña cunha matrícula arredor dos 80 alumnos, comezou axiña coas clases particulares, nas que aportaba a súa experiencia no referido colexio da Florida, nuns casos para cultura xeral, e noutros, especialmente, para preparar por libre no Bacharelato, que atesouro nas lembranzas daqueles anos: Manolo de Gundeiro, Cándido da Barroca, Antonio de Xosé de Primitiva, Alsira de Xan Domínguez, Olguita de Soto, Carmiña de Barrera e eu mesmo, de Guláns; Tito (xa falecido, fillo de Leándrez, durante moito tempo percusionista na Banda de Carracedo) de Ganade; Manolo e Pancho, de Areas; o fillo de Antonio de Alonso, de Cristiñade...non sei se tamén Rosita da Bizcaíña, Pepe de Saladina, un sobriño de Leopoldo que estaba coa avoa Cándida da Suaviña, e Manolo de Inocencia, entre outros.


  Tiñamos unha idade arredor dos 10-12 anos. Coa nostalxia do paso do tempo, evoco os xogos escolares, entre eles o fútbol máis abaixo do torreiro, no adro ao lado da Igrexa, xunto a unhas árbores. Había, e segue felizmente habendo, anque hai que ter coidado que non se perdan, xogos periódicos que viñan coas estacións: a bóla, o trompo, o pateiro, a miúdo diante da tenda de señor Jaime e señora María. Logo chegarían xogos novos, como “Tres marinos a la mar”, ao que lle poñían moita énfase e paixón alumnos como Pepe de Jaime, Alfonso de Pousada ou Pepe de Saladina. As raparigas xogaban máis á roda, a “chinca” ou ás “esconditas”. Xa, máis ben os domingos, participabamos en común nalgún xogo de baile (con Carmiña de Cabanas, Vitoria da Rula, Olguita, ...). Estabamos a descubrir a nosa adolescencia.


  A saída ao recreo era coma un acto liberador, unha explosión de xúbilo. A sede saciábase maiormente no pozo de sacar auga, co tubo de sifón, na de señor Xaime. Había tamén a fonte, na de Xoaquín e Constante de Benita, pero estaba un pouco lonxe, alá arriba, no lugar. Máis lonxe, aínda, a do Casal. O tremendo eran os ditados. E nas clases particulares das últimas horas do serán, os exercicios de matemáticas, as ciencias naturais, a xeografía, nun feixe de libros... todo aquilo era demasiado para nós, acostumados unicamente ás enciclopedias. A min o que me gustaba era a Historia. Lémbrome que un día apareceu Francisco González Groba, daquela estudante, para explicarnos, creo, as “Guerras Médicas”. Escoitabamos sobrecollidos. Nese sentido, debemos recoñecer grandemente o labor posterior de Francisco, na formación de moitas xeracións.


  Utilizando o turismo do seu curmán “Pepiño do Médico”, D. Manuel levábanos a Vigo, para familiarizármonos co imponente Instituto “Santa Irene”, nas Travesas, onde tiñamos que examinarnos. Antes, era obrigada a visita á capela do Hospital Municipal, na que entonabamos a “Salve Madre”, coa ledicia dalgunha monxiña ¡Había que ir atando cabos! Don Manuel sempre foi un excelente relacións públicas, mesmo na súa participación na organización das Festas de Santo Antón da Florida. No Hospital Municipal estaba de porteiro o seu cuñado Elías (casado cunha irmá súa de Vilarchán) , para facilitarnos as cousas.


  A meirande parte paraba na súa casa; outros, como Antonio de Primitiva, co seu pai, Xosé Pérez, que xa daquela se trasladara a Vigo. Eu, en Castrelos... Souben por primeira vez dos bocadillos de salchichón e das praias de Alcabre. Pero o noso temor eran aqueles exames orais de Ingreso no Instituto.


  Por distintas circunstancias, eu deixei a escola en setembro de 1958. Rematara, por libre e moi satisfactoriamente, o segundo curso de Bacharelato Elemental, polo plano de estudos de 1953. Por aquel entón, xa estaba en marcha a construción dos novos edificios escolares. Mesmo se fixo algún partido de fútbol entre casados e solteiros na explanada do solar. Despois viría a inauguración, novas escolas, novos mestres, como D. Víctor e D. Domingos de Cristiñade. Con Feliciano Barrera, que fixo a doazón, Guláns entraba decididamente nunha nova etapa da súa historia escolar. Pero esa é xa outra historia.


  De Guláns, D. Manuel Tombo marcharía para Santo Estevo de Negros (1959-1966). Coincidiu con Manolo Argibay, cando este era mestre de Cabeiro. Despois pediu traslado ao Carballal (Vigo). Xa non exerceu, por proximidade da xubilación e polo problema de nacemento que tiña no labio. D. Manuel Tombo Paz, un dos mellores mestres meus de sempre, finou o 5 de xullo de 1976. Estiven con el, por última vez, nas Festas de San Xulián daquel ano. Continuaba coa mesma clarividencia de ideas de sempre, co seu maxisterio que eu intento seguir. Xunto coa súa segunda dona (falecida en 1987), descansa no cemiterio do seu Tourón natal.
 



Fontes bibliográficas consultadas


AMICIS, E. (de): Corazón. Diario de un niño. Madrid, Hernando, s.d.
BARREIRO, H. (2008): Recordar doe. Lembranzas escolares e universitarias (1940-1965). Vigo, Xerais.
Colexio Público Feliciano Barrera (1959-2009). CEIP Feliciano Barrera de Guláns, xuño de 2009.
COSTA RICO. A. (2004): Historia da educación e da cultura en Galicia (séculos IV-XX). Permanencia e cambios no contexto cultural europeo. Vigo, Xerais.
GABRIEL, N. (de) (2008): Elisa e Marcela. Alén dos homes. Vigo, Nigratrea.
MALHEIRO, X. M. (2006): As escolas de emigrantes e o pensamento pedagógico. Ignacio Ares de Parga e Antón Alonso Ríos. Sada – A Coruña, Ediciós do Castro.
PEÑA, V. (1991): Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar. La impronta educativa de la emigración transoceánica en Galicia. Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas, Xunta de Galicia, 2 vols.
PORTO UCHA, A. S. (1994): A Escola Normal de Pontevedra (1845-1940). Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela.
PORTO UCHA, A. S. (2003): Historias de vida. Ponteareas, Alén Miño.
PORTO UCHA, A. S. (2006): “As fontes orais e os fondos privados para o estudo histórico dos materiais escolares. Análise teórica e traballos de campo sobre a depuración do maxisterio”, en SUÁREZ PAZOS, M., CID FERNÁNDEZ, X. M. e BENSO CALVO, M. (Coord): Memoria da escola. Cultura material e testemuños da nosa historia educativa contemporánea. Vigo, Xerais, pp. 217-261.
PORTO UCHA, A S. e IGLESIAS SALVADO, J. L. (2006): “Dous modelos educativos, dúas escolas enfrontadas: a escola republicana e a escola nacional-católica”, Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, 10, pp. 113-146.
PORTO UCHA, A. S. (2008): Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo. Primeiras accións represivas e estudo por concellos no sur da provincia. Ponteareas, Alén Miño.
RIVAS, M. (2006): Os libros arden mal. Vigo, Xerais.