Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Anxel Fole

Dedicado o Día das Letras Galegas en 1997

Anxel Fole

Ánxel Fole Sánchez naceu en Lugo no ano 1903. 

É un dos escritores galegos máis importantes do século XX.  Autor bilingüe en galego e castelán, cultivou ó longo da súa vida tódolos xéneros literarios: narrativa, poesía, teatro e mesmo ensaio xornalístico. Máilo eido creativo polo que obtén un maior recoñecemento é sen dúbida o da súa obra "contística", que se atopa, fundamentalmente, en catro libros de relatos: Á lus do candil (1953), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981).

Comezou os seus estudios no colexio dos Padres Maristas, logo ingresou no Seminario onde estivo seis anos e rematou o bacharel no Instituto, o único que había en Lugo naquela época, en 1927.

Na adolescencia descobre a literatura da man dos poetas románticos españois José de Espronceda e Gustavo Adolfo Bécquer e a partir de entón dedícase á lectura con verdadeira paixón. Da literatura galega lerá pronto ós poetas do Rexurdimento: Rosalía de Castro e Curros Enríquez. Tamén se entusiasmará con Valle-Inclán, Antonio Machado. O escritor Álvaro Cunqueiro , foi un  grande amigo seu e compañeiro de instituto.

No curso 1927-28 principia a carreira de Dereito e Filosofía e Letras na Universidade de Valladolid, coa idea de facerse notario mais logo trasladase a Santiago de Compostela... Nesta cidade continuará os seus estudios ata 1933, aínda que non chegará a remata-la licenciatura por problemas económicos e tamén polo feito de que se interesaba máis pola literatura e a vida estudiantil que polos seus estudios académicos.

Por estes anos vaise entregar de cheo ó xornalismo, que non abandonará nunca de todo. En 1931 inaugura no xornal lugués "El Progreso" a serie "Cartafolio de Lugo", que se manterá ó longo dos anos. En 1932 funda e dirixe tamén en Lugo a revista literaria vangardista "Yunque", onde se publicaron por primeira vez versos de García Lorca en lingua galega. En 1933 convértese en redactor do xornal vigués "El Pueblo Gallego". Foi corresponsal en Lugo da axencia de noticias Febus, máis tarde chamada Efe. En 1936, comezada xa a Guerra Civil en España, el mesmo se encargou de edita-lo número 10 da revista santiaguesa Resol, cando isto supoñía un evidente risco para a súa integridade física.

A guerra foi a causa de que non se chegase a publicar o seu primeiro libro de relatos "Auga Lizgaira" que estaba na imprenta para ser editado en 1936. De feito perdeuse e coñécense  soamente dous dos seus  relatos que publicara na revista Nós e un que saíra en El Pueblo Gallego. Coa guerra ten que interromper Fole a súa actividade .

A fins de 1941 deixa a cidade de Lugo, na que estivera a maior parte da súa vida, para vivir un moi prolongado contacto co mundo rural nos concellos de Quiroga, o Incio e o Courel que están ó sur da nosa provincia. Froito destas experiencias serán os seus dous primeiros libros de relatos: "Á lus do Candil" (1953) e "Terra Brava" (1955) e a peza teatral "Pauto do Demo" (1958).

Estas tres obras ambientadas no Courel, o Incio e Quiroga respectivamente reflicten moi ben, de modo especial ó comezo de cada unha, a xeografía destes lugares montañosos e tamén os traballos, os costumes, os divertimentos -en definitiva, a maneira de vivir- das xentes que a habitaban a mediados de século. Os seus escritos aportan unha información etnográfica e antropolóxica fundamental do medio rural galego antes da chegada da mecanización.

Malia o seu retiro no campo, continúa colaborando na prensa. No ano 1953 retorna a Lugo, e xa non volverá a cambiar de residencia. O 5 de outubro de 1963, día de San Froilán (patrón de Lugo) ingresa na Real Academia Galega . En 1972 publica o seu terceiro libro de relatos "Contos da néboa". Finalmente en 1981 sae á luz "Historias que ninguén cre" que será a súa derradeira obra de narracións breves.

Fole recibiu numerosas distincións. Foi un autor bilingüe, como non podía ser doutro xeito nos tempos  da dictadura.O castelán emprégao maiormente nos seus traballos de prensa, mentres que o galego domina na súa obra de creación literaria. A lingua dos seus relatos recolle a fala popular con presencia de abundantes vulgarismos, hipergaleguismos e dialectalismos, peculiares das zonas onde sitúa os feitos que conta.

Fole morreu en Lugo no ano 1986. Foille dedicado o  "Día das Letras Galegas" no ano 1997.-