Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

ANXEL FOLE

ANTÓN DE CIDRÁN

( do seu libro "Á lus do candil", 1953)



Inanque lle pareza mentira, o señor de Sabarei falaba moitas veces conmigo, mao a mao,coma se fora do meu igoal. Era o home máis cómpito do mundo.


Contóume ísto en Lugo, nunha tasca de Mosqueira. Gostáballe moito andar polas tascas, por moi ben traxeado que fose. Moi prantadoil, rebusto e sanguíñeo. Sempre viña a Lugo montado nun cabalo branco.

Antón de Cidrán era un labrego do Páramo que tamén trataba madeiras. O señor de Sabreréi díxome que era home moi botado pra diante e que se gobernaba moi ben na súa casa.

Unha vez veu a Lugo co seu compadre Pedro. Os dous viñeran a cabalo. Era polo San Froilán i o tempo estaba moi lento. Ainda non se fixera o feiral que hai hoxe. Xa sabedes todolos labregos, en tres leguas a redonda, van a Lugo polas festas do San Froilán. Inanque non vaian a mercar nin a vender. Tan soio por velos fuegos e por comelo pulpo. Mais iles foran a Lugo por rematar un contrato de travesas pra vía do tren. Pola mañán fixeran o contrato. Os dous estaban moi ledos, pois quedábanlles libres máis de sete mil reás. Levábanse moi ben e faguían moi bós choios. Nunca rifaran polos seus asuntos. Eran homes moi cabales iles, e non andaban un nin outro con díxome, díxome, nin con pataqueiradas. Tanto custa, tanto che dóu. Mercaron algunhas cousiñas pra as mulleres, e fóronse a comelo pulpo a unha taberna da rúa Miño. Comeron e beberon a embute, voma dous abades. E despóis fóronse ó café Español e tomaron seus cafeses e súas copiñas. E veña unha volta pola feira a velas barracas.

Coma lles foran ben as cousas, tamén había que merendar. Deixaron as bestas en cas Cosme, na mesma praza da feira, que se chamaba a plazuela da Herba.


Ninguén como Cosme pra preparar axiña unha merenda. ¡E qué bon viño de Chantada tiña! Alí estiveron outro bon rato, bebendo e parolando... O caso é que cando chegaron a Canturín xa era noite pecha.

Camiña que te camiña, logo chegaron a Paradela. Antón propoñialle a seu compañeiro que marcaran unha serrería que se vendía na Puebla. Pedro decíalle que era millor coller en aparcería o Muíño de Moscán. Faríanse ricos en poucos anos. Mais Antón vía mellor o da serrería. ¿Por qué non a serrera i o muíño? Ganarían moito máis, qui é do que se trataba. Os dous
vían chover onzas do ceo.

Tiñan que atravesar a campa de Xan da Cruz, pois decidiron, pra estar cedo na casa, deixar a carretera e ir polo atallo. Aquila campa é moi grande. Alí encórase moito a iauga polo tempo das choivas e outonía.

Pedro falaballe a Antón dos bós pesos que iban ganar co muíño e a aparcería. O viño facíalle ver todo moi doado. Xa estaban frente da campa. Seu compañeiro non lle contestaba. Tívolle que berrar:

-¿Qué che pasa, home, que nos dís nada?

-Para a besta - díxolle Antón.

Pedro notoulle algo moi raro na voz. Coma si collese medo, vamos.

E tiróu das rendas á besta. Preguntoulle:

-¿E que nos salen ó camiño? Levo un bon revólver na cueira do pantalón.

-¿Non vés - díxolle o seu compañeiro - unhas luces frente de nós, pola campa adiante? Por antre os carballos levan unha caixa de morto nun carro.

-Eu - Contestoulle Pedro - non vexo luces nin nada. Xa che dixen que non bebéramos tanto. Ti tivechela culpa.

-Xuraría - díxolle Antón - que vín un enterro. Agora xa non vexo nada.  Inanque me diran canto val o mundo, non atravesaría a campa. Vamos polo camiño da Encomenda, aínda que teñamos que arrodear.

- E decindo ísto, metéu espuelas á besta.

Seu compañeiro tivo que o seguir. Unha hora despóis deixábao na casa.

Ó día seguinte. Antón foi varexar as castañs, pola mañá ben cediño. Cando estaba no cimo do castiñeiro esbaróu e caíu. Debaixo había un carro cheo de ourizos. Espetouse nun fungueiro polo bandullo, e saíalle a punta polo ombo. Levárono á casa. Mais chegóu xa difunto.

Todo aquil día chovera a todo meter. A campa de Xan da Cruz estaba no camiño do camposanto. Toda ila se asulagara. Tiveron que levala caixa nun carro de bois.

É ben certo que o que vé o seu enterro en vida, xa está cun pé no outro mundo.-