Venta online brezo vallas Girona
Venta productos peluqueria, belleza y estetica Xpels
Venta ropa interior mujer Lintima
Uniforme laboral ropa trabajo Global Uniformes
Tiendas online Ecommerce ServiWebsi
Créditos para su tienda online

Galicia espallada

Unha recolleita da cultura galega

Literatura, historia, arte, música, gastronomía, galeguismo, tradicións, lendas, costumes, emigración

Á memoria de Manuela Viaño (1929-2013)

Antón Alonso Ríos


Antón Alonso Ríos



Antón Hipólito Alonso Ríos (Camporrapado, Cortegada, Silleda; 15 de agosto de 1887 - 1980), mestre, escritor, líder agrarista e político galego que presidiu o Consello de Galiza. Durante os tres anos que durou a Guerra civil fíxose pasar polo “Siñor Afranio” e foi mendigo, traballou nas colleitas e foi criado de casa. Conseguiu sobrevivir á vez que foi vendo como os seus amigos e compañeiros foron apresados, torturados e asasinados.

O seu pai, Manuel Alonso, era caldeireiro, polo que percorría as aldeas de Galiza de feira en feira ofrecendo os seus servizos. Até que un día, chega á festa de Silleda e coñece a Matilde Ríos, de quen namora e con quen casa. Co tempo porán no mundo doce fillos: sete homes e cinco mulleres. Manuel Alonso terá que deixar o seu antigo oficio para pór unha tenda de ultramarinos, e pouco máis tarde abre outras dúas tendas de ultramarinos en Silleda, onde Antón Alonso Ríos traballa como axudante no despacho dos negocios. Grazas á axuda de Vicente Fraiz Andión, director da Escola Normal de Santiago, Antón cursa en Santiago a carreira de Maxisterio. En 1906 termina os estudos e é nomeado profesor auxiliar da Escola Normal. Por razóns de saúde retorna a Silleda, onde se dedicará a traballar a terra.
En maio de 1908 imitou algúns irmáns e emigrou a Arxentina, de polisón no barco Aragón. En Bos Aires revalida o título de mestre, e ingresa como suplente nunha escola da capital. De aí pasou a exercer o maxisterio noutras escolas da provincia de Mendoza. Posteriormente, volveu a Bos Aires, onde exerceu como director de escola e do 1913 ao 1920 de profesor de Historia no Instituto Politécnico.
A súa preocupación política e social fora medrando, de forma que no ano 1909 colabora na fundación de Sociedad Hijos de Silleda, entidade que tiña como fin primeiro a creación de escolas. Alonso Ríos fai visible xa a súa preocupación pola calidade do ensino nas escolas creadas polos emigrantes, e defende a idea de que estes centros funcionen nun réxime de federación baixo programas comúns con profesorado escollido.
Alonso Ríos casa moi novo con Oliva Rodríguez, con quen tivo catro fillos: Oliva, Chamor, Ombú e Celta. Dende 1919 a 1931 Alonso Ríos leva a xerencia da Sociedad Científica Argentina, mentres que no tempo de vagar cursa estudos na facultade de Filosofía de Bos Aires.
O 24 de setembro de 1921 convócase o I Congreso fundacional da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales. Ese día xuntáronse 12 sociedades galegas na rúa Bolívar 655 da Capital Federal. A Sociedade de Silleda, dirixida por Alonso Ríos, e a de Ponteareas, dirixida polo socialista Ánxel Martínez Castro, collerán as rendas da Federación. Ao rematar o Congreso será elixido Martínez Castro Secretario Xeral e Alonso Ríos director do xornal El Despertar Gallego, que comezará a editarse a partir do 1 de xaneiro de 1922. No interior da Federación convivían dúas correntes maioritarias, por unha banda, o sector vinculado ao Partido Socialista (Martínez Castro) e pola outra, os socialistas, que se definían galeguistas, onde estaban Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo e Blanco Amor, entre outros.
Coa proclamación da II República en 1931, a Federación envía a Suárez Picallo e Alonso Ríos para que os represente en Galiza.
En maio de 1931 foi elixido unanimemente presidente da Asemblea Republicana da Coruña para o estudo do Anteproxecto do Estatuto de Galiza. Alonso Ríos tamén aproveita a escala en Barcelona para se entrevistar con Francesc Macià, e de volta a Galiza, fai escala en Madrid, onde ten un forte encontro con Casares Quiroga, a quen lle fai chegar as opinións da emigración, facendo fincapé nos dereitos nacionais de Galiza. Ao non sair elixido deputado en 1931 (posiblemente a causa dese mal encontro con Casares Quiroga) traballa como director da escola fundada polos emigrantes de Tomiño "Aurora del Porvenir".
Foi membro do Consello Directivo Provisional da Federación Provincial Agraria de Pontevedra, pola que se presentou candidato, integrado na candidatura do Frente Popular. Saíu elixido deputado e xuntouse ao grupo de deputados galeguistas, someténdose á disciplina do Partido Galeguista. Fixo un labor intenso en prol do Estatuto de Galicia.
A nova da sublevación do 18 de xullo chega a Galiza pola mañá, e pola noite Alonso Ríos participa na formación dun comité de defensa da República en Tomiño. Recolle carabineiros e concéntraos en Tui, co gallo de loitar contra os sublevados. Organizou a resistencia que protagonizou escaramuzas en Tui. Tras vagar varios días por distintos municipios, danlle acollida, xunto a Guillermo Vicente (alcalde de Tui), nunha casa en Torroña, onde permanece agochado dende o 31 de xullo até o día 11 de agosto. Polo perigo de seren atopados, deciden marchar varios días para voltar outra vez o 14 de agosto, permanecendo até o 19 de agosto. Alí chegaron a saber que andaban na súa procura e que mesmo Pablo Bugarín (cacique xudicial de Tui) prometera unha recompensa de 50.000 pesetas a quen entregase (vivo ou morto) ou fixese coñecer o lugar onde se atopaba Alonso Ríos. Tras saber que lles estaban lambendo os calcaños, deciden volver a marchar. Nese momento, Guillermo Vicente sepárase de Alonso Ríos. Será a derradeira vez que se miren. Alonso Ríos, coa intención de ir a Asturias, camiña polo monte até que atopa unha camposa axeitada, quedando dende o 20 de agosto até o 3 de setembro. Neste tempo decide facerse pasar por esmoleiro. Pasa por lugares como Gondomar, as Gándaras de Budiño, Budiño, Salceda de Caselas, As Neves, A Cañiza, Melón... comendo e durmindo en pousadas e pedindo esmola nalgunhas casas. Mais comezou a serlle difícil camiñar sen a documentación de pobre, xa que nalgunhas pousadas non lle deixaban entrar e xa lle tiñan feito algún interrogatorio.


O siñor Afranio


Para poder responder ás preguntas e non ser descuberto comezou a argallar unha historia. Fíxose pasar por portugués, autobautizándose como Afranio de Amaral, nome dun naturalista brasileiro. Co nome elixido inventou todo o demais: nacera preto de Lisboa, e aos cinco anos, xunto co seu pai tamén chamado Afranio, foi percorrendo Portugal pedindo esmola. Despois pasaron a Galiza e despois de traballar nun lado e noutro o seu pai morreu cando el tiña sete anos. Dedicouse a traballar xunto cun telleiro da Guarda, até que nunha casa de Quiroga na que fixera un apaño o colleron de criado. Alí permaneceu até que o colleu a peste de 1918, tras o que decide botarse ó camiño a pedir esmola de novo. O seu pouco oficio de pobre e a súa xentileza provocou que a xente lle chamase "Siñor Afranio".
Dende o día 18 ao 29 de setembro estivo en Albarellos. Despois de partir, tras pasar por varios sitios, foi acollido nunha casa en Sorribas. Alí mostráronlle interese por teren un patrón para gardar o gando e realizar diversas cousas máis. "Afranio", tras insistir en que lle deran o posto, foi aceptado traballando dous días de proba (1 e 2 de outubro). Alí pasou nove meses como criado da casa. De seguida pasou a traballar nunha casa en Moreiras, onde pasou un ano. Tras dous intentos frustrados, logra pasar a Portugal, onde trata cun pastor para que lle faga as xestións para o seu traslado ao Porto. Como a policía está outra vez sobre os seus pasos, un home que xa tiña axudado a pasar outros galegos e españois comprometeuse a axudalo, xa que o pastor levaríao a caer nas mans dos axentes de Oliveira Salazar. Agóchase nunha cova da serra da Peneda, onde pasa un mes. Despois disto chega definitivamente ao Porto, onde pasa varios meses, e despois vai a Lisboa. Embarca para Casablanca e de alí para Bos Aires no Lipari. En Bos Aires é recibido como un símbolo do triunfo da resistencia.

Exilio


Unha vez en América Alonso Ríos participa do galeguismo do exilio. En 1944 os únicos deputados galeguistas refuxiados en América (é dicir, Alonso Ríos, Castelao, Elpidio Villaverde e Suárez Picallo) fundan en Montevideo o Consello de Galiza, cuxa presidencia ocupa Castelao e, tras a súa morte en 1950, o propio Alonso Ríos.
Coa chegada da democracia, en Galicia non se procede como en Cataluña e Euskadi (onde os seus representantes no exilio voltan á súa terra como lexítimos presidentes).
Durante os últimos anos da súa vida, Alonso Ríos continuou participando activamente en todas as actividades patrióticas da colectividade, até a súa morte en 1980.


Obra

Noite i Amañecer de Galiza (1942).
Co pensamento na patria galega (Bos Aires, 1942).
Da Saudade, Amor, Arte e Misticismo (1956).
A cultura Galega na súa dimensión americán (Bos Aires, 1961).
Nidia.
Tratado da Velocidade.
O siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte (1979).